Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Compás Social: O peche actual de Explotacións Agrogandeiras

miércoles, 22 de octubre de 2008
Un longo proceso

Nas comarcas rurais galegas que coñezo, ao longo dos anos fun testemuña do peche parsimonioso pero constante de explotacións agrogandeiras. Nun primeiro vendaval emigratorio, xa distante, foron desaparecendo caseiros, parceiros, segundos e sucesivos fillos de familias numerosas e outros traballadores e minipropietarios do medio rural. As súas magras propiedades quedaron a deriva ou aproveitadas por algún veciño. Anos despois, unha combinación de facenda de autoconsumo con traballo asalariado na contorna empuxou os restantes labregos nunha dobre dirección: uns converteron os salarios e pensións no eixo da economía familiar con redución drástica da facenda, cultivando só hortos e leiros, con crianza dalgúns animais domésticos. Por contra, moitos outros labregos-gandeiros orientaron a súa pluriactividade e os seus aforros a modernizar a explotación mediante a mecanización, a especialización gandeira, a conversión de montes en praderías artificiais, etc.

Nos últimos anos e agora, chegamos a hora da verdade: están retirándose varias cohortes de gandeiros, nados nas décadas de 1940-50 do século pasado, que no seu día non emigraron ou só se desprazaron temporalmente. Eses campesiños resistiron e perseveraron con relativo éxito. Lograron pasar do autoabastecemento familiar ó mercado total, da penuria monetaria a liquidez de varios ingresos, do policultivo a especialización gandeira, das ferramentas artesáns a mecanización agraria, dunha familia numerosa a outra mais reducida. Estas xeracións están agora xubilándose, movidas pola idade ou pola expectativa dunha pensión anticipada promovida pola administración autonómica. O peche acelerado destas explotacións agrogandeiras, despois de moitos anos de transformacións e modernizacións, teñen un novo significado: cerran por falta de sucesor, non por ser totalmente inviables.

Como se chegou a esta situación? Os campesiños non eran onte nin son hoxe inxenuos. Vistos os atrancos e incertezas para consolidarse como granxeiros, orientaron o seu mellor esforzo e sacrificios a preparar os fillos que logo acabaron fuxindo do traballo agrogandeiro. Esa é aínda hoxe a dinámica envolvente en moitos recantos da Galicia rural. A carencia dunha formación profesional agraria axeitada axudou tamén, segue axudando, a crear esa mentalidade colectiva de expectativas frustradas e fuxida.


Algúns datos oficiais

Esta aproximación descritiva apunta na mesma dirección que os datos estatísticos para toda Galicia: no ano 1962, data do primeiro censo agrario, existían en Galicia 433.696 explotacións agrarias. Vinte anos despois, no censo de 1982, quedaba só un 83,39% delas (pecharon 72.036 explotacións e resistiron 361.660). Corenta anos mais tarde, no censo de 1999, contabilizáronse 270.053 explotacións agrogandeiras; e dicir, nese percorrido de 40 anos desapareceron 163.643 explotacións, equivalente ao 37,73% delas. Considérase que esa regresión foi necesaria e inevitable, esixencia da man invisible do mercado e dos obxectivos da sociedade de benestar. Pero temos outros datos estatísticos sorprendentes: de 1962 a 1999 a extensión total das explotacións agrarias minguou un 15,78%, pasando dun total 2.424.000 a tan só 2.041.000 hectáreas. Onde foron a parar as 383.000 hectáreas desaparecidas? Aínda máis, o dato mais alarmante do censo de 1999 era este: a totalidade das 269.000 explotacións con terras tan só sumaban 696.000 hectáreas de Superficie Agraria Utilizada (SAU), e dicir, utilizaban tan só o 34% da superficie total de tódalas explotacións. Que foi do 66% de superficie restante? É de supoñer que se acumulou no montón dos abandonos. Como entender que se pechen tantas explotacións agrogandeiras e que as súas fincas se convertan en matogueiras improdutivas?


Todos contentos?

Volvamos a dinámica e detalles das explotacións que agora están pechando. Despois dunha longa epopea, o gandeiro, disposto a retirarse, acadou un considerable desenvolvemento e modernización de tódolos compoñentes da súa explotación: mecanización (tratorización), novos apeiros industriais, novas cortes para o gando, novos sistemas de muxido, incremento da cota láctea, etc. En total, ó longo de varios anos, unha inversión mínima de 180.000.- euros ( uns 30 millóns das antigas pesetas). Examinada a rendibilidade desas inversións con criterios empresariais, semella unha ruína; pero vista desde unha perspectiva práctica e global, ese campesiño conseguiu, combinando varias fontes de pequenos ingresos, o milagre de sustentar a familia, rehabilitar e modernizar a vivenda, reconverter a explotación, custear o estudo dos fillos e incluso iniciarse no consumo de determinados bens. A pesar deste relativo éxito, o desenlace actual estaba cantado: hai que pechar a explotación porque non hai sucesores, e convén liquidala neste intre porque os titulares poden acollerse a unha xubilación anticipada e conseguir un razoable prezo polo traspaso da cota láctea, das praderías e outros bens mobles. A vivenda familiar, de momento, queda intocable.

Desde a perspectiva do gandeiro que recibe o traspaso, o trato tamén resulta razoable: incrementa os seus dereitos de produción e venda de leite, aumenta a extensión útil da explotación, compra algún gando seleccionado e pode quedarse con algunhas máquinas ou apeiros agroindustrais que necesite. E todo iso por un prezo accesible. Aparecen, non obstante, algúns inconvenientes: as praderías alugadas están espallas e a veces moi lonxe da explotación, o que esixe moito traballo con pouco rendemento. Por outra banda, na práctica o transmisor ten que quedarse coas parcelas non-laborables e improdutivas do seu minifundio, cos animais non transferidos e con bastantes máquinas e apeiros usados, nin transferibles nin vendibles. Os pallares, palleiras, alpendres e arrimos, que trinta anos antes acolleron o arrombe definitivo de carros do país, arados romanos, apeiros e ferramentas artesanais, agora acumulan toda clase de máquinas agroindustriais prexubiladas. En térmenos contables, todo un estrago.


Cuestións para un balance

Se avaliamos este proceso desde unha perspectiva individual, tódolos actores parecen contentos ou polo menos positivamente resignados. Non obstante, ollando os mesmos feitos dende o miradoiro da sociedade total, agroman interrogantes por tódolos lados: Como se chegou o paradoxo de que só o 34% da superficie agraria sexa utilizada? ¿Poden consolidarse como viables as explotacións que alugan fincas dispersas,-que requiren desprazamentos excesivos-, nun minifundio de anacos improdutivos? Quen serán, dentro da actual dinámica de baixos rendementos, os sucesores ou continuadores desas explotacións? Despois dun 38% de explotacións pechadas desde 1962, ¿cantas explotación sobran aínda hoxe? Cal é o número óptimo de explotacións que prevén os políticos autonómicos? A reflexión sobre estas cuestións desborda este espazo. Volveremos sobre delas noutras achegas.

¿Cal será o resultado final da política, aparentemente contraditoria, de promover o abandono aleatorio de explotacións agrogandeiras, e ao mesmo tempo tratar de reter ou incluso atraer poboación ó medio rural? Sabemos que hai moitos posibles factores de atracción e desenvolvemento do medio rural; pero hoxe son pouco visibles, producíndose neste intre mais baleirado que asentamento de poboación. Para que a xente queira permanecer de forma estable nos núcleos rurais é necesario que as condicións de vida sexan homologables coas do medio urbano, contando especialmente con axeitados medios de comunicación, vías de transporte e servizos públicos. Sen estas condicións básicas, as políticas locais ou superiores tenden a quedarse en simples verbalizacións retóricas e derivados folclóricos.

Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES