Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os votos de Dionisos e de Apolo

viernes, 23 de diciembre de 2022
Non me considero un acérrimo político. Tampouco apolítico, porque xa Aristóteles nos adoutrinaba que o home era un animal político (zoon politikón). Creo que os cidadáns deberiamos implicarnos algo na política. E, sobre todo, con maior reflexividade á hora de depositar o voto para elixir con máis acerto ás persoas que nos van a representar nas institucións estatais.

O mundo de hoxe está necesitado de actuacións e comportamentos equilibrados, tanto para evitar involucións que paralicen dinámicas sociais adecuadas para a introdución dos avances que permitan aproveitar os froitos sazonados das capacidades humanas, como para impedir os irreflexivos desmandos, demasiado frecuentes na irresponsabilidade derivada do inmaturo persoal dalgúns políticos, que actúan inmersos nun profundo e arrogante desprezo do espírito das normativas xurídicas e éticas, que selan a súa responsabilidade representativa, adoptando actitudes e tomando decisións cunha supina indiferenza ás previsibles consecuencias.

Son tan tradicionais os apoios extremos electorais que xa contaban con incubacións mitolóxicas na etapa pre-lóxica (pre-racional), que, en Homero, polo menos cos guerreiros e aristócratas, o panteón tiña un matiz divino e cratomórfico (con tendencia a representar, tanto os humanos como as divindades, coa imaxe dos que mandan). E permítanme aquí facer unha brevísima digresión no ámbito mitolóxico, porque xa en aquel entonces Dionisos e Apolo simbolizaban, respectivamente, a desorde e a orde nos comportamentos. E creo que se pode afirmar que a mitoloxía grega é unha fonte de información e inspiración que persevera en toda a historia da humanidade, traducida a cada etapa, especulativa e pragmaticamente.

Falar de Dionisos é falar de vivir a ras da terra, radicalizar o deforme, inverter os valores clásicos, que hoxe son considerados por moitas persoas como instrumentos piadosos que limitan as potencialidades do ser humano: Deféndese unha ética de convención ocasional e invitase a amar todo, con inclusión, por conseguinte, do detestable para outras versións respectables. E son tales os eventos deste presente que nos levan a vivir en plena pelexa para manter o predominio de tal situación como algo avanzado, progresista, cambiante, confuso, pasional, caótico, inestable..., todo con empachada exuberancia. Hai tamén intelectuais, con influenza suficiente no noso tempo, para que existan en todos os sectores da sociedade xentes de matiz dionisíaco. Camus, por exemplo, aconsella así: "Sólo una cosa pido a los hombres de mi generación: Que sepan vivir a la altura de su desesperación". En Nietzsche as pegadas dionisíacas son relevantes. ... Vale a pena lembralo.

E tampouco esquezamos que cando se debilita ou quebra a razón, os deuses proliferan, librándose unha loita contra o monoteísmo, para abrir espazo a un atávico politeísmo máis ou menos disimulado. Nada de estrañar, porque a antigüidade xa nos deixou de herdo un bo lote de deuses e deusas, e tamén da colleita de Dionisos. Júpiter, por exemplo, non se cansa de lanzar dardos de EE.UU. a Rusia, e desta a EE.UU., valéndose dos horóscopos de Ucrania cos sofisticados armamentos do belicoso Marte. E incluso culturalmente, entre as musas, Terpsicore, despois da pandemia do covid-19, luce a súa silueta bailando nas numerosas celebracións festivas nas caxigueiras, ao son da frautista Euterpe; e nas cidades encárgase Melpomene das representacións tráxicas, agora nas mesmas rúas, asustando á pacífica Irene coa presenza de Polemós, o Putin daqueles tempos. Pero lembremos que tamén en todos os sitios aprema a presenza de Mamona, que ofrece argucias e ambigüidades para unha corrupción neutralizable, cando se produce no ámbito político.

Nalgún artigo publicado neste mesmo medio, eu facía referencia as tendencias históricas, que o sociólogo Norbert Elias estudou con moito rigor, insistindo en que descoñecelas, primordialmente á hora de tomar decisións na gobernación dun país, podía traer consecuencias transcendentais. Con fundamento nisto, aconsellaba aos políticos, sobre todo con funcións de relevante responsabilidade na sociedade, unha sólida formación histórica, para evitar deplorables atrancos na dinámica evolutiva das persistentes tendencias ao través do tempo, que, antes ou despois, acaban selando coa ridiculez os comportamentos dos aloulados polo descoñecemento do efecto catalizador e paramétrico das soterradas dinámicas históricas.

O recordo da lectura, fai anos, na obra do citado sociólogo, titulada "El proceso de la civilización", lévame a formular a seguinte pregunta: Procede considerar as posturas mitolóxicas de Dionisos e Apolo, que encerran contradicións, soportando a erosión do tempo, como tendencias históricas?. Son formas de entender o mundo con evidente repercusión nas diferentes maneiras de vivir, social e politicamente, e desde esta perspectiva orientan as tendencias, nas eleccións dos gobernantes e dos parlamentos, con sinal mitolóxica solapada.

Apolo está implicitamente presente nas votacións reflexivas e coherentes coas preferencias dos votantes en pro do sentido dinámico das institucións; pero Dionisos, polo contrario, multiplica as presenzas discordantes, impulsando a votación por intereses persoais, ensaiando a carencia de compromiso coas esixencias históricas, e introducindo o caos nos momentos máis inoportunos.

Non obstante, talvez conveña considerar ponderadamente que nas sociedades emerxen posturas sincréticas, algo inevitable na complexidade social, como o evidencia o feito de que CON-viven varias xeracións, e aquí a preposición "con" non designa só unión, senón tamén "participación"; pero, ademais, a existencia de contrarios, como ORDE/CAOS, ESTABILIDADE/INESTABILIDADE , etc., é conceptualmente necesaria, non na procura dunha sínteses esixible como no Materialismo Histórico, senón, como nos diría o falecido hermeneuta, Dr. Ortiz-Osés, na procura dunha CO-implicación, que facilita a comprensión dos elementos co-implicados, ós que non lles afecta a supresión por superación (Aufhebung), como na síntese.

Explícome: Coñécese o "branco" por referencia ao "negro", e este por referencia ao branco; e igualmente a "orde" por referencia ao "caos" e a "estabilidade" por referencia a "inestabilidade", o "ben" por referencia o "mal", reciprocamente. Esta mestura na dinámica dunha mesma entidade pública talvez explique o feito de que a complexidade social demande o verdadeiro alcance das co-implicacións dos contidos racionais e as compulsións pasionais, que xustifican as democracias, desgraciadamente poucas veces evidenciado nos debates políticos, escaparates de convulsións radicalmente rifadas coas esixencias contextuais de paz, que se se intúen no se asimilan, e se se asimilan impera a perversidade.

En todo caso, como se goberna para as persoas humanas, tampouco está de máis lembrar a Pascal naquilo que o corazón ten razóns que a razón non ten. Aínda que a hipocrisía adoita utilizar malvadamente este recurso de cordialidade para favorecer intereses polo pestilente camiño das latrinas, debemos comprender que a complexidade na realidade social atesoura tanto xoias como fedorentos recursos, que explica a existencia de problemas, non sempre de fácil solución. Xustamente por isto non parece tan intelixente crealos como abrilos á solución vía racional ou razoable.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES