Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un presunto señor

lunes, 09 de enero de 2023
Un presunto seor Ata eu tiña a Carlo Ancelotti como boa persoa. Pero as súas declaracións logo do partido da Copa do Rei entre o Cacereño e o seu equipo merengue, demostráronme que é tan estúpido coma os demais. Coma os demais que traballan ou pertencen ós grandes equipos da liga española. Son tan egoístas que, a pesar de ter xa todo o poderío que teñen, aínda queren máis. E non lles importa seguir asoballando no pequeno, no club modesto.

"Para min, isto non é fútbol, é outro deporte", declarou logo dese partido e en clara referencia ó estado do terreo de xogo. E máis declaracións que non teñen desperdicio: "Era un partido ó que non estaban acostumados" (os seus xogadores, se entende). "Cun céspede no que non se podía xogar o balón raso".

Parece mentira que un adestrador que foi futbolista faga estas declaracións. Certo que el, ó nacer en Parma (unha cidade, na que se iniciou nas súas categorías inferiores), xogase xa en máis ou menos bos campos de herba. Pero seguro que coincidiría con xogadores que, nos seus principios, non lles quedaría outra que adestrar e xogar en auténticas pataqueiras e incluso en campos cheos de bulleiro.

Non estaban acostumados. E como non están acostumados non son dignos de baixar á realidade futbolística da inmensa maioría dos clubs españois. E tan inmensa, pois mesmo na primeira división hai campiños que pouco mellor son que os dos clubs máis modestos.

Non se pode xogar o balón raso. Que xoguen por arriba, que para iso son os máis altos, os máis fortes, os máis guapos, os máis chulos. Coma se os do Cacereño ou os do Arenteiro non xogasen raso. Imaxino que as súas queixas referiranse máis a que se tiveron que luxar no bulleiro ou tropezar nos terróns que se levantaban. E podían mancarse; uns xogadores que ganan millóns de euros. Que se manquen os modestos, que están acostumados ás feridas dos talleres mecánicos, ás feridas causadas a causa da roza nos montes ou no momento de apagar lumes. Porque moitos xogadores deses equipiños modestos teñen que realizar eses traballos e marchar, correndiño, a adestrar ou a xogar.

Para que despois digan que o fútbol tal ou cal. O fútbol é marabilloso: acaba de amosar a auténtica personalidade de todo un presunto señor: don Carlo Ancelotti.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES