Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 08 de febrero de 2023
O Vento

Díxenlle ó vento que non correra. Non me fixo caso. Logo, para máis aquel, e a maiores, zoaba. Mireino de mala maneira. De esguello non, de mala maneira. E insulteino. Como nunca insultara a ninguén. El, en vinganza, revolveume o paraugas. Menos mal que este era vello e non me preocupou moito. Aínda así volvín a insultalo. Ó vento, claro. Segundo o insultaba xa me engruñei un pouco esperando a reacción del. Pingas de Orballo Do vento, digo. Quedei pampo. Porque, logo de insultalo, calmou. De súpeto. De golpe. De socato. De repente.
E, así, o silencio reinou no instante, no momento. No máis profundo convencinme de que os meus insultos, pola contra, foran bos. Certo que me esnaquizou o paraugas, pero como non me achantara, el, o vento, colleu medo. Porque eu podía pasar dos insultos ós feitos. Que feitos? Sinceramente, agora mesmo non o sei. Tampouco sei como reaccionaría ante unha segunda falcatruada del. Sen paraugas, o vento podía optar por facerme dano. E se non o conseguía? Eu, como dicía aquel anuncio ou reclamo ou algo semellante, nas distancias curtas son perigoso. Moi perigoso.
Agora, pasado un certo tempo xa, non lle podo dicir que non corra (ó vento) porque non hai tal vento. Nin tan sequera no alto do outeiro ó que acabo de subir. Todo está en calma e en silencio. Cada vez máis convencido de que me colleu medo. O vento, digo. E non, non lle penso dicir nada ó silencio. O silencio é bonito. Sempre foi bonito.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES