Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Francisco de Neira, o médico lugués ignorado

viernes, 16 de septiembre de 2022
A presenza da Ilustración en Galiza é innegable. Só algunha mente miope ou moi radical na apreciación desta idea pode negar o papel que xogaron institucións ilustradas, como Sociedades Económicas de Amigos do País con arraigo en Lugo e Santiago, A Academia de Agricultura de A Coruña, o Consulado de Mar, a Escola de Náutica ou personaxes tan significativos como o Francisco de Castro, Cornide, González Varela, Vicente do Seixo, Lucas Labrada, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, Somoza de Monsoriú e outros que aparecen espallados nos diferentes estudos feitos sobre esta época na Galiza.

Dito isto, cabe sinalar que o noso personaxe -Francisco de Neira- apenas é citado en moitos dos estudos que se fixeron sobre esta época galega. A razón do seu descoñecemento débese ó meu modo der ver a dúas causas: a) Practicamente non ten obra escrita -so consta un plan da Física Experimental- e b) o seu pasado histórico. Foi con 27 anos un Catedrático de Medicina innovador e mesmo revolucionario. E iso os seus compañeiros de claustro -a gran maioría conservadora- non llo perdoaron. Foi como unha pedriña molesta no zapato da que era preciso desfacerse. Fixéronlle a vida imposible na Universidade de Santiago e non pararon ata que se marchou a Madrid. Pero non contentos con amolalo en vida, perseguírono con saña, unha vez falecido, borrándoo de moitos documentos onde aparecía. É o que se coñece como "damnatiomemoriae", a supresión da memoria histórica, o rancor que se asaña cunha persoa evitando que sexa coñecida polas futuras xeracións. Iso xa se puxo en práctica nos pobos antigos. En Roma, cando o emperador ou un personaxe ilustre era considerado inimigo do pobo romano, o senado decretaba borrar o seu nome de cantos sitios aparecese. A menor escala este fenómeno reproduciuse con outras persoas relevantes pero molestas. Francisco de Neira foi sen lugar a dúbida un deses casos e iso explica a moi escasa aparición do seu nome entre os ilustrados galegos a pesar da gran relevancia que tivo na Universidade e sociedade galegas. Non parece mero fenómeno do azar que tanto o libro parroquial de bautizos da época en que nace en Orbazai, como libro de claustros da Universidade de Santiago cando as polémicas entre Neira e o claustro alcanzan unha alta temperatura, desaparezan. O máis probable é que, igual que sucedeu noutros casos similares, os fixesen desaparecer.

Pero quén foi Francisco de Neira? Francisco de Neira naceu na parroquia de Orbazai na ribeira do Miño, fronte a Lugo, en 1754 -como se deduce por outros documentos ó carecer do correspondente libro de bautizos-. Estudou no Seminario de Lugo pasando logo á Universidade de Santiago para facer os tres cursos de Filosofía -Facultade menor- e pasa logo a cursar Medicina. Nos dous últimos cursos de carreira fai as prácticas no Hospital da Armada en Ferrol. A Armada tiña entón os mellores cirurxiáns debido as necesidades que impoñían as constantes guerras. Remata Medicina en 1781 e ese mesmo ano gaña por oposición a Cátedra de Vésperas da Facultade de Medicina de Santiago. Conta entón 27 anos. Pero en vez de acomodarse no seu posto, dous anos máis tarde – en 1783- solicita permiso para ir a estudar a Londres e Edimburgo. Nesas cidades respira os aires dos novos saberes experimentais que empezan a estenderse por Europa. Dáse conta da transcendencia que ten isto para renovar a Universidade que aínda seguía pechada na ciencia teórica aristotélica. Prepárase entón na práctica de Física Experimental nos laboratorios universitarios. Completada a súa formación, trata de introducir dita materia na Universidade galega e pídelle ó Claustro mil reais para mercar máquinas e material experimental para montar un laboratorio de Física. Pero a Universidade contesta dando largas ó asunto. Non será ata comezos do XIX cando chegue dito material.

Xa de volta en Santiago, pide pasar á Cátedra de Física Experimental que se impartía en Filosofía, alegando a súa formación específica na materia. En 1789 foi nomeado para o posto, converténdose no primeiro catedrático de Física Experimental da institucións compostelá. Pero os seus inimigos non durmían. Quizais movidos pola envexa, dous anos máis tarde, un grupo de profesores – apoiándose nas Constitucións de Universidade- presenta ó claustro unha moción solicitando que Francisco de Neira debe abandonar a súa Cátedra porque non reúne os requisitos necesarios da Facultade de Artes xa que non Licenciado nin Doutor en Filosofía, conditio sine qua non para ser Catedrático . Obtén Neira un curto período de tempo para cumprir co prescrito. En apenas dous anos e medio logra a licenciatura e o doutoramento en Filosofía e a conseguinte praza efectiva de Física Experimental.

A personalidade científica, laboriosa e honesta do Dr. Neira logrou aglutinar un nutrido grupos de xóvenes profesores que sería o xerme dunha escola científica a comezos do XIX. Pero mentres tanto, a corrente partidaria da física teórica aristotélica e o sector maioritariamente conservador do claustro non pararon ata que botaron aquel brillante científico fora da Universidade. Cansado de tanta batalla inútil, Francisco de Neira oposita e gaña a Cátedra de Clínica do Real Colexio de Medicina Práctica de Madrid , pasando a formar parte do Real Protomedicato -unha especie de inspección médica- perdendo Compostela unha gran figura científica a oportunidade de renovarse a tempo. Anos máis tarde tería que asumir a renovación dos plans de estudos imposta por mandato real e nos que tivo que ver o mesmo Francisco de Neira.

Para concluír, compre sinalar que Francisco de Neira foi unha persoa moi activa e práctica. Del non se conserva ningunha publicación. Só consta no Libro de Claustros da Universidade o plan da Física Experimental, que debía estudarse en 2º de Filosofía e facendo prácticas no gabinete de Le Fond, que precisaba mercar a Universidade. Como non había textos en español, propón que cada profesor redacte o texto da súa materia. Pero nada disto vería mentres estivo en Santiago. Foi preciso esperar uns anos para que se implantase. Con todo, o esforzo non foi inútil e deu os seus froitos cos novos plans de estudos e ca nutrida escola de científicos da Universidade de Santiago que empezará a brillar a comezos do XIX.
Rivas García, Manuel
Rivas García, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES