Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermón de entroido 2023

miércoles, 15 de febrero de 2023
Moi boas, xentiña de ben!
Vólvovos aquí predicar.
Tanto traballo me dades...
...nos sei por onde empezar...

Estou farto de ídolos
que teñen pés de barro.
Fanvos catro caralladas
e lévanvos ben cheo o carro.

Así vos foi co Djokovic
que é un gran tenista
pero quería saltar a lei
como un bo negacionista.

"A lei é para os pobres",
pensan estes altos divos.
Viven entre tanto boato
que xa perden os estribos.

Hai que falardo WillSmith
que foi de machomen.
Deu unha hostia nos Óscars,
perdeu o creto que ten.

Deixade os pés de barro.
Falemos do interesante:
docorazón dun cochiño
fixéronvos un transplante.

A ciencia vai avanzando,
Isto évos unha sorte.
Dotade ben a ciencia
deixade o boato na corte.

Que boísima noticia,
que tremendo notición:
agora os porquiños
xa nos dan o corazón.

Vouvos aproveitar isto
para dicirvos a verdade:
non hai mellor inversión
que a que vai para sanidade.

O mundo estavos a ferver
nesas brasas do capital:
algo grave se estácocendo
e pódevos ser mundial.

A guerra, querido pobo,
remata con toda verba.
Queima a vida enteira.
Non vos deixa medrar a herba.

O humanismo, miña xente,
évos un ben escaso.
Mesmo parece que o mundo
bótase cara o fracaso.

Putin xógavos co gas.
Todo vos é por conquistar.
Sóbennos a vida tanto...
...a onde iremos parar?

O peor desas putas guerras
sonvos as vidas segadas,
pois ningunha se devolve
cando as paces son chegadas.

Os talibáns xa retornaron
(na terra de Afganistán).
Tan solidarios vos somos
que nin sabemos como están.

Ao principio todos abraiados
porque todo é noticia.
Aos dous días esquecemos
(xa se acabou a primicia).

Mais, co visto, un pensa
que deben estar mal.
Non hai peor desgraza
que un réxime medieval.

Como estarán as familias
vivindo sempre co medo.
E coa miseria defronte
chamando á porta cedo.

Nostradamus non falla,
anque a veces se confunda.
Este ano xa vos acertou
coa morte de Isabel II.

Éravos unha gran muller
que moito leva vivido.
A súa morte chorouse
máis alá do Reino Unido.

Ela tiña algo exemplar,
un sorriso de virtude
e fixo do seu reinado
modelo de rectitude.

Algo terá esta muller
para ser nomeada este ano,
con catro coplas de pracer,
nun sermón republicano.

Do presidente Johnson
a lembranza évos triste:
gran festa en Downing Street
moita carallada e máis alpiste.

O problema meus amigos
é que, nun mundo confinado,
non pode haber un político
andando tan desbocado.

Seguimos cos incendios
(a maioría intencionados).
Os cabróns que os acenden
habían ser enreixados.

Eu xa teño pensado
un castigo de antemán:
habían pasar á sombra
a primavera e o verán.

Moito me gusta a min
este Papa Francisco:
pide perdón aos indíxenas
e non se corta un chisco.

Unha voz que falara claro
facíalle falta á Igrexa,
que se abrira á humildade
con man firme e con voz rexa.

Somos moitos co Papa
(orfos ata que chegou).
Con el volveu o interese
polo que Cristo predicou.

A Igrexa recoñece erros
para achegarse á humanidade.
Canto máis se limpe de boato
máis se achegará á verdade.

Este ano finou unha boa amiga
(muller de paz e alegría),
loitadora ceibe e tenra:
a Saleta de Manuel María.

Xuntos voan para sempre:
dende a Cha ao mar
dende o mar á Cha
andan sempre a namorar.

Despois de coñecer ben
ácompañeira do poeta,
envío apertas cara o ceo:
ata sempre gran Saleta.

Neste mundo, meus veciños,
faivos falta ecoloxismo
pero algúns, na defensa,
bótanse ao vandalismo.

Que culpa teñen os cadros
da tolemia do mundo?
Ide polos peixes gordos
non perdades un segundo.

Se queredes este cambio
facédeo con moito xeito.
Non perdades a razón
desfacendo o ben feito.

O mundo no que vivimos
teima en cambiarvos de lado.
O ano que atrás quedou
tróuxonos golpes de estado.

Brasil, Perú e china
(vendopreto a invernía)
saíron ás súas rúas
a botar a tiranía.

Aprendede moitodeles
a ser pobo en dignidade:
ocupando ben as rúas
xa se gaña a liberdade.

Tamén vou falar do mundial
que vai de aquí para alí.
Este ano seica lle tocou
a ese emirato catarí.

O fútbol é pouco ético.
Por iso élle igual xogar
nun país que vos permite
ás mulleres lapidar.

Garamendi sóbese o soldo
(din que o nove por cen).
A outros quere baixarllo:
que cara máis dura ten.

Esa besta do capital
non vos ten compaixón:
o que fica atrás é tonto,
o que o deixa un campión.

A prensa rosa cánsame
(deixádea ir para aló):
non falarei da Shakira
nin da Tamara Falcó.

Este tempo, veciñanza,
precisa ledicia xovial.
Máis poesía e música
e menos pompa capital.

Acabo xa, meus amigos,
saudando ao entroidiño.
Recibámolo con carne,
pan, orellas e bo viño.

Con vós heino celebrar
eu de todo corazón
pero agora erguédevos
que vos dou a bendición:

Quérete ceibemeupobo
coa esperanza e a dignidade.
Vai cara adiante con forza
defende a túa liberdade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES