Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libros silenciosos, silentes, sen palabras

jueves, 18 de agosto de 2022
Cando falamos de libros silenciosos estamos a referirnos a libros que non teñen texto, unicamente paratextos ou simplemente título e esa denominación marca (en principio) a lingua na que contalo. Aínda que xustamente poden ser contados ou "lidos" en calquera lingua. De feito, IBBY Italia ante o fluxo de migrantes / refuxiados na illa de Lampedusa, puxo en marcha a creación dunha biblioteca de libros sen palabras (Biblioteca de Lampedusa) na que participan o resto das seccións IBBY do mundo achegando os seus. Esta biblioteca pretende axudar á inserción de centos de nenos en Libros silenciosos, silentes, sen palabrascondicións de desamparo; no momento do primeiro contacto co mundo "Outro", serán estes libros exclusivamente de imaxes, sen textos, os que lle facilitarán o paso.

Non hai historias sen palabras, pero estas non teñen que estar escritas no libro. Nos libros silentes son as imaxes as que teñen man do relato para que o lectorado lle coloque as súas propias palabras. Pode traballarse con eles a calquera idade, aínda sen coñecer o código escrito ou utilizando idiomas diferentes. Estes libros están máis á man de calquera persoa, veña do país e da cultura que sexa, con máis ou menos competencia lectora.

Estamos falando de obras de literatura infantil e xuvenil baseadas case exclusivamente na narración gráfica, como son o álbum ilustrado, a novela gráfica, o libro de imaxes ou o cómic silente. Libros que desenvolven a súa narratividade e sedimentan as posibilidades de interpretación na narración visual, pois, a través dun discurso unicamente visual vaise construíndo o significado. Normalmente, o desenvolvemento desa historia implica niveis e recursos narrativos que absorben préstamos do cine, da arte e do discurso visual propiamente. Xusto, por tratarse dun proceso de composición espacial despregan códigos visuais que poden ser tan potentes e suxestivos coma os da linguaxe literaria. Trátase de libros moi abertos, extraordinariamente libres, porque lle dan ao lector un espazo moi largacío para imaxinar, crear e supor. Se un álbum ilustrado tradicional ten sempre múltiples lecturas, os deste tipo son moito máis folgados de significado, posto que a interpretación vai depender, en gran medida, das experiencias previas de quen le. Son libros que favorecen a autonomía do lectorado, pero tamén lles esixen máis concentración e capacidade de observación. Nestas obras os pequenos detalles son importantes; nada queda ao azar.

As imaxes están moi coidadas, pois deben ser suficientes para o relato. Así que teñen moitos detalles ou son moi expresivas e evocadoras. O neno, a nena, debe esforzarse por observar e a partir de aí, imaxinar que é o que está a pasar. Por iso estes contos requiren moita observación, atención e concentración; ademais, espertan a imaxinación das criaturas e a súa creatividade. Xeralmente son verdadeiras obras de arte plásticas, que grazas á riqueza e estimulante comunicación das imaxes logra que o lector ou «espectadora» recree a historia que o libro quere ou busca contar.

Os libros silentes poden chegar a ser artefactos sofisticados que ofrecen una experiencia lectora máis alá do inmediato. Segundo John Berger: "A vista chega antes que as palabras. O neno mira e ve antes de falar. A vista é a que establece o noso lugar no mundo circundante". O significado das metáforas e paradoxos visuais, a introdución do invisible e o silencio, as transformacións, os espellos e os conceptos do mundo van impoñendo xeografías insondables que desafían ao lector.

Silencio, estamos lendo!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES