Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A posverdade na súa ruta

viernes, 06 de enero de 2023
Parece que a "posverdade" é unha palabra que se necesitaba, sobre todo para cubrir brevemente na comunicación a expresión conceptual de contidos homólogos en ámbitos distintos. Así o deberon de entender os distintos grupos de estudosos que, na Universidade de Granada, celebraron un simposio co título de "Posverdad a debate". E o Dr. Sequeiros, que, entre outras moitas actividades culturais, é Presidente da Asociación Interdisciplinar José de Acosta (ASINJA) e Colaborador da Cátedra Francisco J. Ayala de Ciencia, Tecnología y Religión, ofrécenos, en Fronteras CTR, un zumarento resumen das conclusións do simposio, que aproveitamos para definir o concepto e a súa corta historia.

Considérase a "posverdade" como unha especie de mentira emotiva, e enténdese como tal a distorsión deliberada da realidade, na que priman as emocións e crenzas persoais fronte aos feitos obxectivos. E resáltase a intención de modular a opinión do público e influír nas actitudes sociais. Talvez sexa importante reter que aquí trátase de coar unha mala información, que, xustamente, leva, no ámbito político, a denominación de POLÍTICA DE POSVERDADE. E aproveitamos para indicar a urxencia de erradicar isto, sobre todo, neste ámbito, no que está causando unha desacougante e perigosa discordancia entre considerables sectores do pobo e o seus representantes nas institucións, debido a acentuada desatención ás réplicas fácticas nos regulamentarios debates, ignorando que aquilo que se presenta con aparencia de ser verdade non garante a verdade e indigna aos destinatarios.

A elección de Donald Trump e a campaña do Brexit incrementaron a utilización do termo "posverdade" nos medios de comunicación; pero hai quen sostén que a súa orixe aparece na crise do 2.008. Tamén se fala da derivación da "política de posverdade" dos políticos que negaban o cambio climático, entre os que se encontraba Trump. Así mesmo se menciona a abordaxe desta política na revista The Economist en Austria, Alemaña, Corea do Norte, Polonia, Rusia, EE.UU., etc.

Do que nos informa o Dr. Sequeiro en relación co Simposio da Universidade de Granada, apuntamos algo que define a ruta do termo en distintas disciplinas. Por exemplo, na Tecnoloxía é evidente que as máquinas non enganan, pero poden ser programadas polos deseñadores con diversos fins, e tamén poden aparecer "posverdades" cando os interesados manipulan a interpretación dos resultados dos procesamentos de grandes datos nun ordenador; psicoloxicamente, non se pode evitar, sen a necesaria autocrítica, que a memoria do pasado e a súa reelaboración cognitiva procesada queden afectadas polos sentimentos, emocións, compromisos, ..., caendo no mendaz; igualmente a creación de tendencias, que catalicen inseguridades, nunha sociedade, pode activar posibles conspiracións máis ou menos soterradas; e, por suposto, o campo das reflexións filosóficas é moi propicio a introdución das "posverdades"; non esquecemos tampouco os amaños na Economía, como, igualmente, que non é nada fácil interpretar o pasado desde o presente, polo que, non se pode excluír a Historia, que, coa Política, abonándose mutuamente, comprometen a Educación, que pode conducir aos críticos por canles adecuadas para desencadear discursos con "efectos da verdade interesada". Como se ve, o contido denotativo estaba xa aí, o termo apareceu e sumou os connotativos.

Permítanme, pois, que, como complemento do exposto, lles ofreza unhas breves reflexións, que espero sexan de utilidade. En primeiro lugar, e a propósito do Simposio arriba mencionado, destaca a extensión que se lle está concedendo ao concepto de "posverdade", que non parece fácil de delimitar, posto que a introdución das emocións e das crenzas persoais na súa definición leva a unha difícil exploración na intimidade de quen se comporta realizando o contido do mesmo. E, en canto a intención de modular a opinión do público e influír nas actitudes sociais, non parece nada fácil de verificar, porque soe deducirse das actuacións da persoa a que se lle atribúe, e non se presenta indiscutible a debilidade que comporta este método nestas pescudas.

Penso que tal frecuentado concepto adoece dunha certa ambigüidade que, fora dos ámbitos coloquiais de certos niveis, o seu propio uso non se presenta libre de dificultades. Supoñamos, hipoteticamente, que a "posverdade" se utilizara para tipificar accións delituosas, seguramente dificultaría a labor dos xuristas. Sen dúbida, son moitas as connotacións introducidas polas prácticas políticas, e non poucas, as dos medios de comunicación. Para non caer nunha embarazosa exposición, talvez debería limitarse o termo á pragmática política. Solicito desculpas de vostedes, amigos lectores, para introducir aquí un exemplo que pode encadrarse na Antropoloxía, no ámbito da Educación, á que se estenden os debates do aludido Simposio, segundo deduzo da máis arriba citada información.

Fago referencia ao "pensamento salvaxe", abordado polo antropólogo C. Levi-Strauss, na súa obra do mesmo título, na que se ocupa das actitudes ocultas do ser humano, tales como os mitos, crenzas, ritos, etc., dos que afirma que non tiveron moitas variacións ao través dos milenios que transcorreron. Recórdolles que este estudoso francés introduciu o estruturalismo nas Ciencias Sociais, e di que o pensamento científico crea acontecementos mediante unha estrutura teórica, mentres que o "salvaxe" crea as estruturas ao través dos acontecementos. Non obstante, el non mantén que este pensamento sexa exclusivo das sociedades salvaxes, senón de calquera pensamento que non trate de domesticar á natureza para coñecela.

Tampouco se debe ignorar unha certa defensa dos primitivos seres cabalmente humanos, e neste ámbito xorde unha "psicoloxía primitiva" que acaba xustificando a ideoloxía racista, incluso en Gran Bretaña, onde destacadas personalidades non se recataron de afirmar que a sangue anglosaxona é máis potente que a das outras razas; pero, en cambio, a súa linguaxe -din- é máis simple, máis perfecta, cun simbolismo sinxelo, respondendo deste modo á singularidade da cultura dos primitivos. Nesta liña parece que se situou, incluso, Levi-Strauss, como que se deduce da súa ponderación dos primitivos, considerando que pensan tan ben como os occidentais.

Pois ben; en todo isto asoman os casos de "posverdade", con intención de influír nos comportamentos sociais; pero hai algo máis importante, que se evidencia sen empregar moi esforzada reflexión, que ese concepto radica na subordinación e reorganización dos feitos desde ideoloxías dos específicas e, desde logo, con clara vontade política, de matiz nacionalista e racista; así que a ruta que parece máis adecuada para popularizalo e a política. E non debería sorprendernos a utilización disto aos españois nas circunstancias políticas actuais, porque a "posverdade" nalgunha praxe política, con fins ideolóxicos de índole racista e nacionalista, azóutanos todos o días. Aquí o denotativo está na súa propia ruta, nas mans dos tafures, e a connotación nos grupos adictos aos mesmos, ou de comportamentos análogos en calquera ámbito.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES