Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Da liberdade

viernes, 09 de diciembre de 2022
Se leron os dous últimos artigos acerca do "bioartefactual" e de algún problema na bioloxía sintética, comprenderan que a liberdade da persoa humana e, ademais, consecuentemente, a ética, con fundamento na natureza humana, quedan postas en cuestión na "biotecnociencia". Polo tanto, propóñome ampliar un pouco esta temática abordada nun luminoso artigo de D. Carlos Beorlegui, a propósito da crítica da ambigüidade coa que se expresa o profesor de Historia da Universidade Hebrea de Jerusalén, Yuval Noah Harari, en relación coa liberdade.

Neses artigos eu facía alusión ao estruturalismo en referencia a que na dimensión estrutural, segundo algúns estruturalistas, como Althusser, defendían que son as estruturas, ben sexan xenéticas, do inconsciente (Lacan), económicas, políticas, etc., consideradas impulsoras das accións humanas, e incluso se pode engadir aquí que Levi-Strauss viña a soster que son os mitos os que se manifestan ao través dos humanos, non os humanos ao través dos mitos. Isto ten un importante significado, xa que o pivote central da persoa humana, a humanidade en liberdade, perde esta función en aras das esixencias estruturalistas.

Pero, como xa apuntei máis arriba, iso no lle pasou desapercibido ao catedrático de Deusto, Dr. Beorlegui, quen se fai eco das referencias de Harari á liberdade humana, que ocupan espazo nas diversas especialidades da "biotecnoloxía", e a isto me referín nos dous artigos precedentes. Argumenta Beorlegui que se non somos libres, senón que vivimos impulsados como máquinas intelixentes, e somos "hackeados" por estruturas e algoritmos xenéticos, non ten sentido que sigamos reflexionando sobre a historia da humanidade e tampouco sobre cuestións éticas, posto que (segundo os estruturalistas) nada depende das nosas decisións. Aquí Harari parece que confunde o determinismo dos datos e dos algoritmos xenéticos coa limitación da liberdade.

Creo que sería proveitoso reflexionar sobre o absurdo que resultaría un diálogo cun robot, incluso programado ad hoc para responder, sen que chegue a entender nada do que se lle pregunta. E traiamos a esta situación a tan artificiosa curiosidade de que o determinista teña loxicamente que aceptar as cousas tal como se presentan, sen crítica evitando a imputación á unha persoa que considerada causante dunha indiscutible maldade, saltándose xulgar o inxusto e inhumano que comportarían as consecuencias dos seus actos.

Ao catedrático de Deusto parécelle máis evidente que a liberdade humana é unha sínteses ou equilibrio, polo menos, entre tres dimensións: obxectiva, subxectiva e social. E expono atribuíndo ao xenético, biolóxico e cerebral (dimensión obxectiva), a emerxencia da mente (dimensión subxectiva); pero parece preciso aplicar o social e cultural (dimensión social) como lugar de manifestación da liberdade. Sen dúbida, isto significa situarse na liña do hermeneuta Paul Ricoeur, cuxo pensamento filosófico tan ben coñece o catedrático de Antropoloxía da nosa USC, D. Marcelino Agís Villaverde, como se desprende de dous excelentes obras que posúo a sorte de ter no meu poder, tituladas, ANATOMÍA DO PENSAR y CONOCIMIENTO Y RAZÓN PRÁCTICA. Un recorrido pola filosofía de Paul Ricoeur, que deixa unha visión moi documentada do pensamento filosófico deste famoso hermeneuta francés.

Parece que este estudoso ven a soster como fundamento da liberdade unha especie de sínteses funcional dos tres "aprioris" dimensionais: a dimensión obxectiva, a subxectiva e a social ("interpersoal"), establecendo a equivalencia, respectivamente, na lingüística, coa sintaxes, a semántica e a pragmática. Por suposto, non comparte as teses estruturalistas, que acentúan só un dos "apriori". Para el a aventura do home é a mesma liberdade, como categoría única respecto ao mundo e a transcendencia, aínda que da natureza deduce o home o seu ser libre, non individualista, senón comunitariamente, evitando a entrega a o mundo impersoal, e así eludindo caer nunha obxectivación para manterse sempre como suxeito. Esta ven a ser a miña modesta opinión de algo que lin ao respecto; pero non pode expoñerse aquí o moito que nos di este hermeneuta sobre a liberdade. E, polo tanto, é todo o que lles podo ofrecer, para que xulguen o alcance da concordancia de Beorlegui con el.

Posiblemente lles aclare un pouco máis recordando o que Zubiri entende por persoa, ou, con máis precisión, por realidade persoal. Intento abrir un horizonte de comprensión prescindindo de conceptos que non podo traer a este sinxelo artigo. A persoa humana non é un conxunto de substancias, senón unha unidade SUSTANTIVA, UNHA UNIDADE ESTRUTURAL. Zubiri rompe coa relación substancial de potencia e acto, e introduce a unidade estrutural como unha SUSTANTIVIDADE SUPERIOR AOS DOUS MOMENTOS DE ORGANISMO E PSIQUE, que a integran con toda a súa complexidade, e que consta dun conxunto de elementos (notas, denomina Zubiri) constitutivas dunha unidade estrutural, un sistema de notas (debería dicirse con Zubiri) que forman a realidade que LLE É PROPIA Á PERSOA HUMANA. Estas notas son consideradas como notas-DE (esa realidade persoal), porque, erradicadas da mesma, perden a condición pola que son integrantes dela.

E tales notas (denominémolas a modo de elementos estruturais), en canto integrantes constitutivas desa realidade persoal, non asumen, singularmente, as funcións propias desta. Polo tanto, non parece consecuente asignarlles, como ocorre cos estruturalistas, causalidade desvinculada. Así, a EMERXENCIA, que propón Beorlegui, da mente a partir da dimensión obxectiva, do biolóxico, carecería das propiedades peculiares que posúe na persoa humana sen o papel complementario dos demais elementos constitutivos desa unidade superior, cuxa dinámica se expresa como dimanante dela, corporalmente psíquica e psiquicamente corporal.

Así que vincular a liberdade a unha das dimensións (obxectiva, subxectiva ou social) non parece sostible. O Dr. Linares ofrece uns principios éticos para aplicar á construción de organismos con manipulación xenética: o de responsabilidade, o de precaución, o de xustiza e o de protección de autonomía. Parecen aplicables nos procesos de manipulacións "biotécnicas"; pero non cando xa acada un resultado cun evidente cambio ontolóxico descoñecido na natureza (natural). Aquí queda comprometida a liberdade na persoa humana, presuposto da ética.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES