Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dona Lupita

viernes, 17 de octubre de 2008
Dona Lupita pertencía a outro tempo. Collera o costume de ir dúas veces por semana á perruquería para compoñer o moño. O moño de Dona Lupita unhas veces semellaba un avespeiro e outras veces semellaba unha barrica. Segundo a dirección que trouxera o ar. O moño de Dona Lupita inclinábase cara ao setentrión, cara ao mediodía, cara ao nacente ou cara ao poñente, así que para saber a dirección do ar só había que fixarse no moño de Dona Lupita. Dona Lupita sempre tiña que agocharse nas portas, algunhas veces un pouquiño e outras veces un pouquiño máis, segundo a altura do moño. Dona Lupita sempre ía á mesma perruquería. A perruqueira tamén pertencía a outro tempo, só sabía facer moños, así que Dona Lupita chegaba, sentaba e non dicía nin chío; a perruqueira facíalle o moño, Dona Lupita pagáballe e marchaba. Dona Lupita durmía sempre co moño e velaí que chegou o día en que non collía na cama, entón foi a un carpinteiro para que lle fixese outra.
-E como a quere? -preguntoulle o bo do carpinteiro.
-Xa ve, tómeme as medidas -contestoulle Dona Lupita.
O carpinteiro para tomarlle as medidas tivo que subirse a unha escaleira.

Cando o carpinteiro lla levou, a cama non lle collía no cuarto, así que Dona Lupita tivo que facerlle un buraco ao testeiro da cama vella e á parede e durmir co moño por fóra da casa. Cando Dona Lupita se erguía pola mañá tiña o moño xeado, ou mollado, ou con niños.

Dona Lupita coñecía a don Valentín de Deus, alias, Das Piñas desde había moitos anos. Un día encontráronse na rúa da Raíña en Lugo.

-Onte vina pola muralla, Dona Lupita -díxolle Don Valentín.
-Si, pois eu a vostede non o vin Don Valentín -contestou dona Lupita.
-Non, é que eu ía por baixo pero vinlle o moño e dixen: Velaí vai dona Lupita!
Cando poñen a iluminación atravesando as rúas da cidade nas festas de San Froilán, dona Lupita non pode saír da casa porque o moño préndelle nela. O Concello argalla non poñer a iluminación nas próximas festas para que dona Lupita poda andar polas rúas da cidade sen problemas.

Un día don Valentín volveu poñer o traxe negro, pero esta vez non foi para ir a unha festa, nin a unha voda. No enterro de dona Lupita había moita xente e comentábase que á finada hóubolle que cortar o moño para que collera no ataúde.

O moño de dona Lupita poxouse no Hotel Méndez Núñez e un descoñecido pagou duascentas mil pesetas por el. Pasado o tempo souberon que o comprara un fabricante de perrucas, así que o moño de dona Lupita segue por aí a cachiños.

Din que no cemiterio de San Froilán a sepultura de dona Lupita está cuberta de pelos, e a xente pensa que ao esqueleto de dona Lupita lle medra o moño.
Piñeiro González, Vicente
Piñeiro González, Vicente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES