Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verbo de Arghinas

martes, 02 de diciembre de 2008
Un sempre imaxinou dende que leu a Celso Emilio Ferreiro (“Primeiro foi o mar/despois a pedra”) ou a Castelao (“... Os nosos canteiros posúen unha sabedoría de séculos, traspasan os valados do vulgar artesanado e van en procura do divino poder da creación...”) que na Chaira tamén tería sido primeiro o enorme “mar en calma”, que diría Manuel María, e logo a pedra, que secularmente traballarían con agarimosa habelencia os seus canteiros ou arghinas. As mostras que o inexorábel paso do tempo quixo deixar como testemuño na nosa bisbarra dan fe ademais da conxugación dos dous elementos nunha perfecta harmonía onde a creatividade do artesán da pedra se integra totalmente coa natureza que o acubilla.

Nesta liña de razoamento, quizais non sería desatinado deducir igualmente que despois de mar e pedra tería sido tamén a fala, o verbo, a xerga, a palabra propia do gremio, que permitiu aos arghinas protexérense solidariamente sen transgredir as normas que impedían a súa aprendizaxe a alleos ao oficio e facían polo mesmo imposíbel a súa interpretación. Hai quen ve na orixe deste léxico restos dunha lingua prerromana mentres outros coma Filgueira Valverde opinan que se trata dunha linguaxe tipicamente gremial que contaría con achegas do vasco deixado por canteiros biscaíños que traballaron na reconstrución dos castelos derrubados polos Irmandiños ou no levantamento de pazos, templos e outros monumentos. En calquera caso seguro que nisto a Chaira tampouco foi excepción, polo que non viría mal un estudo rigoroso que completase traballos de campo coma o de alumnado do IES “S. Basanta Silva” no que se documentaron arredor de 400 voces coas súas correspondentes variantes.

Aínda que na Terra Chá ten habido canteiros de sona, cómpre salientar no concello de Vilalba aos Carboeira de Román, creadores de escola de recoñecido prestixio que deixaron pegada en cruceiros, cruces, cristos, cemiterios, etc. e que a dicir popular sempre sabían recoñecer en conivencia cos pedreiros a variedade granítica máis axeitada para cada caso. Os compoñentes do Proxecto Carboeira saberán dar conta no seu momento da inxente obra desta saga.

Co paso dos anos véñenlle a un á memoria vivencias infantís que evocan ese halo misterioso que sempre arrodeou a este colectivo gremial. Claro que daquela resultaba certamente difícil comprender cousas como “Pica canteiriño pica/pica na pedra miúda/pica na muller allea/que outro picará na túa”, para canto máis chegar nin sequera a entender por exemplo “Verbuxido miña purria/que intervas por ariona/hamosche aguirrar os chetes/e diais quilarche a murrona”.

Non hai moito contábame un canteiro de Muimenta xa entrado en anos, coñecedor coma ninguén desta xerga e que aínda cubica o seu verbo, nunha conversa que transmitía divertidas e emotivas lembranzas, que nunha ocasión un seu compañeiro de profesión espetoulle ao amo á hora do albaroque, logo de poñer ramo á obra que a cuadrilla construíra: “Aquives na guichavai rosmeei a cota”. E o amo, ignorando como é lóxico as inconfesábeis referencias que o canteiro facía da ama, respondeulle fachendoso: “Non sei o que dixeches pero tívome moita graza, así que toma outro vaso”.

Vilalba, decembro 2004.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES