Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'De remate', un libro de Héctor Cajaraville

viernes, 21 de octubre de 2022
Na biblioteca pública descobres cousas interesantes de Xabier Quiroga, de Z. Bauman, P. Deville, Riveiro Coello, de Fernando Vallejo. Nas mans 'El hambre', de M. Caparrós. Máis que libro éche unha enciclopedia da fame. Lese como unha novela pero cada folla morde por dentro. Tes que ler, din, 'La gran brecha' de J. Stiglitz, economista de rostro humano. Da recompilación de artigos do nóbel algo quedará. A fin de contas, se a economía non axuda ás persoas, para que serve?

Libros e máis libros. Exercendo os 'imprescritibles dereitos do lector' de D. Pennac: ler ou non ler, o que queiras e cando apeteza, saltar follas, volver atrás, reler ou deixar de ler.

O tempo bole costa abaixo e hai que ir polos vieiros dos que leron antes. Dos que saben máis. E de cando en vez, escoller libros ó chou. Ás veces descobres tesouriños escondidos, xoias que non están baixo os focos do márketing. Como o libro de Héctor Cajaraville, "De remate", unha novela así de singular, así de boa. Mestura de artigos de opinión, e-mails cruzados, anotacións no diario. E tanta vida, tinguida de humor e drama, detrás do protagonista. Pero quen é este Cajaraville? Xornalista, corrector de textos, autor dun dicionario. E dunha novela, esta, a primeira. A primeira? Manda truco! Así de interesante, tan ben escrita, cunha arquitectura tan intelixente.

Artigo a artigo, texto a texto vai, vas tecendo a trama con fíos de retranca, de sorrisos. Un fino labor de taracea cheo de frescura. Cando chegas ao final descobres, como no espello, esta Galicia que nos habita: ese modo de vivir, esa maneira de falar, ese xeito de ocupar o territorio agora desvertebrado, desocupado de xente.

E como nos puzles, négaste a colocar a última peza porque non queres rematalo, porque queres rematalo, porque este libro é así de divertido, retranqueiro, cunha linguaxe tan fermosa. E hai que bebelo a groliños. Ata rematar 'De remate'. De Héctor Cajaraville.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES