Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Monólogo do Calígrafo

jueves, 27 de noviembre de 2008
A Coleccion Bourel, dirixida polo editor de Ribeira Antonio Piñeiro dende mediados de 2004, é unha proposta das máis orixinais (e quizáis únicas) dos últimos tempos no eido da edición, non só galega. Cada un dos títulos que a conforman conta con tiraxes de só cen exemplares seriados, numerados e asinados polo propio editor (o que xa os convirte nunha excepción). Para ilo emprégase na súa elaboración un xeito de impresión que resulta totalmente artesá e que busca crear un elegante remedo do mesmo que facían os primeiros impresores de hai seis séculos.

Libertade artística e artesá
Ademáis os títulos da colección, poesía fundamentalmente, combinan tanto textos impresos, coma escritos a man, o que coloca cada un destes volumes, ao mesmo tempo, nunha terra nullius entre o libro tradicional e a singularidade de calquera texto manuscrito con valor (ben polo contido ou pola forma) artístico. Súmase a todo ilo a presenza de gravados e pinturas de moitos dos autores que conforman a colección ou de recoñecidos artistas galegos. Así, xunto aos textos de Xesús Rábade, Ana Romaní, Anxo Angueira ou Helena Villar, podemos atopar ilustracións de Paola García, Xoán Fernández, Francisco Blanco, Pilar Ageitos, Manolo Teira ou Baldo Ramos. Trátase de artista que, ademáis da pintura ou o debuxo, empregan outras técnicas coma a litografía, a punta seca, o gravado con ácido ou o linogravado.

Agora que retorna con forza (aínda que menos que hai dez anos) a reflexión en torno ao futuro do libro, son sobre todo iniciativas de calidade coma esta as que fan manter unha esperanza que vai máis aló de calquera predición apocalíptica xurdida, paradóxicamente, en momentos nos que o sector se atopa alleo a calquer tipo de recesión.

Un bo exemplo deste xeito de facer, que combina a libertade artística coa libertade artesá, é 37 poemas por man propia, libro que contén exactamente o que o título anuncia, trinta e sete manuscritos doutros tantos poetas galegos cuxa reunión nun mesmo volume supuxo, coma non é difícil imaxinar, unha auténtica odisea para o editor. Outro exemplo destacable sería Monólogo do caligrafo, de Baldo Ramos.

Achegamento ao lector
Coma todos os da colección, os cen exemplares deste libro foron, coma se di nas primeiras páxinas, “pregados, montados, cosidos e engomados, un por un, á man”. A propia sobrecuberta revela, na súa tosquedade, ese amor polo traballo artesá feito, por riba de todo, con abondosa paciencia e adicación. Compre sinalar que, sumando as dez ilustracións que acompañan ao texto en cada un dos cen exemplares, obtemos un total de nada menos que mil diferentes, elaboradas todas elas con sumo “prazer”, en palabras do propio Ramos.

Isto fai que cada libro se convirta nun volume único, personalizado, no que se reducen en grande medida as distancias que acostuman mediar entre creador e público receptor. Pervive así un sentimento semellante ao que nos aborda ante un incunábel, a sensación de ter entre as mans un exemplar único no que, sen apenas intermediación, o autor rumorea ao oído do lector, na intimidade do acto de lectura, as súas reflexións e inquedanzas máis fondas e persoais. Algo moi apropiado para a poesía, porque deste xeito non só resulta estimulado o intelecto co achegamento á mensaxe, senón que tamén se recrean: a vista co texto e as ilustracións, o olfato co cheiro da impresión artesá, o ouvido coa propia lectura e ata o tacto, pois a especial textura do papel e os sucos deixados polos tipos de imprenta convirten a achega a un libro coma este nunha experiencia plena para os sentidos.

Nas composicións que forman parte del atópanse moitas das preocupacións que caracterizan a traxectoria de Ramos coma poeta ademáis de artista plástico. Moitas delas de natureza metaliteraria ou metaartística. Algunhas emerxen diáfanas dos propios versos: “a poesía dialoga coa pintura / sen empregar palabras. // a pintura dialoga coa poesía / sen necesidade de impoñerlle unha visión”. Entre outras estaría tamén a referida ao valor da antítese luz-sombra. A expresión poética convértese nun xeito de luminosidade que procura, a través da expresión caligráfica, unha estreita comunicación co lector, trascendendo máis aló da escuridade ou do silencio. O perecedeiro e a falsedade da memoria, da beleza, da vivencia do tempo da Historia, da propia expresión a través da palabra, sexa poética ou non, conviven tamén nunhas composicións de concisa expresión e fonda intensidade, que transitan entre a poética do silencio e o culturalismo de raigame orientalizante. Xunto a elas unha sempiterna reflexión sobre o propio acto da escritura poética, pois, coma di Ramos, “mestúranse as voces no poema // o libro agocha espazos / que alguen habitará co tempo”.

Poeta e artista plástico
A trayectoria de Baldo Ramos (Celanova, 1971) aséntase sólidamente, dun xeito poliédrico, en diversos aspectos da creación artística, que xuntan a paixón, tanto pola expresión plástica e visual coma pola poética. Boa proba dilo son as palabras de Antonio Gamoneda quen dixo, a propósito de Branco sobre negro (Galería Sargadelos, 2006): “verdadeira festa da sinxeleza; unha festa que ilumina no seu propio sentido”. Da súa evolución poética, nun espazo compatible co bilingüismo e o desenrolo dunha voz de modulacións ben definidas dende os seus primeiros poemarios, temos claros exemplos en: Raizames (Follas Novas, 2001), A árbore da cegueira (Espiral Maior, 2002), Los ojos de las palabras (Fundación Villar Berruezo, 2002), El sueño del murciélago (Pre-Textos, 2003), Escura e transparente (3C3 Editores, 2005), Diario de una despedida (Amarú Ediciones, 2005), O ourego e o compás (Fundación Curros Enríquez, 2006) ou o citado Branco sobre negro. Tamén nos seus diversos libros de artista coma o aquí comentado ou Signos de cinza (2003). No eido plástico, a lista de exposicións individuais e colectivas é demasiado longa para citala. Poderíanse sinalar, coma exemplos recentes do seu quefacer as ilustracións para a escolma de Celso Emilio que ben de presentar non hai moito a editorial Factoría K na súa colección “Trece lúas”.
Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES