Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A problemática vital humana

viernes, 12 de agosto de 2022
Os seres humanos non só somos conscientes da nosa propia vida, senón tamén dos desafíos que nos axexan en relación a nosa supervivencia. Aquí non podemos esquecer que somos respectivos á realidade, é dicir, ás realidades substantivas constitutivas do mundo, condición esta en virtude da cal nada real existe que non estea referida, desde a súa propia estrutura interna, ás demais, segundo Zubiri, e que el denomina RESPECTIVIDADE, anterior a toda relación entre elas, xa que contribúe á constitución das mesmas, é dicir, do que se relaciona. Pero sen máis lerias, considerémonos, pois, realmente vertidos a todo o demais. E non é esta unha relación externa, accidental, senón o fundamento dela. A relación ven a ser un "a posteriori" consecuente á "respectividade".

Isto fundaméntanos certa capacidade de modelaxe do mundo, como unha forza xeolóxica; pero non debería excluír o sentimento da nosa insignificancia ante todo o que nos leva a pensar no colapso ecolóxico como algo inevitable. E para non complicar, quedémonos, cando menos, no nivel do trato ordinario das relacións entre a humanidade e a natureza, aínda que aquí sexamos vítimas dun estado depresivo que nos sitúa, se profundamos un pouco, nun ámbito de esixencias de asumir non só a nosa morte individual, senón a da nosa civilización, que tantos esforzos supuxo á Humanidade. Así o entende o intelectual norteamericano Roy Schranson (Wikipedia) que nos di que esta civilización xa está morta, aínda que Ortega e Gasset cría que tras as ruínas ocultábase o rexuvenecemento.

Penso que, máis ou menos conscientemente, debilítase en nosoutros a percepción desa sutil integración constitutiva que nos vincula á natureza, arrastrando consigo o necesario decatarse da continxencia funcional da nosa existencia, o que nos leva á errónea crenza de que toda a realidade está ao servizo noso, de que todo evolucionou para acadar este obxectivo, e, por isto, de todo podemos apropiarnos mediante a nosa actividade científica e instrumentación técnica, que acabará dotándonos dun coñecemento exhaustivo da realidade, convicción esta que se acentúa cando confundimos os éxitos verdadeiros co logrado nas suxestivas investigacións.

Para ver nun espello de actualidade o que acabamos de explicar, talvez sexa adecuado facer unha análise superficial dos desafíos aos que nos enfrontamos no mundo, utilizando a relación que nos ofrece o articulista e pedagogo español, D. Luís M. Maínez, nun artigo, quen, ocupándose do QUENTAMENTO GLOBAL, dinos que Cheney, burócrata americano, por enfoque do seu futuro político, deulle a este sintagma a denominación de CAMBIO GLOBAL, para suavizar a agresividade que encerra o primeiro, evitando a urxencia de acometer todo o relativo ao cambio climático.

Isto ten un importante significado: En vez de contribuír cunha visión realista á solución dos problemas vitais, réstaselles importancia, e ocúltase que non se trata dunha ocasional obriga social, senón dunha intrínseca esixencia da real natureza humana mediante a aplicación de correccións dos seus comportamentos. E non esquezamos de botar, tamén, unha ollada a China, Rusia e India, polas súas respectivas actitudes ante a problemática ecolóxica, a que se enfrontan con oídos xordos para regular as emisións que a desencadean. Así constatamos unha respectable representación da actitude manipuladora da Humanidade.

En canto a desigualdade entre os seres humanos, a hipocrisía produce non menos falacias que no quentamento global, porque estamos en presenza do político e do social e imponse a xustificación do inxustificable. Aquí a alerxia aos fundamentos da realidade persoal evita integrar nos razoamentos a nosa capacidade da necesaria comprensión dos mesmos, ocultando a "respectividade" e sofisticando as relacións, introducindo así descaradamente o sacrificio -en aras da ambición económica e política, da impaciencia e dun certo narcisismo- dos impulsos intrínsecos do sentimento de fraternidade. E, como todo o que circula fora das vías adecuadas, talvez nun futuro máis próximo leve aos grandes guías económicos e as chamadas elites políticas a consumar o risco de acabar vítimas do seu nefasto egoísmo, por desnaturalización da propia realidade persoal. Así parece entendelo Maínez, cando escribe o seguinte: "Este problema de desigualdade representa uno de los mayores lastres en la recuperación económica de los países".

Enfróntanse así mesmo as sociedades o imparable envellecemento da poboación, que non se trata só dun problema biomédico, senón social, psicolóxico, etc. Hai, non obstante, que adaptar, na miña modesta opinión, o considerado administrativamente como inicio social deste envellecemento, empregando os éxitos obtidos no campo da sanidade en xeral e do biolóxico, porque é evidente que se vive máis tempo que antes, dotados dunha aceptable saúde, e seguramente sexa pertinente introducir correccións administrativas para axustar a actual proporción social de maiores, incluso con capacidade de realizar importantes actividades útiles socialmente. Sen dúbida, a nosa integración cósmica mediante a "espectividade" fundamenta esta proposta.

Ademais creo que convén que nisto a política electoralista ten que ceder espazo á aplicación do sentido común e da racionalidade científica, asociándose a outras translacións vitais, como á xubilación. E tampouco aquí se deberían descoidar as prácticas encamiñadas a manter as adecuadas funcións de relación na política e na programación en todos os niveis, aproveitando os excelentes medios de comunicación que posúe a Humanidade actualmente, en correspondencia coas esixencias constitutivas da realidade persoal, considerando as implicacións na asistencia sanitaria, pensións e protección social.

A necesidade destas correccións está xustificada polo comportamento das elites das novas xeracións, que cando dispoñen do poder para gobernar exclúen destacados membros do partido cualificados de baróns; pero cando a soga da incompetencia e inexperiencia os leva a situacións embarazosas botan man do que antes marxinaron, oufanados mercé á ignorancia de que a solución dos problemas vitais da Humanidade correspóndelles a todos os integrantes da mesma na condición de coadxuvantes relativos.

E aínda que non se pode borrar tampouco a fe nas certezas científicas, isto non debería nunca xustificar o excesos na confianza epistemolóxica, ata o extremo de pensar que xa temos así suficiente luz sobre a realidade e ao seu amparo concluír fantasías, sen decatarse tan sequera de que, como di Hegel, a diferenza de Ortega, "na historia camiñamos entre ruínas". A este respecto, incluso parece que Mark Zuckerberg, o fundador de Facebook, pretende introducir un universo dixital a modo dun mundo paralelo a nosa realidade, multiplicando e potenciando as posibilidades de interacción entre os seres humanos e as máquinas: A intuición da insuficiente comprensión da realidade parece levar ao fantasmagórico.

Como queira que caemos nunha inadmisible extensión de contidos, terminamos só facendo alusión a outros problemas vitais que nos apreman, sen entrar na súa análise, como as turbulencias xeopolíticas, a saúde mental (impaciencia, ansiedade, depresión, etc.) post-covid, e, por , suposto, os retos enerxéticos tomados en serio, fuxindo da estupidez de comprometer o uso das gravatas!!. Todos esixen un tratamento filosófico enraizado na "respectividade", esixencia esta que (plaxiando a Zubiri) permite deducir que nosoutros e as cousas, como realidades, estamos nunha intrínseca "respectividade", e, mercé a ela, formamos parte do mundo, que é a base na que apoiamos o esbozo das nosas posibilidades, cuxa realización nos facilita o enfrontamento aos problemas vitais.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES