Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (15)

viernes, 08 de julio de 2022
As palafitas Valuras

O inmenso mar chairego formado por máis de mil: ríos, regatos, regueiros, quenllas, rairos, birtas, lagoas... fan da Valuria un lugar cheo de feitizos, embruxado polas néboas que a abranguen con cotiandade e a auga correndo e correndo, amodiño, entre o largo silencio que se perde como os cantos dos paxaros que o vento leva e fai que non se escoiten, ou incluso que pareza que non existan. Todo está durmido na inmensa cama que ten o cabeceiro e a rilleira entre os bloques das montañas Valuras; isto do que estou falando está referido ao agora, ao hoxe, mais nós temos que viaxar no tempo, para atrás, por exemplo, ao século XV, ou incluso moito antes. Nese tempo, a Valura estaría chea de auga, sería como un mar, como nos dicía o profesor Rio Barja, cuxo fondo estaría nalgunha lagoa como a de Cospeito, e todo o demais estaría anegado pero con moito arboredo que faría de contedor das augas e non coas drenaxes feitas ao longo dos séculos "ad hoc".
A misteriosa e incógnita Valura (15)
A auga pechada na cunca desta Chaira e a lama serían as marcas de identidade, o mesmo que as árbores amantes da auga como o salgueiro, o ameneiro, as faias e os sanguiños, entre outros, poboarían esta inmensidade embruxada de néboas, orballos e tronos, esta cunca receptora e nunca escorregadiza por non ter lugares polos que baldeirar nin pendentes polas que escorrer en toda a Valuria no treito miñoto máis aló dun vinte por cento.

Esta Valura chea de auga e de soños, ás veces, suponse que faría aos Valuros persoas durmidas entre esta paisaxe tamén durmida e pegañenta de humidade e de frío; estas serían as pegadas da identidade dos poboadores deste inmenso val que hoxe cambiou ese mar interior de auga doce polo mar da herba nas praderías infindas que tamén teñen ondas abaneando a herba que a poboa e fai dela o seu emblema e o seu poderío.

Pois ben, aquí, nesta inmensidade de auga enchoupada de silencios, vivían os Valuros, acostumados a estas adversidades, que supoñemos que, como habituais que eran, se os sacásemos de aquí, atoparíanse desconcertados, mais serían xentes chairegas das que Xosé Manuel Carballo dicía "son de seu natural, pacíficas, sufridas, traballadoras, serviciais e hospitalarias".

Bartolomé S. de Molina, na súa "Descripción del Reyno de Galicia", editada en 1550, recolle o relato de que en certos meses se escoita na lagoa "Lamas de Goa" un bruído dunha vaca e o tanguer das campás, o que proba a existencia interpretada por Amor Meilán como unha poboación lacustre tal e como nos recolle Filmena Dorrego Martínez en "Sobre os Baluros: mito e realidade".

Tamén Balboa Salgado fai unha explicación presente na antigüidade ao considerar a existencia de cidades lacustres e palafíticas, como sería o caso do pobo Valuro.
O mesmo Anxel Fole dinos que "os habitantes das antigas cidades lacustres da Chaira, algunha asulagadas, vivían en palafitos" segundo se nos comenta nos "Viaxes con Anxel Fole" do poeta Manuel Rodríguez López.

Os devanceiros destas xentes poboadoras das palafitas nos terreos pantanosos onde farían estes habitáculos sobre piares de pedra paredada, moi parecidos aos hórreos galegos actuais, ou ben as construirían encima de árbores chantadas na lama e moi resistentes á auga, como pode ser o amieiro ou o carballo. Estas palafitas estarían no medio das augas e terían unha parte exterior que actuaría a modo de peirao cunha escada para subir a unha especie de padiola sobre a que se construiría a casa.

Os Valuros estarían moi vencellados ao mundo da auga, terían batuxos que empregarían para a pesca e para o seu desprazamento. A sua dieta, é de supoñer, estaría tamén moi vinculada á pesca, Suponse que terían trasmallos e redes, galletas e pinchos de ferro para coller os animais que viviran nas augas e nas lamas, como os peixes, as troitas, os cangrexos, e sobre todo as anguías que serían moi abundantes entre os lodos das nosas lagoas.

Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela

NOTAS:
ARIAS VILAS, Felipe.- Pregón da III FESTA BALURA de Castro de Rei. Copilugo. Lugo 2003.
BALBOA SALGADO, A.- A raiña Lupa. As orixes pagás de Santiago. Ed. Lóstrego. Santiago 2005.
DORREGO MARTÍNEZ, Filomena.- Sobre os Baluros: mito e realidade. Croa 2005.
RODRÍGUEZ LÓPEZ, Manuel.- Viaxes con Anxel Fole. Ed. do Castro. A Coruña 1988.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES