Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os bosques que sandan

jueves, 13 de octubre de 2022
Estamos acostumados a ver paisaxes incribles de bosques centenarios; ríos que atravesan o país alimentando terras; montes pétreos de formas insólitas, admirando a beleza, a estética do lugar. Pero hoxe quero amosarvos outra forma de ver a natureza deste País... O bosque galego é unha gran fonte de materias primas, de remedios para a saúde.
Os bosques que sandan
A maioría das plantas teñen propiedades beneficiosas para o organismo. Aínda que non esquecemos a auga, que é case milagreira, mananciais que son beneficiosos e curandeiros incluso para os máis incrédulos. Moitas veces son tradicións as que nos fan crer no poder curativo, romarías que sandan, pedras como as de Muxía que atraen cada ano máis visitantes na busca de fecundidade, bálsamo da dor de costas ou da cabeza.

Xa desde a antigüidade a natureza era fonte de remedios, a farmacia. As plantas axudaban a calmar as dores menstruais, as de parto, moas ou gorxa. Algunhas destas crenzas mantivéronse ata os nosos días e xa xurdiu todo un comercio ao redor da medicina natural. Nunca está de máis coñecer as poderosas propiedades da natureza que nos rodea.

Os bosques de carballos centenarios son fonte de taninos e flavonoides, que lle proporcionan á súa cortiza propiedades astrinxentes, antisépticas, antiinflamatorias e hemostáticas. É dicir que podemos utilizalo como alivio de farinxite, anxinas, chagas na boca, hemorraxias nasais ou fendas na pel.

Do eucalipto coñecemos que é un remedio eficaz para a cura de catarreiras, gripe, asma e problemas respiratorios. Pero non sabiamos que serve para rebaixar o nivel de azucre no sangue, para desinfectar feridas da pel e para as dores de articulacións e músculos.
Os bosques que sandan
O castiñeiro axúdanos a deter as diarreas, a calmar a tose e como xampú natural para os cabelos louros.

As ribeiras dos ríos galegos son como un herbolario. Encontramos herba de San Xoán, que se usa para as queimaduras, feridas, como diurético incluso o seu aceite é cicatrizante e astrinxente.

O uz, a nosa queiruga, que tingue o monte de cor púrpura, pódese empregar como antidiarreico e antiséptico das vías urinarias.

O fiúncho, cun certo olor a anís e follas como fíos serve para case todo, tose, asma, inflamacións, malas dixestións, flatulencias...

A estruga, incómoda polos picores que provoca, ten a propiedade de deter as hemorraxias e estimular o aparato dixestivo, ten máis ferro que calquera outro vexetal.

Outra das nosas xoias é o romeu que tanto usamos nas comidas. É desde sempre unha herba moi prezada en Galicia polas súas propiedades contra o reuma e os golpes, aínda que é tamén unha das herbas que se usa na mestura de San Xoán para escorrentar os malos espíritos.

As flores do toxo son case milagreiras para o fígado e xa se están estudando as súas propiedades contra o cancro. Da xesta aprovéitase case todo, aínda que non lles convén aos animais, para eles é tóxica. As flores como diurético, as pólas son boas para evitar as palpitacións e ademais é unha fantástica vasoira.

Da figueira aproveitamos unha boa sesta, do ciprés a súa bela sombra alongada, aínda que escapamos da da nogueira que é mellor non pisala. Do acivro un bico, cura o corazón dun mal de amores... Consola a alma.

Xa ves que hai mil herbas medicinais que habitan nos bosques deste país e que son a nosa ecofarmacia.
Rodríguez, Xerardo
Rodríguez, Xerardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES