Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recordando a Francisca

martes, 19 de julio de 2022
Busco nas reunións familiares, busco no porche do Tarreo, a ver se está alí, no ourego; visito en Ferrol, a casa pequena, a ver se a atopo sentada, na horta, á sombra da nogueira, cuidando as galiñas... Non, Francisca non está. Foise o tres de decembro do 2021. E non choramos por ela. Naquela noite, do día catro, no adro de Adragonte, alumados polos faros dun coche, despedímola, sen bágoas nos ollos, como ela sempre Recordando a Franciscanos pedía.

Enterro emocionante e sinxelo. Había ser na intimidade, pero o adro encheuse de familia, veciños e amigos. Francisca tiña moitos. Que bendición habela coñecido! Hai corenta e cinco anos, saín da súa casa de Cabalo Branco, vestida de noiva (á miña maneira). Ela e máis Luís non asistiron á nosa voda. Había moi pouquiño tempo que perderan ao seu fillo, e non tiñan ánimo. Pero, desexáronnos o mellor, e ofrecéronnos o seu apoio incondicional.

Antes de eu chegar á vida de José, Luís e Francisca xa estaban ahí, actuando como os seus segundos pais. E, despois, continuaron coa mesma actitude.

Para as nosas nenas, a casa de Cabalo Branco, a horta, as galiñas... eran como a casa dos avós. Alí corrían, en canto había tempo libre. E alí quedaban, cando nós tiñamos algunha ocupación.

Na casa de Francisca, sempre había un prato de comida para nós. Ademais, de alí nunca saías coas mans baleiras: unhas laranxas, unhas noces, unha verdura... calquera cousa que eles tiveran era compartida co que aparecía pola porta.

Na casa de Francisca, todos nos sentíamos a gusto, nun entorno emocionalmente acolledor. Non importaba que estiveran os papeis dos seus escritos aquí ou acolá; sempre había un recuncho onde pousar e sentirse a gusto, escoitando as súas sabias reflexións e consellos.

Francisca foi unha muller da aldea, que foi á cidade, mantendo, con orgullo e moita dignidade, os seus costumes, principios e experiencias, vividas nos tempos da súa nenez e xuventude.

Conservou e utilizou a súa lingua materna, a pesar da presión exercida polo entorno urbano, onde a lingua galega se ocultaba, para non parecer "un paleto".

Cando, a partir dos setenta anos, se puxo a escribir sobre a súa experiencia vital, foi un regalo para nós. A súa narrativa é sinxela e diáfana. Escribía como falaba. Os seus textos constitúen un tesouro etnográfico e antropolóxico, que, de non ser por ela, non os atoparíamos noutros libros.

Gracias, Francisca, por ser unha muller íntegra, atenta sempre ás necesidades e inxustizas do mundo, que vostede, a súa maneira, tamén intentaba aliviar. E gracias, sobre todo, por habela coñecido e disfrutado. Foi un pracer inmenso!

Mª Lourdes Pérez Freire. O Ourovello, Xullo do 2022.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES