Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Compromiso coa chaira

jueves, 06 de noviembre de 2008
A Terra Chá, comarca claramente diferenciada pola propia natureza, sobrevive hogano con identidade propia malia que a insensata oficialidade lle teña engadido montaña e furtado planicie en virtude de quen sabe que circunstancias ou intereses políticos e/ou económicos. Este enorme “mar en calma” que diría Manuel María, terra de sentimentos e emocións, patria fructífera en ilustres persoeiros da arte ou do pensamento, da poesía ou da narrativa, indiscutíbel nas formas e na paisaxe, permítese ata idioma propio, o “chairego”, lingua que o Paco Martín puxera hai tempo no quefacer didáctico do profesor don Ramón Lamote.

Mais, como ten dito nos seus versos o bardo de Outeiro de Rei, “Pra medila só valen dúas mensuras:/¡ferrados de corazón, fanegas de alma!”. Con este recoñecemento, con este aprecio e amor á terra habería que observala para preservar a súa identidade, mantendo a súa memoria histórica e axudando a construír o seu presente e o seu futuro. Extrapolando palabras de Pepe Chao, que renace galego precisamente na capital chairega, diriamos que “Non se trata de salvar a ninguén, senón de chegar a ser nós mesmos e ser o que cómpre que sexamos”, de ser galegos sen deixar de ser chairegos.

Certamente, a cultura en sentido amplo non é patrimonio en exclusiva de ninguén en particular senón da sociedade en xeral, se ben corresponde aos poderes públicos a obriga da súa conservación, defensa, promoción e difusión. Pero cando isto non se garante con certa eficacia, cando a despreocupación se apodera das institucións oficiais, soe agromar a inquedanza de xentes que pensan que paga a pena transmitir toda esa bagaxe, a herdada e a que se vai elaborando a diario.

Con todas estas premisas, nunha tertulia entre amigas e amigos, en pleno corazón da Chaira, no lusco e fusco xa do verán de 2000, fálase da necesidade de creación dunha entidade cultural de ámbito chairego que permita coñecer mellor a nosa comarca e posibilite a súa maior presenza pública. Non se comparte a concepción abusivamente restritiva do concepto de cultura que a identifica coa lectura e a escritura. Pénsase que hai manifestacións culturais tan respectables coma esas e que deben ser obxecto de investigación e recuperación: a fermosa arquitectura rural feita por canteiros moitas veces iletrados (cruceiros, cruces, petos de ánimas...), a música tradicional, a arte dos máis variados oficios (zoqueiros ou cesteiras, oleiros ou elaboradoras de queixos), a literatura oral (lendas, contos, cantigas, refráns, adiviñas, ditos)... Téimase unha e outra vez nunha ampla concepción cultural que conxugue investigación científica actual e respecto polas tradicións, formulando un proxecto sociocultural que busca revalorizar o papel da nosa comarca no conxunto da cultura galega. E neste contexto de diálogo e de consenso xermola o Instituto de Estudios Chairegos, que paseniñamente se vai facendo realidade en xuntanzas posteriores.

Nestes anos de andaina moitas son as satisfaccións, pero máis queda aínda por percorrer. O Instituto de Estudios Chairegos non pretende ser o adaíl en exclusiva da cultura chairega e no seu ánimo estará sempre compartir proxectos coa Fundación Manuel María da Terra Chá, coas Brigadas, con Xermolos, cos Amigos da Feira de Castro de Rei, co Centro Cultural e Recreativo e con outras moitas asociacións desta ampla Chaira. É o compromiso coa Terra Chá e por iso o IESCHA abre as súas portas a quen queira sumarse a esta nobre tarefa. Nese camiño nos atoparemos. Que así sexa mentres a Chaira dure.

Xosé M. Felpeto Enríquez
Vilalba, novembro, 2002.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES