Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os dous tipos de persoas

viernes, 02 de septiembre de 2022
Talvez sexa unha trivialidade abrir esta colaboración afirmando que hai dous tipos de persoas, as que cren merecer todo o que teñen, e aquelas que se presentan como agradecidas. Ás primeiras, todo se lles debe; as segundas todo o estiman como unha mercé, un don especial. Estas diferenzas acentúanse ou debilítanse a través da vida e definen a personalidade, que, como unha achega social, explica e xustifica os comportamentos.

Non é nada raro encontrarse na vida con estes dous tipos de persoas. Xa Narciso, personaxe mitolóxico, se namorou de si mesmo, representando a "autocompracencia", e Pigmalión, rei chipriota, pensaba que tiña máis que merecía. Outra cousa é como se interpretaron estas actitudes culturalmente (filosoficamente) ao través da historia, redefinindo os conceptos e aplicándoos, sobre todo, aos eventos e fenómenos sociais destes tempos, non sei se ben denominados "posmodernos".

Fartámonos de dicir que estamos nuns tempos afectados de crises. Así en plural, porque son varias as estruturas da sociedade que as padecen e esténdenas a diversos sectores. Pero a nosoutros agora aquí interésanos a crise e renovación da razón, da racionalidade en xeral. Talvez non soará ben. Algún lector preguntará se é o que nos faltaba para colmar de desventuras os nosos tempos. Precisemos. Refírome ao concepto da razón na modernidade, porque nin a aceptan os nosos tempos nin o concepto que dela se ten parece o apropiado para a "posmodernidade".

Estes tempos esixen unha renovación da razón, que non se lexitima como unha entidade absoluta, que marxina a experiencia humana e así tamén o mesmo devir da vida, e, no fondo, facilita os despotismos, os totalitarismos, as pretensións dun saber absoluto que non parece que a "posmodernidade" estea disposta a consentilo. Isto explica o rexeitamento dos "metarrelatos". E non se trata dunha cuestión ideolóxica: Na esquerda e na dereita abundan as posturas absolutistas neste campo. Conscientes disto todos pretenden demostrar que están no centro, salvo os extremismos por razóns que non incluímos nesta colaboración. Esta é a versión política da razón, que ata pode resultar, nalgúns casos, incoherente e adversa contextual.

A hermenéutica sae ao paso do racionalismo absolutista. Procede, pois, non descoidar as funcións propias da mesma, pola súa coherencia coas formas de pensar e actuar na actualidade, posto que avoga pola renovación conceptual da razón da modernidade, mediante un xiro "dialóxico-lingüístico", comunicativo e plural, opoñéndose aos conceptos tradicionais da razón, partindo dunha consideración do saber afectado dunha certa caducidade, de condición finita, con limitacións, e relacional.

A minuciosa e profunda obra do Dr. M. Agís Villaverde, Decano de Filosofía na USC., titulada Anatomía do Pensar (dous volumes), que na miña modesta opinión, documenta profundamente nesta temática, ben merece unha detida lectura cun decidido compromiso para captar as interesantes matizacións e valiosas suxestións que nos ofrece nela o catedrático compostelano, ao través da súa minuciosa análise anatómica (nunca mellor expresado) do pensar.

A hermenéutica, segundo o Dr. Ortiz-Osés, debe considerar a razón como algo axiolóxico e "posmoderno", integrada na linguaxe para acoller esa experiencia adquirida na versión a unha realidade fragmentada e plural, farto variada, aínda que estamos vivindo nunha sociedade, con paradoxo, globalizada. Certamente parece que deberíamos prestar moita máis atención á vida e a canto nela recibimos de sapiencia.

Son referencias imprescindibles -partindo de Heidegger- Gadamer, Wattimo, P. Ricoeur, etc., e non é difícil detectar o fío condutor da pretensión de restar lexitimidade a todo o pasado que atranca as formas de lexitimación hermenéutica, en consonancia, e singular eficacia cognitiva, co sentir da "posmodernidadade".

Tamén hai un libro de Lyotard, titulado "La condición posmoderna" que achega ideas básicas da actualidade, con un contido que se opón, sen dúbida, ao pensamento moderno e as pretensións da súa universalización, e foi o introdutor do termo "metarrelato", grandes narracións, que afectan ás exposicións culturais en xeral, a política e a mesma ciencia, xerando así un pensamento único, capaz de abrir as portas a toda clase de lexitimación dun progreso económico inadecuado, e axeonllándose ante a ciencia e a tecnoloxía. E, consecuente na oposición a todo isto, dixo do "posmodernismo" que, polo contrario, del emerxía un acostumarse a pensar sen moldes nin criterios. Indiscutiblemente. Polo tanto, estamos inmersos nunha certa irracionalidade: Interesan moi pouco a lóxica, a cultura e os valores tradicionais, e ollo cos "metarrelatos" que conducen aos totalitarismos.

Pero, por suposto, con estes parágrafos precedentes non pretendo, consciente das miñas limitacións, adoutrinar a ninguén filosoficamente, senón resaltar algunha idea necesaria para a mellor comprensión do que sigue: As implicacións das actitudes dos dous tipos de persoas, que introducen esta colaboración, nos comportamentos enraizados neste noso tempo, con vacilante denominación de "posmoderno". E para situalos en pista, como vulgarmente se di, se me ocorre formular a seguinte pregunta: XUSTIFICAN CERTOS COMPORTAMENTOS FRÍVOLOS DAS ELITES E ALGÚNS CIDADÁNS DE A PE, FILOSOFICAMENTE, A RENOVACIÓN DO CONCEPTO MODERNO DE RAZÓN, VINCULÁNDOA ÁS CORRECCCIÓNS HERMENÉUTICAS?.

Sabido é que no pobo soan as críticas a determinadas decisións dos gobernos, impregnadas de inseguridade nas promesas, de veleidade dos presidentes e ministros, de indiferenza da mendicidade nas relacións con quen lles transmitiu o poder e a quen representan, das pouco competentes maneiras de debilitar a lexitimidade do papel social das institucións consideradas do pasado, e incluso dos ataques ás mesmas con burlescos procederes e infantís acenos sen recato algún, etc.

Pois ben, todo isto conduce a pensar se estamos en presenza daqueles/as que se consideran merecedores do que posúen como atributos persoais, de matiz absolutista, que ven a ser precisamente o que semellan combater, en aras da persistencia dun pasado (dun modernismo) superado e a renovar a súa racionalidade. É dicir, que ocultan censuras do modernismo mediante embarulladas prácticas propias do "posmodernismo", un modo arbitrario de atacar o tradicional con calculados solapados. Non obstante, perseguen obxectivos da modernidade, descontextualizados na actualidade, ao amparo de amañadas hermenéuticas ad hoc para acadar reducir a oposición do pobo.

Sen entrar en máis consideracións, e para terminar, a cautela do tipo de persoas agradecidas do que posúen é consecutiva á responsabilidade coa que asumen as funcións sociais que se lles encomendan, sen concederse espazo á soberbia e ao orgullo polo que reciben como un don, do que non se apropian para atribuírse, como propios, valores adventicios, e, desde esta zamurga postura, evitar converter en dereitos as obrigas. Pero poden estas honestas persoas soportar as manobras partidistas, dimanantes daqueles/as que, carecendo de méritos propios para alcanzar relevancia, réstana a quen a ten...?. Ao "posmodernismo" tamén se lle acumulan as esixencias de correccións. Isto lévanos a pensar que difícil é para a persoa humana ser humana!!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES