Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Oxalá que...

lunes, 12 de diciembre de 2022
Oxal que... Acabouse o que se daba. E nin tan sequera nos queda Portugal. Vaia Mundial! Agora, non tendo a España nin ós nosos veciños, non queda outra que volver por Marrocos. É o máis débil, o máis modesto. Ata o venres ía de Arxentina. Pero visto o seu comportamento ante os Países Baixos, xa non quero que gane Arxentina. Síntoo moito por Messi, que me parece o mellor do mundo e que sei que para acadar o posto do mellor da historia, os entendidos, din que lle falta ganar o Mundial, como si o fixo Maradona. Oxalá a final deste Mundial fora Marrocos-Croacia.

Oxalá algún día analicemos con calma e en profundidade o asunto dos alumeados de Nadal nas vilas, cidades e mesmo xa en aldeas. Porque o tema das luces está a pasarse da raia, está a saírse de nai. Ata non hai moitos anos puñámonos como unha brasa ou dabámonos a todos os demos porque ós poucos días de pasados os Reis aínda non se retiraran as luces das cidades. Agora xa queremos tales alumeados durante meses. Xa por varias veces comentei que non tardaremos en facer uso dese esperpento luminoso cando rematasen as novenas de Os Milagres, é dicir, o 8 de setembro. A partir deste día varios concellos loitarán xa por adiantarse uns ós outros nese gasto inmenso. Porque, si, é certo, que o turismo tal e os negocios cal. Pero os negocios son tan só uns cantos e os impostos pagámolos todos. E xa non me meto naqueles barrios nos que tal luminaria brilla precisamente pola súa ausencia. Non obstante, que todo sexa para que nos vexan desde as estacións espaciais ou desde a cidade de Nova York.

Oxalá que...O que si me pareceu brillante foi declarar patrimonio da humanidade o toque manual das campás. Porque hai unha diferenza abismal con respecto ó toque eléctrico, mecánico, monótono. Lembro aquelas campás de Os Milagres cando os rapaces estudantes as volteaban e o son dos badalos era música celestial para os oídos, nunca mellor dito. Tampouco é o mesmo o repicar eléctrico das campás de Baños de Molgas nun domingo normal, que no día do patrón, San Salvador, cando as repenican algún dos fillos do ex sacristán.

Percorrer toda a vila molguesa en procesión e escoitando o repenicar manual das campás, non ten prezo. A pena, que só sexa unha vez ó ano.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES