Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexionando sobre a identidade persoal

viernes, 24 de febrero de 2023
Como a nosa identidade ven definida polo ideolóxico, e este non está sobrado de precisións que sitúen no seu lugar as veleidades políticas que o envurullan, pensei que non estaría de máis abrir aquí a oportunidade de que o lector interesado aclarara algunhas ideas que andan ao garete polo mundo dos faladoiros políticos, das que todos botamos mans cando queremos criticar, en xerga coloquial, decisións dalgúns políticos con responsabilidades de goberno, consideradas desafortunadas. E non pretendo darlle a este artigo un rigor fora do meu alcance, senón apuntar espazos á reflexión, facilitando non esquecer os grupos e variedades ideolóxicas existentes.

Penso que é pertinente introducir unhas ideas aquí de Zubiri a fin de ir situándonos convenientemente na temática. Este metafísico utiliza dous termos diferentes, PERSONEIDADE e PERSONALIDADE, para designar dúas dimensións da persoa humana tamén diferentes. Co primeiro, "personeidade", fai referencia a aquilo no que a persoa consiste, é dicir, a súa específica e particular realidade persoal; e co segundo, "personalidade", de carácter modal, expresa a configuración da persoa ao longo da vida; esta non é un punto de partida, porque se vai facendo e desfacendo, e incluso refacendo ao través do tempo. Por iso, o último termo é unha expresión progresiva do desenrolo vital, como nos di Zubiri.

O antropólogo Rafael Gallegos conceptúa a cultura como unha serie de IDENTIDADES definidas polas distintas ideoloxías, que dan unha interpretación e unha visión do mundo, dos obxectos, usos, costumes, etc., así mesmo con matices diferenciais. Logo non hai que falar da ideoloxía, senón das ideoloxías, que son varias. Habitualmente, ocupámonos das ideoloxías políticas, principalmente das esquerdas, como se na dereita nas houbera, e case nos escandalizamos cando se fala das relixiosas, aínda que calquera delas forma os seus membros proporcionándolles unha certa identidade. Xustamente por isto cada grupo ideolóxico no que está o individuo confírelle a súa peculiar identidade, sen prexuízo das outras que non sexan contraditoras, de tal maneira que pode ser de esquerdas, católico, ecoloxista,..., e así cabe dicir que asume varias ideoloxías, mediante as que posúe as súas correspondentes identidades.

Polo aquí explicado, pártese de que a "personeidade" é única, mentres a "personalidade" vaise configurando ao través da vida, a que contribúe a dar un sentido conformado co desexo de plenitude do sentido existencial. Esta é a razón que me leva a pensar que a xestación das identidades e ideoloxías debe situarse na personalidade en función das súas vicisitudes. Por suposto, das ideoloxías pode cambiarse, incluso moi razoablemente. O cambio das chaquetas é outra cuestión, que ten a súa historia, principalmente no ámbito político.

O filósofo surcoreano, B.CH.Hans, profesor na Universidade de Berlín, escribe unha obra titulada A SOCIEDADE DO CANSAZO (Müdigkeitsgesellschaf, en alemán). Nela expresa como el ve a sociedade actual, precisamente semellando unha paisaxe patolóxica con trastornos neuróticos, depresivos e con un certo déficit de atención por hiperactividade. Todo o cal non lle pasou desapercibido ao filósofo D. Agustín Domingo Moratalla, profesor na Universidade de Valencia, que comenta outra obra de Han, "Hiperculturalidade", na que discute a idea cambiante da cultura, e engade que Hans recoñece que as identidades se constrúen, resaltando a importancia dos elementos imaxinativos cos que se lles da forma.

Con estes presupostos, cabe preguntarse polas figuras que, na actualidade, poden ser coadxuvantes referenciais na definición e conformación do sentido da persoa humana, algo que tampouco lle pasou desapercibido ao profesor Domingo Moratalla, quen, comentando esa referida obra de Han, "Hiperculturalidade", ofrece uns exemplos -os turistas, peregrinos e xograres- enfocados ao Ensino, nun traballo que publica en Estudios Filosóficos, número 206. E por todo o que teñen de descrición de identidades, permítaseme facerlles unha sinxela referencia, extrapolándoos aquí.

Segundo nos indica Moratalla, B. Ch. Han remítese a Zigmunt Bauman sobre as formas de construír na imaxinación a identidade moderna, que el sitúa na "postmodernidade". En atención ao turista di que vive o presente, que non está atado a nada, nin sente desexos e medos por nada e que o seu é "surfear" os lugares (entendo manterse en equilibrio no superficial das realidades). En cambio, o peregrino séntese inseguro nun camiñar incerto, que imaxina nun deserto, pola incerteza e inseguridade. Moratalla incorpora a figura do xograr, que lle interesa para o Ensino, que aborda no seu traballo, e sobre el di que hai investigacións que asocian os xograres aos poetas, compositores de danzas, xogos e actividades que dan gozo e alegría.

Se a identidade ven definida polo ideolóxico, facendo alusión ás tres figuras salientadas, sería pertinente preguntarse que elementos ideolóxicos definen cada unha delas, é dicir, que ideoloxías están na base das correspondentes identidades. Aquí creo que é suficiente unha breve indicación, porque a súa complexidade levaríanos moi lonxe, e confeso que tampouco estou sobrado dunha formación adecuada para iso.

Sinxelamente, apunto que a figura do peregrino adoece de incerteza, que comporta inseguridade, e non parece que se sinta cómodo nas comunidades nas que está integrado, e, polo tanto, ten debilitada a entrega radical ás mesmas. Han, no que atinxe ao turista, que cualifica de "hipercultural", afirma que vive no presente, non está atado por nada, nin tampouco sente desexos nin medos por nada, porque o seu é "surfear" os lugares, que entendo, repito, que busca o equilibrio vital sen profundar na superficie do real. En canto a figura do xograr, Moratalla formúlaa como a imaxe dun mantedor e actuante de tradicións, mediante a verdade, a proximidade, o contacto, etc., e dinos que é unha figura complexa, que incluso hai investigadores que asocian os xograres ós poetas, e ás actividades que causan gozo e alegría. Vaian, pois, poñéndolles as capas dunha e outra figura ás persoas que vostedes consideren merecedoras delas: aos políticos, as dos turistas; aos relixiosos, as dos peregrinos, e aos xograres, as dos divertidos e irónicos críticos. Acéptenos só como meros exemplos.

Todo o exposto nos parágrafos precedentes debería servirnos para moderar as manifestacións de lixeiras opinións relacionadas coa ideoloxía e identidade das persoas, posto que descoñecemos a maioría dos factores integrantes das mesmas, incluso en nosoutros mesmos. E no ámbito da política, talvez se evitarían certas impertinencias nas conversacións nos faladoiros e tamén as enrabechadas intervencións nos parlamentos, convertidos, con demasiada frecuencia, en lugares de aceiradas e torpes maneiras de manifestar como zalapastráns as lóxicas discrepancias.

Sen dúbida, os tipos de ideoloxía predominantes na actualidade explican en boa parte como nos comportamos colectivamente, e imaxínense vostedes o galimatías do anarquismo, do conservadorismo, do ecoloxismo, do feminismo, do liberalismo, do nacionalismo, diferentes grupos ideolóxicos que definen tal diversidade de identidades persoais que é un milagre acadar consensos. Certo que non están todos representados nos parlamentos; pero están incrustados persoalmente dentro dos grupos ideolóxicos da esquerda-dereita, extrema esquerda e ultradereita, e centro político, que, como carecen de suficiente peso para conseguir os seus obxectivos, utilizan a estratexia populista, mobilizándose cos desconcertados, para evidenciarse. Non parece, pois, difícil comprender que, nesta situación, non haxa democracia que poda manter incólumes os seus principios e métodos de actuación. Para vivir en democracia conviría empezar estudando e practicando as "Regras de Urbanismo", da escola do século pasado!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES