Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un corvo en Caldaloba

martes, 18 de octubre de 2022
"Un corvo en Caldaloba" é unha obra de teatro de María Xosé Lamas que enlaza cos autos medievais. O auto = acción, acto, é unha composición teatral xurdida na Idade Media en España, ao redor do século XII, de linguaxe simple e extensión curta, normalmente componse dun único acto con elementos cómicos e intención moralizadora, mais neste caso estamos diante dunha obra reivindicativa e non moralizadora (como eran, por exemplo os autos relixiosos como o "Auto de los Reyes Magos" ou o teatro de Calderón de la Barca) e "cunha función crítica con espírito libre e mesmo de combate cultural" como nos amosa o prologuista, Antón de Guizán. En vez da comicidade trata de ensinarnos o abandono secular ao que está sometido semellante símbolo da cultura e da nosa historia.

Máis tarde, en Portugal, no século XVI, Camoes e Francisco Manuel de Melo adoptaron a forma de que o auto tiña que estar escrito en redondillas e trataba de satirizar ás persoas. Cfr. "Auto da alma" e "Auto da Barca do Inferno".

"Un corvo en Caldaloba" é unha obra que está construída non nun único acto senón á maneira clásica, con tres actos: exposición, nó e desenlace.

O espazo ou lugar onde se desenvolve a obra, nin que dicir ten que é Caldaloba, Pino, Cospeito.

O tempo acaece durante os últimos días do asedio á fortaleza de Caldaloba ao remate do século XV.

Os personaxes son: Un narrador, Constanza, Fernán, Flora, Catro Cabaleiros (Paio, Tiago, Bernal e Roi), o Alcaide e varios soldados inimigos.
- Dona Constanza aparece esgotada, consciente, moi crente e animada.
- Fernán Ares de Saavedra, o seu esposo, é un home dedicado ás armas, sabe da súa difícil situación. Está desesperado, mais anima aos cabaleiros. É un home moi valente, pois é capaz de sacarse a vida, chegado o momento.
- Flora, doncela ao servizo de Constanza, é unha muller educada, atenta e preocupada pola saúde da dama.
- Paio e Tiago forman un dúo, sempre andan xuntos, de pensamento moi semellante, bastante razoables e son capaces de propoñer a rendición en chegado o momento.
- Bernal aparece tarde, no acto terceiro. É un curandeiro que actúa como médico.
- Roi fai as labores de consolar a Fernán e de animar para a defensa aos demais

De todos os personaxes, o principal, e ao que lle imos dedicar máis tempo é a un narrador omnisciente, Xosé Luís García Mato, reencarnado en corvo que habita no castelo dende hai case corenta anos.

Quen é este Xosé Luís García Mato? Foi un escritor e poeta vilalbés que nace o 13 de xullo de 1924 en Vilalba e morre o 21 de xaneiro do 1980. Seus pais son: Antonio García Hermida (poeta) e Irene Mato Grandío. Orfo desde moi novo, fixo maxisterio por libre exercendo no Chao de Pousadoiro, Candás, Gaibor e Goiriz, é coñecido como "O Guedelliñas".

Dende 1980 (data do seu pasamento) ata 2022, van 42 anos, máis de 40 anos hai que habita (segundo a autora) no castelo de Caldaloba, reencarnado en corvo.

Pensamos que a autora é moi orixinal ao poñer en Caldaloba, tamén coñecida como Vilaxoán e couto de Mato, por poñer, digo, a Xosé Luís García Mato reencarnado en corvo, fíxose o que se di, unha transposición de nomes, pois, entre Couto de Mato = Caldaloba e Xosé Luís García Mato, como se por apelido (Mato) lle pertencese por herdanza o lugar de Caldaloba; mais a autora está moi caladiña durante toda a obra sen tentar falar das semellanzas, pero eu coido que esta orixinalidade aparece cando a autora se informou acerca da historia de Caldaloba e viu como tamén se alcumaba Couto de Mato, e de aí xorde desde o meu punto de vista a asimilación e simbiose entre os dous Matos, o do Couto e o poeta García Mato, reencarnado, nada máis e nada menos, que en corvo. Por certo, na Idade Media os corvos eran tamén servidos nos mesóns como carne de pitanza o mesmo que os castores e que hoxe, un dános noxo e o outro mágoa ou pesar.

María Xosé Lamas trata ao corvo = Xosé Luís García Mato ocupando a maior parte das intervencións, sempre ao lado das anotacións ou notacións escénicas, actuando tamén o corvo como crítico da situación na que hoxe se atopa Caldaloba.

Na obra aparece tamén un teatro informativo ou teatro dentro do teatro e por el sabemos da existencia dunha peza musical de nome "Caldaloba", de Xorima e dunha publicación sobre Caldaloba do profesor Meilán, da primeira sabémolo por unha notación escénica e da segunda polo narrador.

A figura de narrador = corvo =poeta é ben interesante por ser ademais de todo, un narrador omnisciente, do latín "omnis-e" co significado de "todo" e do verbo "scio" co significado de "saber"; é dicir, "o que sabe todo sobre Caldaloba". O corvo é como se fose un personaxe crítico da situación de Caldaloba e ao mesmo tempo é un corvo = historiador, que vai presentando os personaxes e vai contando a súa historia, a primeira, como é de esperar, é sobre Dona Constanza.

O que tamén nos parece ficción da escritora é cando pon a Fernán Ares de Saavedra, consorte de dona Constanza escribindo unha especie de diario, relatando a toma de Vilaxoán, Couto de Mato, ou Caldaloba no outono de 1483.

O corvo = poeta = narrador, ás veces sae fóra do seu cometido e obsérvase como tiña desexos de que a historia fose outra. Hai que pensar que aquí é onde se atopa a voz escondida de Mª Xosé Lamas.

Vexamos:
Dona Constanza ao beber a auga do alxibe, morre, mais o narrador = Mª Xosé dános as ideas acerca de como dona Constanza debera facer se o soubese... "chegar a fervela primeiro e deixala arrefriar, mais naqueles tempos nada se sabía das bacterias que nela medraban" e producía disenterías.

Supón tamén un estudo da autora o feito de que cando Bernal trata de curala (a dona Constanza) di que hai que ferverlle abelurias ou milicroques (planta de moitos feitizos, empregada tamén polo San Xoán para deter as meigas). As abelurias teñen unha poderosa toxina utilizada para as arritmias e reduce tamén o apetito, por iso Constanza non comía aínda que a doncela, Flora, se empeñase en matar unha galiña das dúas que quedaban para que comese e bebese a substancia, que era o que se lle daba ás mulleres paridas na Valura, pero non hai remedios, Constanza está defunta e entérrana, como se supón hoxe, estará ao pé da torre. Sería un traballo exemplar o da recuperación desta dama e señora que nada ten que ver coa outra Constanza de Castro enterrada na igrexa de san Francisco de Viveiro e que morreu "en olor de santidade" como diría Valle-Inclán.

Xa Fernán ferido e morta Constanza temos outra intervención da autora en boca do corvo cando o narrador fóra de si nos comenta "dá gañas de agarrar unha desas armas modernas do século XXI e axudarlles nesta empresa tan desequilibrada en forzas"...

Xa perdida Caldaloba, o narrador = corvo remata con estas palabras "Eu ficarei aquí, ao voso dispor. Nos esquezades de visitarme de cando en vez"... "E agora repetide comigo o noso berro reivindicativo..." (puntos suspensivos).

É unha obra pechada, comeza con Chorima e remata coa mesma composición e... tamén comeza con voces en "off" de consignas reivindicando a conservación da Torre de Caldaloba e remata comunicando ao auditorio para que faga un berro reivindicativo.

A partir da toma de Caldaloba polos RRCC, Galiza aparece como a terra esquecida, asoballada, menosprezada constantemente desde este século XV ata o nacemento das Comunidades históricas na Transición Democrática. Triste historia a de Galiza, prívannos os reis da nosa autonomía, do noso ser e aparece o que sería a "doma e castración do reino de Galicia", segundo Zurita.

Isabel "a católica" (que de católica nunca tivo nada), acaíalle mellor o apelativo de "a desalmada". Trae xentes de fóra para nos gobernar e incluso os bispos case non hai ningún con nome galego. Sufrimos, pois, unha grande aldraxe desde esta data, froito dela foi o menosprezo e a mala consideración de Galiza, quedándonos soamente a emigración como remedio dos nosos males. Pobre Galiza! Pero renaceremos, pois esta obra é o comezo dese reverdecer e dun novo rexurdir reivindicativo de Caldaloba como símbolo e emblema dunha nova nación.
Moitas grazas! Foi un pracer!

Xosé Otero Canto na presentación do libro de Mª Xosé Lamas "Un corvo en Caldaloba", no Salón de Actos da Deputación de Lugo o 15 de setembro de 2022.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES