Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Como rematar cos libros dunha vez por todas

miércoles, 22 de octubre de 2008
Aínda que o tema ten rexurdido con forza estes días na feira do libro de Frankfurt, a estas alturas custa crer aínda aqueles vaticinios que algún dos gurús de Internet, coma Nicholas Negroponte, fixo acerca da desaparición do libro tradicional e a súa substitución por outro dixital. O tempo, que acostuma a poñer todo no seu sitio, veu neste caso a demostrar que, polo menos ata o de agora, as cousas non han ser tan doadas. Aquelas iniciativas dalgunhas editoriais (coma veintinueve.com de Planeta, de apenas un ano de vida) de comercializar na rede fondos dos seus catálogos, resultaron a comezos deste século unha decepcionante e frustrada experiencia. Os lectores continúan a preferir o papel.
É certo que outros proxectos de máis amplo calado seguen aí, tal é o caso do chamado Proxecto Gutenberg, iniciado por Michael Hart en 1971 na Universidade de Illinois co fin de crear unha base de datos con máis de cinco mil obras literarias, maiormente clásicas, de libre disposición tanto en formato HTML como ASCII (texto chan) para calquera usuario. Tamén as novas melloras tecnolóxicas coma CoolType de Adobe, ClearType de Microsoft, Kindle de Amazon ou o Reader de Sony semellan ir sen dúbida encamiñadas a un, cada vez maior, perfeccionamento do famoso e-book do cal tantas veces se anunciou a chegada definitiva. Polo visto os novos dispositivos creados tentan imitar cada vez mellor o libro de toda a vida incorporando o que se deu en chamar tinta electrónica (e-ink) e pantallas LCD cun grosor algo superior ao do papel.
Os que nos temos criado entre libros “tradicionais”, isto é, de papel, non sei como iamos levar a asepsia dun dispositivo electrónico que non ula, que non mude o seu aspecto externo segundo a edición, o título ou o autor, que teña un tacto máis ben frío e monótono. Persoalmente entendo e comparto a comodidade que un elemento así supón para os libros de consulta (dicionarios, enciclopedias....) ou para os casos concretos nos que, nunha investigación filolóxica se queira coñecer, poñamos por caso, as veces que Rosalía empregou a palabra “follas”; pero cústame crer que alguén poida levar á cama os Ensaios de Montaigne en semellante aparello. “Nos avións”, dicía hai uns anos Juan Cruz na prensa, “xamais che pedirán que apagues un libro normal”. Porque os que nos temos criado entre libros temos desenvolto con eles unha relación que vai máis aló do práctico e meramente utilitario, chegando a ser, poderíase dicir, de carácter “afectivo”.
Pola contra, coido que hai algo que, tal vez, si poda rematar co libro tradicional dunha vez por todas... e antes do que imaxinamos. A proliferación excesiva de libros vacuos, innecesarios e prescindibles. Libros concebidos coma mero produto comercial coa pretensión única de compracer as supostas necesidades inmediatas e urxentes dunha clientela ávida de novidades, pouco esixente e nada crítica. Non hai moito sentín certo arrepío ao albiscar de súpeto nos mesmos andeis dunha librería, e formando parte da mesma colección, varias novelas dun autor ao que cabería calificar por calquera de “imprescindible” e o exabrupto encadernado do derradeiro cómico televisivo de turno. Non quero pasarme de dogmático, e pode que cada un destes libros teña o seu momento do día (ou da vida) para ser lido, pero o curioso, e ata perverso, do asunto pareceume o feito de que a editorial (a librería non tiña a máis mínima culpa nisto) publique xuntos nunha mesma colección dous títulos tan antagónicos levando con ilo ao lector inxenuo, ou desorientado, a un nivel de confusión do que tal vez non se repoña xamais. Para vacinarse contra isto, aconsello ler o relato de Woody Allen (a quen lle temos plaxiado parcialmente o título deste artigo) “Reflexións dun sobrealimentado”. Nel refréxase moi ben a irreparable empanada mental que xurde de equiparar a lectura de Dostoievski e a dunha revista dietética.
Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES