Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ponte dos contos

lunes, 17 de noviembre de 2008
Seica ten habido tempos na Chaira nos que a palabra tomaba protagonismo para transmitir acontecementos do pasado, argallar historias do presente e mesmo vaticinar un futuro que parecía estar escrito nas propias leis do coñecemento natural proporcionado por unha dilatada experiencia.

En determinadas épocas do ano acostumaban facerse xuntanzas, en ocasións para realizar solidariamente traballos en comunidade (fiadas, esfolladas...), outras simplemente para comentar os labores habituais, pero nas que en calquera dos casos se compartía a sabedoría adquirida oralmente dos respectivos devanceiros. Había deste xeito sempre alguén que con habelencia e memoria privilexiadas mantiña a atención dunha audiencia que escoitaba entregada os máis variados tipos de contos, insólitos feitos lendarios, divertidas e picantes cantigas, curiosos refráns, imaxinativas adiviñas, etc. E claro, o medo ou a hilaridade facíanse presentes en función do contido do relato, as máis das veces extradimensionado polo/a intérprete. Hai quen lembra a un destes relatores rabuñado, a dicir seu por ter que se enfrontar a non se sabe moi ben que tipo de aparicións inesperadas, ocultando que en realidade o deus Baco e as silveiras eran quen obraban a milagre os días de feira ou feirón en Vilalba.

Sexa como for, o contorno máis inmediato era o escenario habitual dos relatos, con excepción feita daqueles que situaban as súas historias por terras de Castela nas que en tempos de sega permanecían ata catro lúas; neste caso aumentaba a curiosidade aínda que diminuía a inmersión por resultar máis allea e distante.

Un dos espazos máxicos da literatura oral chairega hai que buscalo na marxe dereita do río Trimaz, preto da súa confluencia co Madanela na que ambos dan orixe ao Ladra, onde sobrevive sen deterioro aparente a Pena do Encanto, lugar maxestoso presidido por un penedo que garda nas súas entrañas asombrosos feitos lendarios. Contan algúns que a Pena acubillaba a unha meiga dotada de poderes prodixiosos dos que só se podía un protexer con ramiñas de oliveira, candeas ou auga bendicidas, e que aniñaba serpes noxentas entre os seus longos e escuros cabelos. Pero hai tamén quen asegura ver reflectido alí o amor imposíbel que unha rapaciña labrega sentía por un nobre da bisbarra que tiña por mellor oficio menosprezar ás xentes de inferior condición; a Pena simbolizaría daquela o cobizado templo encantado que curaría o mal de amores a quen se mergullase nas frías augas do río previamente bautizadas con auga bendita.

Non moi lonxe, augas arriba do río homónimo, atópase a Ponte da Madanela, outrora encrucillada de tránsito inevitábel de mercadorías polo que o conde de Vilalba cobraba pontádego e paso secular do Camiño Real a Santiago. Ao abrigo dun pequeno refuxio ou fielato da ponte disque se reunía ata non hai moito a veciñanza, cando a palabra propia tiña máis peso cá da TV, para compartir en tempo de vagar historias coma as da Pena do Encanto. Por esta razón deu en se denominar Ponte dos contos e parece que mesmo había algún orador que, co ánimo de engaiolar sobre todo ao público feminino, adoitaba utilizar artes menos confesábeis cás propiamente interpretativas.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES