Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Camino

jueves, 06 de noviembre de 2008
Unha pode chegar a pensar, e máis nestes tempos de crise que nos afectan ó peto, que ir ver unha película ó cine é equivalente a rachar un billete de cinco euros (iso coma mínimo, porque agora a cousa anda incluso máis cara). Zaca, zaca. Pero non. Parece mentira, mais aínda quedan pequenas xoias perdidas, coma gamelas a piques de naufragar, no océano cinematográfico. Non son moitas, iso tamén é certo.

Alí, nunha modesta sala, desas tan pequenas que non podes evitar oír o ruído que fai coa bolsa de patacas fritidas o da fila de diante ou os bicos clandestinos da parella de adolescentes do fondo, afastada das próteses siliconadas da actriz de moda ou do empacho de márketing do novo “taquillazo”, podes atopar unha desas pezas entrañables que unha vez vistas nunca chegas a esquecer.

A min ocorreume iso o outro día cando fun ver Camino. Unha historia que invita a seguir soñando a pesar da adversidade. O fanatismo relixioso propio dunha familia do Opus Dei -que satiriza en clave de humor acedo o director Javier Fesser- serve de marco a unha longametraxe que non deixa indiferente a ninguén. Atrapados no drama poliédrico onde converxen os camiños contraditorios da esencia humana atopamos un pai dividido entre ó infinito amor ás súas fillas e os convencionalismos tiránicos que lle impón a súa muller, unha nai entregada a Deus ata límites insospeitados, unha irmá maior engaiolada nos seus propios devezos, pero, sobre todo, unha rapaza moi especial: Camino. Ela é a personificación da ilusión, da nenez, da eterna inocencia que caracteriza esa etapa da vida ás veces esquecida, fuxitiva do entendemento dos adultos. Lanza un berro silandeiro -máis desolador conforme avanza a película- que reclama lucidez ante a demente teima relixiosa. Achega unha aura de esperanza permanente que entra paseniño pola xanela dos soños. Seca as bágoas dos que choran por ela. Lonxe, moi lonxe do seu entender; insaciables ignorantes. É a súa unha lección maxistral que non entende de Biblias e rosarios ou de protocolos de artificio, senón de amor, de sentimentos, de ganas de gozar dunha vida na que xa se remata o tempo para poder ser vivida. Unha tesela imprescindible no mosaico cinematográfico. Un convite a degustar os anhelos da felicidade ante a maior das desgrazas.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES