Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A música de Caldo no atardecer

jueves, 01 de septiembre de 2022
Hai títulos que axudan. "Atardecer no Gaiás" é un deles. Unha serie de concertos ao redor de músicas ben diferentes (de autor, hiphop, pop, funk, soul, tradicional, electrónica, flamenco...) ao aire libre, nos meses de verán, nas tardes dos xoves e venres,nese instante no que cae a noite.

A convocatoria ten lugar na Praza central da Cidade da Cultura. Aí sitúase o escenario, e nese tellado en curva que baixa dende a Biblioteca de Galicia colócase o público. Un público diverso, no que caben as idades interesadas nese tipo de música e as crianzas que se van tirando pola parede como por un tobogán inmenso e corren polo medio dos que están sentados. Un ambiente de descanso festivo. Xente que fala aproveitando a ocasión, que se move dun a outro grupo ou facendo cola para coller unha cervexa. Cada vez son máis necesarias as ocasións nas que xuntar persoas distintas, pequerrechos e avós, nais e mozas. Esa coincidencia é unha das riquezas. Outra é a tranquilidade, o volume axeitado para escoitar e non abrouxar, a liberdade de movementos nun espazo suficientemente amplo...
A música de Caldo no atardecer
A min tocoume escoitar aos Caldo, a proposta dun trío do Val Minor (María Jorge co violín, AnaïsBarbier coa voz e pandeireta e Pedro Fariñas con guitarra e gaita) que, tal como presenta o programa, "achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos". A súa proposta integra melodías tradicionais galegas (moitas recollidas na aldea de Moscoso) e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, nunha fusión moi natural. Veñen de outras formacións como Son de seuTambor Colectivo.

Atrevemento no nome, Caldo, que nos trae reminiscencias de cociña a lume lento, de caldo de gloria de Rosalía, do caldo das cuncas que quitaban a fame nun tempo... e tamén dos caldos vinícolas que agora nos sorprenden nas adegas e denominación de orixe. Eles conseguiron o primeiro premio no certame Fran Pérez "Narf", outorgado pola Deputación da Coruña no 2021, pero tamén o Martín Códax de Música Folk no 2020.

Mentres escoitábamos a Caldo, de repente sentimos movemento: eran os bailadores e bailadoras que se erguían, cada un ao seu aire, ían ocupando espazo na praza, e dun xeito informal pero respondendo a unha chamada antiga, alzaban os brazos, movíanse dende o cara a cara á roda e amplificaban o significado da música. O baile non estaba preparado, facíase seguindo un sentimento, acompañando ao primeiro que propuña un paso... coa ledicia de saberse comunidade, de ritmo mantido ao longo dos séculos, de divertimento non consumista nin condutista, da liberdade de mostrar o que somos de maneira natural.

A praza era praza. A música estaba completa. O espectáculo conseguía ser comunal.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES