Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai orde no caos?

viernes, 15 de julio de 2022
Nunha colaboración neste mesmo medio escribo que nin todo o caótico abre camiño a perversidade, nin todo o ordenado facilita o acerto. E talvez algún lector se encontre sorprendido por esta afirmación, e a considere un oxímoro, é dicir, que o caos éo ordenadamente e o ordenado caoticamente.

Isto lévame a ofrecerlles o contido desta colaboración, por se con ela se facilita unha oportuna clarificación, remitíndose a toda a realidade. Confeso que me asalta a dúbida de se estou en presenza dunha mutua implicación de ambos termos, nunha CO–IMPLICACIÓN, ou no caso dunha COMPLICACIÓN, froito da miña ignorancia. Procurarei explicarme en referencia á realidade qua realidade, en canto realidade.

Penso que é documentable que a orde pode levar ao caos; pero tamén este á orde. Incluso nos encontramos coa creación de modelos, no seo do caos, que nos serven para intuír a percepción da existencia no mesmo dunha orde. O determinismo de Newton, Laplace, etc., e do matemático René Thom, está selado coa afirmación de que é posible predicir unha situación se coñecemos a anterior. E cando isto non ocorre, cólgaselle ao AZAR, a casualidade, que ven a ser unha parte da realidade física, como así se evidencia na TEORÍA DO CAOS: A realidade é unha mestura da orde e da desorde, e no mesmo caos xorden esas novas estruturas que os estudosos cualifican de DISIPATIVAS. E non obstante, esta teoría non se opón ao determinismo, xa que, ademais do caos e do azar, dálle cabida a orde.

Os especialistas nesta temática demóstrannos que non se trata dunha mera banalidade, posto que adoitan formular unha serie de preguntas que nos abren a esta convición, como, por exemplo, se hai orde oculta tras o caos aparente, ou caos oculto tras a aparente orde. O físico, sistemático e profesor universitario belga, de orixe soviético, I. Prigogine, que morreu en Bruxelas no 2.003, preguntábase se realmente pode asociarse o equilibrio coa orde, e argüía que cando un sistema vai cara ao caos, acada un punto no que se produce unha bifurcación, e nel, o sistema pode recuperar o equilibrio orixinal, ou ben ordenarse a si mesmo (AUTOORDENARSE), mediante a introdución dunha nova estrutura.

Así pois, unha situación en desequilibrio pode recuperar a orde orixinal ou afastarse dela, acadando outra nova. Isto apoia a seguinte afirmación: O universo naceu dun caos orixinal, e nel, a mesma vida xurdiu dunha molécula desordenada. Xustamente, é o que leva a dicir aos estudosos que existe unha RETROALIMENTACIÓN NEGATIVA, que neutraliza as desviacións, e outra POSITIVA, que as aumenta.

Creo que convén resaltar que o equilibrio non marca EVOLUCIÓN. Así pois, se aceptamos a evolución temos necesariamente que aceptar a inestabilidade e a condición de irreversible, que tamén é o que abre o horizonte da vida. E necesario non deixar pasar que os fenómenos físicos tamén teñen historia, razón suficiente para fundamentar que as ciencias humanas e exactas así mesmo deben progresar xuntas, como afirman os mencionados intelectuais R. Thom e I. Prigogine.

Sumemos a isto que, segundo nos prescribe a termodinámica, todo sistema evoluciona cara ao caos, desorganizándose e desintegrándose, se non recibe un aporte de enerxía, so pena de correr o risco de retornar ao estado anterior, se por azar non acontece algo que o leve a evolucionar cara a unha orde crecente camiño dunha estrutura "disipativa".

Incluso existen opinións de intelectuais que afirman que non hai orde nin desorde no universo, xa que unha e outra son un invento noso para entendelo. Polo tanto, se consideramos a linguaxe desde a perspectiva da teoría do caos como unha aplicación a creación literal e científica, creo que estamos en presenza dun instrumento de comprensión. E, non obstante, segundo Prigogine, é o mundo mesmo o que ten aspectos caóticos, o que ven a dicir que non somos nosoutros, os homes e mulleres, os que creamos a inestabilidade, posto que esta existe por si, como nos exemplifica o mesmo clima: todo depende das circunstancias incertas, aínda que talvez non nos apercibamos suficientemente de que, nos sistemas, pequenas causas poden xerar grandes efectos (efectos bolboreta).

Desde unha concentración extrapolar á nosa realidade social do exposto nos parágrafos anteriores permítennos aplicalo ao mundo en xeral; pero correndo o risco de caer na ilusión de que somos a culminación da evolución e independentes da natureza, e isto lévamos a perder a sensibilidade, incluso, para as cuestións ecolóxicas, a pesar de que os medios de comunicación inúndannos de informacións ao respecto, de numerosos desastres.Celébranse reunións a alto nivel, tan ostentosas como ineficaces, principalmente do mundo da política e da economía. E, por suposto, a inmensa maioría da xente quedan, quedamos, no mellor dos casos, cunha percepción mínima do verdadeiro problema.

Xa que chegamos aquí, invítoos, amigos lectores, a dedicar algún tempo de reflexión as seguintes preguntas:
1ª.- Este caos que se percibe no mundo planetario, no que impera a inestabilidade,, esixe unha interpretación extrapolante desta inestabilidade e desequilibrio con todas a súas consecuencias para a humanidade?.
2ª.- É o home un mero coadxuvante, ou un eficaz causante inconsciente desa percibida situación?.
3ª.- Social e politicamente desencadea o poder en mans humanas, con plena imputación das consecuencias, os desequilibrios nas sociedades?.
4ª.- Pode atribuírse ao azar, entendido como pseudocaos, a existencia de tantas medianías nos gobernos, ou hai que incluílo no espazo dos efectos tendenciosos no mundo?.
5ª.- Ata onde son necesarios os comportamentos avesos dalgúns gobernantes para crear a inestabilidade xeradora da evolución que conduce a sociedade a estruturas "disipativas"?.

Espero que, polo menos, sexa comprensible e de razoable pertinencia a frase que me levou ao ofrecerlles o contido desta modesta colaboración.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES