Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Conto

martes, 25 de noviembre de 2008
Fai uns meses que acabei de escribir o meu último conto. Xa non me lembro ben del e ando á procura de alguén que o lera e teña a cousa boa contarmo.
-Sen présas -díxome un amigo-, eu tamén o lin pero tamén se me esqueceu; se me lembro chámote e cóntocho.
Díxenlle que me parecía ben. E así un tras outro, amigos e amigas, todos os que o leran xa se lles esquecera. Tan pouca pegada lles deixara? Os máis aduladores, que eran case todos, dicían que se divertiran moito léndoo, só dous me dixeron que o leran por obriga sen sentiren nada.
-E o manuscrito? -preguntoume outro amigo.
-Co manuscrito limpeime entre as dúas cachas fai tempo -díxenlle.
-Porco! -dixo nun ton como se lle parecera mal-. Supoño que o terías fotocopiado antes de limpar o cu e dárnolo a ler.
-Tamén se me esqueceu –dixen.
O pobre desgraciado púxose a vomitar. O tío comera polbo. Daba mágoa velo, parecía que se metamorfoseaba nunha mangueira. Deixeino plantado e lisquei. Por min podía morrer con aquel empacho, non se merecía outra cousa por ter esquecido o meu conto, que lle aproveite.
Eu son un bo tío e un fenómeno, ademais eu escribo á miña maneira e tráenma moi frouxa os suxeitos e os verbos, e por suposto aos predicados pásoos polos collóns. Lim-par o cu cos manuscritos non é o meu costume, só o fago cando escribo nun papel hixiénico ou de bater, como gusten. Quizais o conto de marras paseino polo traseiro, porque estou seguro que trataba de política e xa se sabe que cando se revolve a política coa merda: Remóvese, axítase, alboróta-se, hai sublevacións, altercados, enredos, enfrontamentos, turbacións, perturbacións, que rematan en motíns, disturbios, liortas, disputas, reviravoltas, viravoltas, e logo andan todos alodados, atoldados, avoltos, en disputas, leas e pelexas e din que o viño está revolto e o tempo tamén e fódennos a todos...
O amigo que quedou en chamarme fíxoo un día, pero a deshora, eran as catro menos dez da maña. Ring, ring, ring..., 17 veces. Descolguei o teléfono.
-Xa era hora! Non estarías durmindo? -dixo-. Lembrei as palabras de D. Camilo Xosé Cela no Senado de España, pero calei. Preferín pensar que a nai do meu amigo era unha muller moi aberta; só lle dixen: Non ves que hora é?
-Vexo! -dixo-, botei case unha hora ao teléfono, dáche forte o sono.
-Será importante -dixen-, porque a estas horas!
-É que estaba soñando -dixo-, e soñaba co teu conto, e como me dixeches que te chamara se o lembraba...
-Ao lembralo si -dixen- pero non ao soñalo.
-Perdoa o transo, xa sei que é moi tarde, pero onde hai confianza da noxo, non si? Sabías que a Xan Prieto enterrá-rono onte, morreu de noxo cun empacho de polbo.
Que conforto sentín!
-Pois non! Pobre viúva, verdade? Irei darlle o pésame. Pero agora dime, de que trataba o meu conto que polo visto soñaches?
-Volvino esquecer, isto dos soños ou os anotas axiña ou vanse á merda. Perdoa pero se volvo soñar chámote de contado.
Despedímonos e desconectei o teléfono. Aquela noite o pouco tempo que seguín durmindo soñei coa viúva do larpeiro. Ao día seguinte fun darlle o pésame.
-Era un gorxón, pero era un bo home! -díxome a viúva de Xan Prieto chea de mágoa e con bágoas nos ollos.
-Si, unha gran pena -dixen eu-. Mira que non sabelo a tempo para irlle ao enterro. Xa sabes, isto de pasar a vida escribindo...; un encérrase e non lle pasa o mundo.
-Non te preocupes -dixo ela-. Recoñezo que un home que escribe contos coma o último que nos deches a ler se lle pase o mundo e despois leve pesares coma che pasou a ti coa morte de Xan.
-E logo lémbraste do meu conto?
-Lembro -dixo ela.
-E lémbraste ben? -recalquei eu.
-Xa o creo que me lembro -dixo-, case o sei de memo-ria.
E contoumo. A verdade é que non me gustou nada.
Piñeiro González, Vicente
Piñeiro González, Vicente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES