Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De subnormal a diversidade funcional

jueves, 28 de julio de 2022
De subnormal a diversidade funcional O título non deixa de ser un pareado e como tal é breve. Non foi así o proceso para chegar a el. A linguaxe condiciona a consideración social. Nas definicións con que se nos etiquetou non foi fácil introducir a palabra persoa. Poder falar de dereitos humanos, dignidade, autonomía, inclusión... levou o seu tempo. Non vai existir o termo ideal, pero acompañado de "persoa con..." suaviza a expresión.

Sempre catalogados como seres inferiores que deben "normalizarse" para ser admitidos no seu propio medio. As limitacións asócianse a castigos de Deus ata que a ciencia recoñece que "rehabilitándose" poden ter algo que aportar. Os conceptos foron cambiando en función do momento histórico. Así subnormal procede dos inicios dun movemento asociativo que o considerou menos ofensivo que retrasado, cretino... Na Constitución Española aparecemos como disminuidos e na Lismi (Lei de Integración Social) como minusválidos. Máis tarde seriamos discapacitados e agora "persoa con discapacidade" ou "persoa con diversidade funcional". Este último xorde dos propios afectados despois de profundos debates. Pretende deixar á marxe as capacidades. Pon á persoa no centro e o acento no entorno, ao tempo que reivindica a diversidade humana.

Todo este percorrido foi necesario para pasar dun modelo médico, na primeira metade do século XX, ao modelo social que xurdiu a partir da década dos 70. No primeiro, o obxectivo é curar á persoa ou modificarlle a conducta escondendo na medida do posible a limitación. É un problema persoal e a súa identidade queda definida pola suposta enfermidade. O modelo social entende que non se trata de arranxar á persoa senón de cambiar a sociedade con actuacións en educación, sanidade, accesibilidade... para que poida participar en igualdade. O problema deixa de estar só no individuo para pasar á comunidade. A min tocoume conciliar o paso dun modelo ao outro. Conservo o certificado de subnormal con data 19 de novembro de 1975. Hasta existía o "Día do Subnormal" que se celebrou por primeira vez o 26 de abril de 1965.

Moitas veces temos que escoitar que as palabras son o de menos, que o importante son os feitos. Hai a súa parte de razón, pero as palabras a base de repetilas axudan a moldear a realidade. O que se transmite como negativo non axuda a ter expectativas. A modo de exemplo cando se puxeron os primeiros aparcadoiros reservados levaban no sinal vertical a palabra "minusválidos". Pasado algún tempo expuxen que sería convinte, para adaptarse aos novos tempos máis integradores, substituíla polo símbolo internacional. A resposta foi que ao mellor así non se entendía. Tiña a súa lóxica porque apenas se vían cadeiras de rodas polas rúas. Mais a mellor mostra do sentir da época é a seguinte: na presentación dos actos para a celebración do XXV Aniversario, un medio recolle que asistiran á Asemblea "además de los de silla de ruedas, también hubo discapacitados, tullidos, mancos, enanos, cojos...". Que non se diga que non había variedade. Non queda tan lonxe, era o ano 97.

A concepción da discapacidade foi cambiando e, por conseguinte, a maneira de afrontala. No 2006, a ONU promulgou a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. Este documento, en vigor en España desde maio do 2008, introduce unha nova perspectiva baseándose no modelo social e deixando atrás os paradigmas de beneficencia e rehabilitación. No artigo 8, pídese aos Medios de Comunicación que difundan unha imaxe acorde cos propósitos da Convención poñendo o acento na diversidade. Non se trata de ocultar ou disimular a realidade senón de utilizar termos apropiados para non eclipsar a dignidade da persoa.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES