Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O adeus

lunes, 29 de agosto de 2022
Un pode vivir rodeado de xente, pero morre só. Así de paradoxal é a vida. E na hora do adeus estrañamos as oportunidades perdidas para estarmos xuntos, como querendo reescribir unha historia que non ten marcha atrás. Só o tempo, ese infatigable compañeiro que anima o mundo, devólvenos de vagariño á realidade e empúxanos a seguir cara adiante.

As horas tórnanse grises e acartonadas, mentres lembramos o sabor dun instante remoto que non volverá. A memoria convértese entón no último refuxio que nos queda para vencer á morte. E algúns días mesmo soñaremos que nada cambiou, e, todo resulta tan real, que, durante ese breve lapso, volvemos ser plenamente felices.

Pero os soños, o mesmo que a propia memoria, son evanescentes e debemos afrontar da mellor maneira posible o baleiro aterrador que sentimos ao descubrir como paseniño ímonos quedando sos. En realidade, nunca morremos de todo porque o amor derramado é case tan forte como a morte e iso, ninguén o esqueza, permanece para sempre.

Os seres humanos somos fráxiles pero a nosa capacidade de resistencia é grande, se cadra porque aprendemos a enfiar a agulla do tempo para zurcir a nosa vida. E así, sumando retallos, camiñamos, construíndo unha felicidade feita de instantes ditosos. Chegarán, claro que si, novos proxectos para encher baleiros e novas ilusións para colmar esperanzas. E, aínda que nada volve ser o mesmo, seguimos escribindo a historia da nosa vida, un humilde relato en busca de narrador.

O tren da vida pasa só unha vez. Subímonos ao noso vagón, acomodámonos no asento asignado, contemplamos a paisaxe ou charlamos con outros pasaxeiros e, nun momento dado, apeámonos, para que o convoi siga adiante.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES