Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 02 de febrero de 2023
Á caza do golfo

Aproveitando que deixou de chover, collín o fouciño e marchei na busca e á caza de Clodomiro Fuster, O Golfo. Uns dicían que seica andaba ás agachadas polo monte de Pinouzos, en Baños de Molgas, mentres que outras fontes situábano nos Castros, de Cartelle. Optei por dirixirme cara á Pinouzos porque coñecía mellor a zona (media vida Pingas de Orballo andando coas vacas nese monte) e porque pensaba que tiña mellores recantos para esconderse.
Desde a mesma presa da Porfía, xa revolvín matogueiras e levantei a ollada cara ás copas dos amieiros, por se lle dera subir a eles. Mesmo cheguei a inclinarme sobre o río Arnoia por se agochaba entre as carrancoñas das árbores. Da Porfía goldrei o río cara ó Río de Vide, e deste fixen o mesmo, pero á altura de Barricobos. Aquí mirei entre os penedos da barronca que baixaba da Chaira e incluso naqueles buracos que de rapaces fixeramos ó xogar á porca.
No Río Vello metinme por entre unha silveira que había á entrada e tamén nas caldeiras dos lameiros. O Golfo seguía sen aparecer. Cando me dirixín ó Guichón non tardei en velo detrás dunha toxeira. Collino pola solapa e, aínda que non son Íñigo Montoya, cuspinlle á cara: "Son Secundino Solsona; ti mataches ó meu pai; prepárate a morrer". Erguín o fouciño, vin tanto medo nos seus ollos que, nun amén, solteino e deixeino escapar. Ó chegar a Baños de Molgas contei que non o vira, que andaría entón polos Castros de Cartelle.

Xuntos nunha pedra

El segue o ritmo da música cos pés. Ela acompaña o tema musical coa cabeza. Os dous están sentados nunha pedra, ó sol, e co mesmo auricular, o que significa que están moi xuntos, case pegados, pero sen tocarse. Non obstante, ela oe perfectamente os latexos do corazón del. El, de esguello, ve un certo rubor na cara dela. El, ós cachos, Pingas de Orballo raña a cabeza. Ela, por veces, tamén quere seguir o tema musical cun leve asubío. A el faille graza a postura dos beizos dela. El sorrí.
O tempo pasa e todo cambia. Entre eles tan só cambiou o tema musical, que avanza. Aínda que tamén é verdade que unha certa calor sobe polos corpos del e dela. No alustro, no instante que vai no cambio dunha canción a outra, míranse os dous, ós ollos. O rubor dela aumenta. Os latexos del máncano no peito. Aí xa cambiou algo: un tic nervioso e desexado no que, tanto el coma ela, sen saber como (ese tic nervioso?), rozaron as pernas.
Aí o tempo non pasou. Aí o tempo detívose e todo quedou en silencio. Menos o tema musical. Pero el e ela non estaban xa como para caer na conta de que estaban escoitando algo, de que alguén cantaba. Todo, para eles, estaba en branco, calmo, plácido, quedo. Ela só pensaba que el estaba nervioso. El só vía que ela vestía de azul. Un berro na distancia de alguén rachou o silencio. Eles espertaron do soño ou da fantasía e ergueron da pedra. Soaba xa outro tema musical nos auriculares del.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES