Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A argallada dos dereitos humanos

lunes, 02 de enero de 2023
A argallada dos dereitos humanos Feliz ano 2023. Porque levamos xa un día do mesmo. E sei seguro que, coma todos os anos, cada 31 de decembro, no momento das badaladas, no instante en que comemos ou tragamos as uvas, os desexos de cada un enchen o niño da nosa conciencia. Todo é unha farsa, unha falacia. Moita bondade nese momento e pouca memoria no transcurso dos minutos.

Se hai algo que está por enriba de todo (vale, exceptuemos a saúde) son os dereitos humanos. Estes, ano tras ano, desexo tras desexo non tardan en converterse en auga de bacallau. Deuse a coincidencia de que durante todo o mes de decembro pasado; é máis, durante a segunda quincena lin dous libros e vin dúas películas que me amosaron que tales dereitos humanos, tal declaración universal dos mesmos é unha das grandes e maiores argalladas que existen, que o seu preámbulo e os 30 artigos ditáronse e escribíronse para a galería.

O libro Desde el país de los blancos, de Ousman Umar, fala das pateras, das calamidades dos inmigrantes chegados de África, do racismo a causa da cor de pel dos africanos e do trato e subsistencia nos países "civilizados". Certo que o protagonista tamén fala da felicidade, de cando unha familia branca o acolleu coma un ser humano normal e corrente. Pero para chegar a ese instante, pasou as de Caín e Abel, como se adoita dicir.

O libro Esclava de la libertad, de Ildefenso Falcones, conta a historia de dúas mulleres en épocas distintas: a Cuba escravista colonial e a España do século XXI, e todo baixo o prisma do racismo e as inxustizas, tanto na Cuba do século XIX e mesmo na España da actualidade. Que si, que o dixen sempre: que agora mesmo somos uns dos países máis racistas do mundo e aínda hai moita escravitude.

A película E-Team é un documental devastador sobre certos conflitos en países rexidos por gobernantes sen piedade e sen alma. E o filme Nacido en Gaza é outro documental sobre a vida de dez nenos entre as bombas que lanza sobre Gaza de cando en vez, ou sexa, moi a miúdo ese fillo putativo dos Estados Unidos chamado Israel. O horror da guerra, logo de pasadas esas badaladas nas que todo é de cor de rosa ata que a memoria mingua no recanto da indiferenza e da maldade. E mingua en cada capítulo dos dereitos humanos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES