Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Onde van as gaivotas?

lunes, 17 de octubre de 2022
A miña curiosidade polo que acontece ao meu derredor lévame a escribir hoxe estas liñas no intre no que aínda descoñezo a solución ao misterio: a desbandada das gaivotas da contorna mariñeira da miña vila e tamén de Ferrol. Busquei información respecto ao comportamento destas aves que forman parte material da "miña" paisaxe, hoxe un pouco máis baleiro, e agás a procura de sustento e que poden migrar Onde van as gaivotas?(descoñecía esta tendencia nesta especie) non atopei máis explicacións a esta ausencia masiva.

Sei que é un animal que non suscita demasiadas simpatías polas incomodidades que provoca a súa presenza, e algúns alegraranse de que non estean flotando no ar e deixando os seus excrementos sobre os coches ou embarcacións. Son evidentemente inconvenientes que non xustifican a súa eliminación, que non é este o caso pois o fenómeno da desbandada ocorreu subitamente, case dun día para outro sen que en aparencia o ser humano tivera que ver directamente neste éxodo masivo. Foxen ou van na procura de algo que só elas saben.

O caso é que sen o seu voo maxestoso á ribeira de Mugardos fáltalle algo. Malia ser a gaivota un símbolo de liberdade, case convertéranse nunhas aves de curral ao non teren medo de nós, os animais racionais.

Confeso que gústanme as gaivotas malia ter xurado en arameo cada vez que me achego ao coche e o vexo decorado coas súas corrosivas deposicións. Habería que matalas a todas!! berraban algúns desesperadamente. Home, non che é para tanto, apañados estabamos se nos dedicamos a eliminaren todo o que nos incomoda. Haberá que aprender a vivir na discrepancia tamén cos animais.

Parece que certo botulismo está diminuíndo as colonias de gaivotas, algo así coma unha pandemia nestas aves, pero non se ven gaivotas mortas pola ribeira, e tamén que o peche de vertedoiros pode ter algunha incidencia nesta escapada masiva: Pode ser, pero esta desbandada quizá teña orixe en algo que polo de agora se descoñece.

Hai un días sorprendeume a imaxe de case un cento de exemplares pousados sobre o meu tellado, cousa que nunca vira. Era algo así coma unha asemblea na que se decidira algo importante para a colectividade destas aves mariñeiras. Dous días despois desapareceron todas, agás dous exemplares seguramente vellos (din que poden viviren ata 20 anos) que xogan tristes co vento e que non estaban en condicións de emprenderen unha, tal vez, longa viaxe.

Non sei se algún día volverán como as escuras andoriñas de don Gustavo Adolfo Bécquer ao teu tellado os niños a colgaren, non sei pero é posible e o mesmo algún día vemos aló por entre castelos centos de ás batendo o vento e o graznido xubiloso de quen volve a casa. Non sei.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES