Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Begonte do Belén: Medio século do Belén de Begonte

jueves, 26 de enero de 2023
Foi en decembro de 1972: Onte mesmo. E, sen embargo, hai xa tanto tempo… Teño esas sensacións contrapostas: "Onte mesmo" e "tanto tempo"… porque este medio século pasou moi rápido, nun longuísimo suspiro.

Na Delegación lucense do Ministerio de Información e Turismo, o crego de Begonte era un amigo. José Domínguez Guizán fixérase cargo do Teleclub de Begonte, acudía con frecuencia ás nosas oficinas e contábanos os seus proxectos, as súas ideas, o seu interese en facer cousas novas, diferentes, na súa parroquia.

Xa se tiña volcado en xestións cos organismos pertinentes para conseguir que se trazasen e construisen pistas para diversas parroquias do concello. Sempre andaba"tramisando" que viría a significar "tramitando", "xestionando","empuxando"… e no 1972 quixo poñer Begonte no mapa, e de paso, conseguir para os seus feligreses unha representación plástica para mellor entender, entrar, no Nadal.

Daquela soubo que no Centro de Formación Profesional Acelerada de A Coruña fixeran un Belén con figuras móbiles, grazas á electrónica que daquela era pura ciencia-ficción. Aló se foron o cura José Domínguez e o artista amigo José Rodríguez Varela – Vareliña – en belenístico espionaxe (logo virían outros a Begonte para aprender do noso Belén) volvendo convencidos non só de que podían montar un belén simmilar senón que poderían melloralo.

E aquel Nadal naceu un Belén electrónico animado que foi bendecido por Monseñor Araujo, bispo de Mondoñedo. E comezou a vida dun Belén, renovado cada ano, medrando cada ano, que foi incorporando Certames literarios (poesía e xornalismo), de debuxo infantil, e por fin de arte, este último co nome do fundador – Premio de Arte José Domínguez Guizán- que nos deixou en 1986. Tamén o Centro cultural que impulsa o Belén leva o nome de José Domínguez Guizán.

Desde o pasamento de José, fíxose cargo da iniciativa o seu irmán, tamén crego, Jesús, potenciando o Belén ata o que hoxe representa, sempre seguindo o rumbo marcado polo fundador. Os Domínguez Guizán eran tres, José, Jesús e Milagros, que axudou aos irmáns cregos durante toda a súa vida. A praza inmediata ao Centro Cultural que alberga o Belén leva o nome dos Irmáns Domínguez Guizán.

Begonte do Belén

Foron os alumnos do Seminario de Mondoñedo que hai ben anos, no canto de falar do "Belén de Begonte" falaron por primera vez de "Begonte do Belén". Gustou o nome, axustado á realidade. Begonte cada vez se ve máis no Belén, e cada vez máis o Belén representa a Begonte.

Porque o Belén nado en Begonte ten vocaciòn local e xeral; e reflicte o acontecido en Galilea desde a perspectiva da Terra Cha, sendo un espello da vida campesina da Chaira de comezos e mediados do século pasado. As escenas son chairegas, con perspectiva universal… E no belén reflíctese o día e a noite, a neve e a tormenta, o traballo humilde e o castelo de Herodes, a pobreza do Neno e o peregrinar dos poderosos na percura do milagro…

No 1977 o Belén medra ata chegar ao tamaño actual. E Varela vai conformando un Belén garimoso, esencial, infantil. Infantil, porque está feito para os nenos e para quen saiba seguir sendo neno; sensible, ilusionado, cos ollos abertos coma os nenos. Un Belén que consegue que cada ano veñan a Begonte milleiros de persoas; arredor de 40.000 cando o Covid veu marcar os pasos das nosas vidas.

E a situación propiciou que o Belén entrase con paso firme no mundo novo de Internet para facer ver Begonte en todo o mundo. E aos 40.000 que sen dúbida este ano volverán ver o Belén teremos que xuntar os que desde calquera lugar do mundo, poden asomarse ao Belén - en galego, castelán e inglés -, para contemplalo desde os infinitos begontes que no mundo son.

Medio século

Estamos inmersos nas celebracións do primeiro medio século do Belén, abertas o dous de decembro polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela. E esta celebración ten que marcar un tempo novo para o Belén, para Begonte do Belén.

As celebracións, en verdade, comezaron cando as primeiras autoridades de Begonte – o Alcalde, José Ulla e o Tenente de Alcalde, Luis Luaña – visitaron á S.S. O Papa Francisco no Vaticano para informalo do cincuentenario do Belén, invitalo a que veña a Begonte cando visite Galicia, e entregarlle como agasallo unha reproducción do primeiro monumento dos que van ser instalados nas dezanove parroquias begontinas, inspirados en motivos do Belén.

Esta primeira escultura, obra do lucense César Lorenzana, representa unhas botas de camiñante que marcan o arranque dun Camiño ao Belén, intanxible pero real, que percorre todas as parroquias begontinas para confluir no Belén electrónico e naturalmente, no Museo do Belén que leva o nome de José Rodríguez Varela.

E un gran mural de Diego As proclamará en Begonte, á beira da Nacional VI, que naquel pobo chairego hai un Belén que Galicia ha declarado de Interese Turístico Galego, que - cumpridos estes primeiros cincuenta anos – vai loitar por ser de "Interese Turístico Nacional".

Este cincuentenario, pois, é un "suma e segue" para un Belén electrónico que é unha ollada garimosa e admirada ao que aconteceu en Galilea, visto desde un pequeno concello da Terra Chá.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES