Saudadores, pastequeiros e corpos abertos
Os
saudadores e pastequeiros son unha clase de emisarios valuros da protección divina especializados en meigallos e doenzas de orixe máxico. Curan mediante a imposición de mans, as oracións e por obra da mediación de santos.
Os
saudadores ou dadores de saúde están como recubertos dunha aura sagrada, sendo capaces de curar calquera clase de doenza coa mirada, as mans
ou incluso o alento. Pode ser saudador o sétimo fillo da mai que soamente tivese varóns. Pénsase que teñen unha cruz no ceo da boca ou debaixo da lingua, tendo o seu cuspe unha virtude curadora.
Para ser
pastequeiro hai que usar o "pasteco", derivado dos vocábulos latinos "pax tecum" que inclúen nos seus ensalmos. Son especialistas en quitar o meigallo. Aquilino Iglesia Alvariño e Vicente Risco dicían que os Valuros eran simples pastequeiros.
Os espiritistas e
corpos abertos son capaces de comunicarse co máis alá.
Os corpos abertos son os que se dedican a exorcizar espíritos que posuíron o corpo dun vivo causándolle unha enfermidade. O exorcizador para poder exorcizar ha de ter previamente sufrido nas súas propias carnes a invasión da alma dalgún morto, xa que unha vez que acadou a súa expulsión adquire a facultade de curar os que sofren esta doenza, cuxos síntomas son de carácter psíquico e maniféstanse polo decaemento, a fraqueza, a desgana e a falta de apetito. Cal é a causa de que a ánima dun falecido regrese ao mundo para meterse nun organismo alleo? A causa hai que buscala na crenza do purgatorio por aqueles que deixaron unha promesa incumprida, quedando condenados a vagar por este mundo ata que as súas faltas sexan purgadas; por iso procuran a axuda dun familiar para que rece por eles, para que lle ofreza misas ou leve a cabo o compromiso que adquiriu en vida, xeralmente o ofrecemento a un santo en procesión á súa ermida.
Ás veces, as ánimas posúen a un ser querido para que lles axude a saldar as contas, normalmente aproveitan un susto na vítima ou cando abre a boca para meterse dentro do seu corpo.
Os corpos abertos, cando se libran do espírito ocupante, reciben o don de comunicarse cos mortos e de falar por eles, de tal maneira que, se isto lle pasa a un, hai que levalo a unha persoa á que lle sucedese o mesmo previamente co fin de que se comunique co falecido e adiviñe o motivo para solucionar o problema e chegar a sandar o enfermo.
Nese susto, hai tamén quen recibe "almas boas" que se quedan dentro para sempre e que os guían para curar a outros da mesma ou doutras enfermidades. E por haber, hai así mesmo almas mal intencionadas que entran en corpos alleos por pura diversión.
O procedemento curador supón un espectáculo asombroso no que se retorcen, botan escuma pola boca e falan nunha voz que non lles corresponde. No transo comunícanse co espírito invasor e adiviñan a causa do mal.
Salve Valuria!
NOTAS:
FREIRE, Pilar.- Menciñeiros, saludadores e compoñedores. Los sanadores en la medicina popular de Galicia. Las Gentes. Tomo 1. Gran Biblioteca Temática de Galicia. Radiovoz, Edita Ea, Coruña 2006.
Outros
LIS QUIBEN, Victor.- La medicina popular en Galicia.
CABALEIRO GOÁS, Manuel.- La psiquiatría en la medicina popular gallega.
RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús.- Supersticiones y preocupaciones vulgares.
LISÓN TOLOSANA, Carmelo.- Endemoniados en Galicia hoy.
BECOÑA IGLESIAS, Elisardo.- Medicina popular.
VÁZQUEZ GALLEGO, Jesús.- Tradiciones, mitos y creencias. Curanderismo en medicina popular de Galicia.
RISCO, Vicente e CUNQUEIRO, Álvaro.
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela