Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os libros infantoxuvenís e as temáticas que tratan

jueves, 29 de septiembre de 2022
Dende hai un tempo, os libros escritos pensando nun destinatario infantoxuvenil, xa acollen todas as temáticas, por moi tabús e complicadas que poidan parecer. Xa o temos dito noutras ocasións: o feito de que esta literatura fose escrita -no primeiro momento- por educadores que buscaban dotar de materiais unha escola que non os tiña en galego, axudou a que fosen tratados asuntos relacionados cos valores democráticos e cívicos. Estes mesmos mestres e os que os seguiron -moitas veces relacionados con movementos de renovación pedagóxica- tiveron un papel fundamental na diagnose da situación deste libro, os ocos que había que encher, así como o que se necesitaba e demandaba. O papel de Agustín Fernández Paz, Miguel Vázquez Freire ou Os libros infantoxuvenís e as temáticas que tratanXosé Lastra coordinando a colección Merlín de Xerais ou de Mª Victoria Moreno, David Otero ou Antonio García Teijeiro na colección Árbore de Galaxia fálannos deste asunto, igual que o fai Xulio Cobas na colección Ala Delta de Edelvives conseguindo, por exemplo, que Novoneyra publique tres libros para rapazada.

En non poucas ocasións son estes libros os que abren a porta á reflexión e deixan que vaian entrando outros aires na aula, na casa, nas cabeciñas...

Dende GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Galego) estase a traballar na dirección de apoiar as persoas mediadoras do libro infantil, ao organizar listados de títulos que teñan relación con determinadas temáticas ou valores. Desta maneira, bibliotecarias públicas e escolares, docentes en xeral, educadoras sociais, familias... é dicir, todo tipo de mediadores e mediadoras, teñen acceso a guías nas que se recollen títulos ao redor dalgún eixe.

O primeiro deles levou o título de Donas no espello da LIXG e nel acollíanse os relacionados coa igualdade, organizados en etiquetas que os envolvían e organizaban. Estes rótulos vertebran a produción unhas veces ao redor dos xéneros tendo en conta a poesía, as obras de teatro e a banda deseñada (De versos, De escena, De cadradiños) por darlle presenza ás menos abundantes. Outras veces atendendo a diferentes asuntos: De ruptura de estereotipos ou roles, De espertar -cos que tocan na conciencia-, De violencia de xénero, De mulleres senlleiras –acollendo as biografías–, De diversidade (diversidade familiar e diversidade sexual), Doutra maneira (recollendo as historias ás que se lles deua volta para actualizalas), Doutras latitudes / época (para as historias que veñen de lonxe e doutros tempos), De autoaxuda (para eses libros dirixidos a adolescentes nos que se busca que se informen e se entendan), De premio (recollendo os libros premiados nos certames convocados para a igualdade), De colección (para os que forman parte de coleccións de igualdade) ou De serie (para as sagas que teñen este valor como fundamental).

Nós, coma Ana Mª Machado, non defendemos a necesidade de convocatorias especiais para atender a temáticas determinadas senón o coñecemento da produción para poñer nas mans desas persoas (que median entre o libro infantil e a infancia) seleccións axeitadas. A isto responden estes materiais.

Se tiveramos que buscar a orixe desta guía miraríamos á bibliografía do Salón do Libro de Pontevedra que levou por título Mulleres de conto, e aos taboleiros de Pinterest que levaron os títulos de Rapazas (dirixidos a lectorado de Primaria e Secundaria), para conmemorar os 25 anos da publicación deste libro de Agustín Fernández Paz que naceu dun empeño do autor por tratar esta temática.

Certamente, GALIX xa tiña realizado unha serie de traballos patrocinados pola Secretaria xeral de Igualdade que levaban o nome deGuías de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria 2004, 2005-2007 e 2019 nos que seleccionaba uns títulos, para traballar ao redor dos contidos de igualdade con actividades acordes á temática. Polo tanto, había traballo feito e un interese demostrado, por iluminar aqueles títulos que axudan á reflexión e a toma de postura fronte á igualdade de xénero.

Con Donas no espello da LIXG comezábase unha colección de seleccións bibliográficas que agardamos sexan de utilidade para as persoas mediadoras, esas que están entre o libro infantoxuvenil e o seu destinatorio.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES