Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

XX Exposición de Cogomelos: explosión de vida

viernes, 18 de noviembre de 2022
Chegaron as chuvias. Na terra mollada espertan os gnomos dos fungos. E, nunha explosión de vida, asoman os cogomelos. Hai un mes, ventos e chuvias, os violíns de Vivaldi, estaban calados. Despois do interminable verán chegou o bo tempo. Choiva nas veas da terra. Malvas, ocres, verdes e ouro na paleta do outono.

Unha mostra dese calidoscopio da vida, formas, aromas e cores é a Exposición de Cogomelos. Ben identificadas e atractivamente expostas, máis de 300 especies. Os seus expertos, empezando polo presidente Julián Alonso, explican que só en Galicia hai máis de 2.500 coñecidas. No planeta, ata un millón de especies de fungos que a imaxinación da natureza coloca nos alicerces da vida. No inabarcable mundo da micoloxía, cada ano descríbense novas especies.

Os datos moven ao asombro. En cada centímetro cúbico que pisamos en bosques e pradarías entrelázanse de cincuenta a quiñentos metros de hifas microscópicas nunha urdida de relacións simbióticas ou parasitarias entre os seres vivos que conforman os ecosistemas.

A Exposición é ventá aberta ao mundo fascinante dos fungos que producen cogomelos. Macromicetos, aclara o experto José Castro. Esta cita anual invita a gozar do espectáculo da vida e aprender un pouco. Micoloxía non é sinónimo de gastronomía pero cada outono hai 'expertos' que se envelenan. Só o coñecemento vacina contra as confusións. Antes da exposición, a recolleita. Paseo polos bosques para asistir, os ollos asombrosamente abertos, á unha exposición gratuíta de escultura e de pintura. Aspirar aromas de anís, pataca, terra. Cheiros a xofre e podremia. No humus nutricio, húmido e morno do bosque, a rede social dos fungos dialoga entre eles, coas plantas e árbores.

Entre herbas e silvas, as fábricas de clorofila, agora no paro, das follas de carballos e castiñeiros. Transmútanse en ouro e alfombran o chan ata que fungos e bacterias os devolvan ao ciclo da vida.

A Expo visualiza o perigo con etiquetas vermellas, o verde dos comestibles, as amarelas. Atraen os cogomelos diminutos e a enorme 'Calvatia gigantea' Reclaman atención os vistosos e coloridos, tamén os estraños e apagados.

Símbolo de esperanza é o incesante desfile da xente para apreciar este agasallo da natureza. E valorar o traballo dos que colocan esta foto fixa da micoloxía luguesa diante dos ollos. Tamén chamada urxente da natureza asoballada. Voces de auxilio do clima atolado polo monopolio dun Antropoceno depredador. Ogallá chegue á xente da cidade, á rapazada que contempla con abraio este mundo de cores, formas, olores, hábitats compartidos con árbores e plantas, paisaxes, mofo, auga que corre.

Foi este fin de semana. No colexio Rosalía, XX Exposición de Cogomelos da Sociedade Micolóxica Lucus. Unha explosión de vida.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES