Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coidadores da palabra

viernes, 21 de octubre de 2022
Este saber que me oprime
e o non saber que me aplana
dan contra a rocha de aceiro
dun misterio que me abafa.

Esta soidade infinita,
esta mudez tan estraña...!
Ai, quedo estar do silencio,
por que ti nada me aclaras?

Vogas no mar ti, meu ser,
sen ruta algunha fixada,
sen eu saber de onde veño
nin da soñada arribada.

Só o teu lume, candea,
luce en noite venteada,
compañeira das estrelas
e da lúa namorada.

Luz que senlleira escintilas
cando as ondas se levantan
e de vez os ventos xemen
en arelas de alborada.

Comigo o pasado levo:
mágoas, choros e risadas.
Do tempo aínda por vir
non vos sei eu nin migalla.

Os sabios, porén, me din:
da nada non sae nada!
Facer ela non vos pode
cativa ou grande fazaña.

Fontes, aguias e mais troitas,
se tivésedes palabras,
ben seguro diciades:
todas fomos agraciadas!

As palabras rexen mundos.
Hai no silencio palabra.
Verborreas sen silencio
non me achegan confianza.

Vaime ben a fraga virxe,
o silencio da montaña,
o cantar do verderol
e o estar en terra amada.

Berran outros, mais non falan;
máis ca linguas son espadas
pra con elas se impor.
Falas quero repousadas!

Crebar mundos e persoas
éche cousa ben doada.
Mais o sabio clamará:
"Soterrastes a palabra"...

Se ti coidas que matando
libre estás da allea daga,
nas historias le un pouco
e terás ideas claras.

Claro, en fin, semella ser
que falarmos é ben bo.
A palabra é a raíña
deste mundo en construción.

Coidadores da palabra,
nova especie a recrear!
Só vos iso é necesario:
sempre e sempre dialogar!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES