Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Horizonte compartido

viernes, 20 de enero de 2023
Neste artigo pretendo suxerir unhas reflexións -aínda que sexa a beneficio do inventario que aconsellan as miñas limitacións- sobre algúns dos efectos perniciosos das "posverdades", así como algunha forma de evadirse deles, dos que me ocupei na última publicación neste medio de Galicia Digital. Para evitar as posibles incoherencias, tomo como referente o concepto de horizonte, e entendo como tal, para este mester, o faro conceptual orientador e limitador do comportamento da persoa humana e das colectividades sociais. Así que considerarei dous tipos de horizontes: individuais e colectivos.

A pesar de que actualmente o "homo sapiens" pasou de ser, segundo parece, de "homo faber" marxista a "homo mediaticus", a información da pandemia Covid-19 foi deficientemente dada, un claro exemplo de "posverdade": Ni tan sequera sabiamos nada fidedigno sobre a súa orixe nin o relativo as implicacións terapéuticas. E aínda que os gobernos non podían dar a información que non tiñan, si podían evitar as manipulacións da mesma. Así houbo dúas soterradas leccións: o alcance da fraxilidade humana e a servidume dalgúns medios, que favoreceron "a política da posverdade".

Deste xeito os medios non realizan o control do poder político, senón que este, máis ou menos solapado, contrólaos a eles. Creo que é acertada a afirmación do filósofo Popper de que a democracia, por esencia, debe asumir ese control; pero parece que agora ocorre ao revés, como evidencian aqueles que non perden ocasión de simular defendela, mediante o recurso a "posverdade", que é a corruptora por excelencia das democracias.

Cando menos da a impresión de que certos comportamentos de responsables dos destinos dos países teñen empobrecidas algunhas das tres clases de racionalidade (e no seu caso, do razoable), que máis necesitan: A racionalidade "mesolóxica", que atinxe aos medios apropiados para acadar un fin ou obxectivo; a teleolóxica, para decidir o fin en prol dun horizonte preestablecido, e a deontolóxico, relativa as normas.

Prestando a suficiente atención ao uso da "posverdade" imperante, pode desvelarse a falta dalgunha destas clases de racionalidade; pero talvez a máis importante sexa a teleolóxica, que opera ao modo dunha causa final, que comanda a causalidade, posto que fai que a súa eficiencia actúe plasmando a propia forma dela no que se realiza; e, xustamente por iso, desorienta aos destinatarios cando non se respecta o horizonte que se lles ten transmitido. A conclusión é que senten un desnorte nos comportamentos nalgunha fase dos procesos que deben conducir cara a el. E con referencia ao horizonte colectivo soe percibirse a incoherencia do individual con el, manifestada pola persoa promotora da "posverdade", á que sela coa indignidade pública, que, pouco perceptible ao principio, a súa reiteración incide con sorprendente vigor catalizando as conseguintes perturbacións sociais.

Polo tanto, quen ostenta a dirección dos destinos dun país debería asumir un horizonte referencial compartido, sempre aberto á comprensión dos cidadáns, para non perder os momentos decisivos por oportunos, incluso, para a reestruturación institucional, desbotando as argucias dimanantes das inconsistencias persoais. Isto esixe evadirse de peches, abrindo o horizonte ao discernimento común, en evitación da quebra vectorial dos criterios orientadores, que con frecuencia resultan demasiado ambiguos. Abrir as fiestras do propio horizonte a outros más amplos, para ensanchar o camiño ao futuro, é sempre unha decisión excelente por apropiada e por enervante da perturbación dos efectos dos PEQUENOS EGOS, que, máis ou menos, a todos os humanos nos azoutan en algún grao, que se encarga de activar a incontinencia política.

Tamén debe considerarse o diálogo como unha eficaz evasión do recurso ao uso da "posverdade", esixido pola mesma razón, porque o peche das comportas da comprensión conduce a un descoñecemento do OUTRO, perdendo a sinerxía do NOSOUTROS, xeradora da solidariedade. Ademais, as pechaduras do diálogo, no ámbito político, soen estar catalizadas por dous excesos: Un progresismo desnortado ou un conservadorismo empeñado en dar o barco ao vento. Os primeiros encontrarían a saída nun HORIZONTE COMPARTIDO, e, os segundos, no esforzo cooperativo, dentro deste horizonte, en axudar a canalizar as dinámicas sociais impostas pola evolución cultural, evidenciando unha visión adecuada das tendencias históricas.

Hai, pois, que pensar globalmente, aínda que se actúe localmente. Xa o dixo moito mellor o filósofo: HAI QUE PENSAR EN GRANDE E ACTUAR EN PEQUENO. Posiblemente a chave disto estea na gabeta dese "horizonte compartido", considerando que globalizar nestes nosos tempos é un imperativo que se impón, e que a singularidade de cada país, antes ou despois, terá que asumilo adaptándose ás esixencias contextuais, e non será fácil se non se deixa campo aberto á rigorosidades das racionalidades mesolóxica, teleolóxica, e deontolóxica, posto que se necesitarán medios adecuados, fins compartidos e normas eficaces nos ámbitos xurídicos e éticos, que regulen os deberes.

Permítanme terminar advertindo a escasa reflexión que se detecta na actualidade, que, sen dúbida, ten que ver coa falta de harmonía nas relacións sociais, e non facilita a sociabilidade. A harmonía impide a incoherencia entre o que somos e o que desexamos ser, evita caer nas pretensións dunha extrema ridiculez e fortalece os consensos, que dan solidez as decisións. A sociabilidade, indiscutible enriquecedora da praxe política, debería entenderse como coñecemento propio ("autocoñocemento"), que é o que nos facilita pasar do INDIVIDUAL a integración no NOSOUTROS.

Ademais a política influenciada pola competencia "mediática", desencadea nefastas precipitacións e desconcertantes prexuízos, dando renda solta aos influxos inconsecuentes de certas emocións, configuradoras de moitos erros cognitivos. Xa que, incluso, hai algunhas vítimas políticas dela que ata chegan ao extremo de crer que se pode facer política sen políticos asisados e gobernar sen institucións, e desta maneira vanse degradando os valores da "dignitas democrática", na que simulan fundamentar as súas decisións, hipocritamente, os gobernantes que pretenden adecuar o ambiente ao hábitat das súas carrachas ideolóxicas; pero..., iso si, coa aparencia de fidelidade ao un horizonte compartido, sen esquecerse de activar, ao amparo desta astucia, os solapados recursos estratéxicos para acadar inconfesables e persoais obxectivos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES