Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aninovo ano de paz e igualdade

domingo, 01 de enero de 2023
Todos temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai pasando connosco. Se non houbese anos que contar, noite vella e aninovo, abrentes e solpores, noites e días, resultaríanos pouco doado dármonos conta do paso do tempo.

Dicimos que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que este Deus que chamamos intemporal se fixo, no seu Fillo Xesús do Nadal, temporal, ou sexa, metido no tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa divindade (como nos di a propia liturxia), temos todos algo de temporais e algo de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas, mais tamén entendemos dalgunha maneira iso de sermos eternos e, ademais, querémolo ser. A quen non lle gustaría vivir cen, mil, un millón de anos e vivindo ademais sen que parecese que o tempo pasa por un?

Con isto o que quero dicir é que, ó rematar un ano e dar comezo o novo, deberiamos darlle grazas a Deus por nos permitir debruzarnos no Aninovo. Á altura deste comezo do Aninovo é moi posíbel que a todos nos conveña medrar máis no senso da nosa común fraternidade, derivada de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común Pai Deus. Polo menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta do apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus Pai nos mandou o seu Fillo, nado dunha muller, para deste xeito podérmonos converter en fillos "adoptivos" de Deus; e que por iso todos podemos invocar a Deus chamándoo "¡meu Pai!"; e que de aquí provén tamén o feito de que sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus Pai. "Por seres fillo –dinos Paulo- es tamén, grazas a Deus, herdeiro".

A carta ós Gálatas de Paulo é unha grandiosa loa da "liberdade". Por máis que algúns poidan pensar que os cristiáns estamos sometidos a un Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e razóns valedoiras para considerármonos moi libres. Libres no noso comportamento e na nosa relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira clara: "Ti xa non es escravo, senón fillo".

Por iso este día primeiro de ano é tamén o "Día Mundial da Paz". Canto precisamos de que haxa paz e non guerras! E está claro que non pode haber "paz" onde hai guerra e asoballamento. Un cristián no debería endexamais aturar ser "escravo" de ningún Deus nin de ningunha persoa humana, sexa esta quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e quérenos así.

Naturalmente, esta liberdade non é unha liberdade calquera. A liberdade cristiá é a liberdade de quen libremente se fai "escravo" dos demais en servizo e amor a eles. Este tipo de "escravitude" si que é boa. Exerceuna Xesús, durante toda a súa vida e de maneira simbólica lavándolles os pés ós seus discípulos na derradeira cea. É a liberdade de tantas persoas (cristiáns ou non) que intentaron e intentan crear liberdade por onde queira que van, facéndose libremente escravos dos demais.

No mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Se o noso irmán maior Xesús non quixo nacer nunha casa normal, senón nunha corte, e morrer nunha cruz no canto dun leito de rosas sería seguramente para que ningún desgraciado deste mundo puidese dicir que el non é seu irmán.

Deus quixo así facerse nel fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a festividade de Santa María, "Nai de Deus". Parece imposíbel que se poida falar con verdade e case sen contradición dunha "Nai de Deus". Mais para Deus, unha vez máis, "non hai imposíbeis". Parécenos imposíbel que Deus se faga un ser humano coma nós en Xesús, e, a pesar de todo, ese é xustamente o "misterio" central da nosa fe.

Renovando, pois, coa graza de Deus esta nosa fe, comecemos o Aninovo coa alegría do Espírito de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima Trindade de Deus presida tódolos días deste novo ano 2023, que desde só hai unhas horas nos acompaña.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES