Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Romaxe de Penas de Rodas (Outeiro de Rei)

miércoles, 29 de junio de 2022
Sendo o meu nacemento na antiga Lucus Augusti, hai agora 61 anos, estando só a 18 quilómetros deste lugar máxico, natural, emblemático e pétreo, non sería lóxico que descoñecese o santuario lendario de Penas de Rodas. A el vin hai xa moitos anos, non Romaxe de Penas de Rodas (Outeiro de Rei)recordo cantos, en compañía da miña irmá e dalgúns amigos, sendo aínda novos e enfrontándonos ao oculto co típico desenfado da xuventude.

Logo, as Penas de Rodas foron un referente nas miñas rutas ciclistas, longas e solitarias, nas que devoraba distancias e esgotaba forzas nun pedalear que tiña moito de físico, mais tamén de emocional e psicolóxico. Pedaleando esgotábaste e tamén pensabas, chegabas ao límite no que as forzas cedían o paso ás visións fantásticas e soñabas, soñabas moito vendo paisaxes e durmíndote no cansazo do deportista.

De volta de Friol, pasaba na bicicleta por Penas de Rodas como un último chanzo no regreso ao meu fogar na capital, sentíame xa próximo á meta, aínda que me restase sempre a forte subida de Ramil, pasado xa Rábade, porque Lugo, Lucus Augusti, foi colocada polos romanos nun lugar facilmente defendible e, polo tanto, alto, moi alto.

Finalmente hai dous ou tres anos acollinme ao fogar de Penas de Rodas xunto cos meus compañeiros do Grupo Humorístico Trípode para representar nunha romaxe semellante a esta unha comedia de enredos e de risas, porque as comedias e as romaxes son para iso, para rirse e desfrutar, para vivir e sorrir, para xuntarse e descubrirlle á vida a súa cara alegre. Teatro e romaxe xuntas, nunha tarde de 36 graos á sombra, servíronnos para suar, suar moito, e tamén divertirnos, gozando da boa compañía dos romeiros.

Aquí nace a Terra Chá e esta terra sempre exerceu sobre min un influxo máxico e motivador. Estou namorado das longas distancias verdes, onduladas polos altibaixos do terreo, entre Lugo e Abadín, entre Vilalba e Meira, entre Penas de Rodas e o descenso á costa lucense, ao mar, onde eu vivo agora. A chaira inmensa é unha manifestación telúrica do infinito, da eternidade, un debuxo máxico da permanencia, da vida sen fin. E as penas que aquí nos acompañan, únicas na súa soidade compartida, no seu amor de parella sólida e inestable, significan a individualidade illada, o orixinal e único, o concreto e finito, aínda que a maxia, inevitable tamén aquí, as tinga dun significado especial, profundo ou misterioso.

Hoxe ofrecedes ao mundo un mosaico de cousas máxicas. A maxia do lugar e das pedras contáxiase aos humanos nunha romaxe como a vosa, na que acudimos todos cheos de esperanza, buscando a expansión lúdica que a pandemia nos impediu durante os dous últimos anos. Bailaremos coas máxicas melodías do dúo Zafiro, do grupo Airiños da Freba ou da banda de música; competiremos co fútbol amigable; xogaremos a mil xogos, para volver a ser nenos e compartir a ilusión; fabricaremos pezas artesás, expoñerémolas e mercarémolas; contemplaremos os espectáculos máxicos do circo e do teatro, comeremos, falaremos e rirémonos, como ten que ser. Outra maxia máis das Penas de Rodas, capaces de convocar, de iluminar e inspirar, de servir de centro xeodésico de unión e de xuntanza; que todas as xuntanzas teñen esa chispa de maxia que fai acenderse en nós o entusiasmo, ese entusiasmo que a vida, ás veces, nos apaga.

O mundo, e Galicia en particular, están cheos de pedras e as pedras están cheas de significado. A todos nos vén á memoria a pedra de abalar da Nosa Señora da Barca, en terras de Muxía, emblema granítico do camiño xacobeo, que cristianizou multitude de centros de culto pagán. A pedra abaladoira de Muxía semella reproducir un barco, bambeándose sobre as ondas líquidas do mar, o mesmo barco que, segundo se conta, trouxo á Virxe María na súa chegada a España, para aparecerse aquí, segundo conta a lenda, ao apóstolo Santiago, o gran cristianizador das nosas terras, e animalo nos momentos de desánimo.

Na miña Mariña, na Mariña Lucense, onde eu vivo, existen tamén penas abaladoiras, corpos redondeados de pedra galega, inestables e máxicos, como a que existe na parroquia do Pereiro, concello de Alfoz, que din que axudaba a atopar noivo a quen non o tiña ou a ter fillos aos que xa era noivos, se conseguían abalala, claro. Ou tamén en Mondoñedo, no castro da Recadieira, podemos atopar unha pedra un tanto macabra e lúgubre, a pena do Unto, que nos trae lembranzas da crueldade dos sacrificios humanos ou fabrica en nós a esperanza de atopar incontables tesouros agochados aos seus pés.

E non esquezamos as mámoas, milenarias sepulturas, ou os castros, fogar dos nosos antepasados celtas, ou os petróglifos, enigmáticos gravados sen significado coñecido. A maxia emerxe das pedras e dos traballos humanos sobre elas como unha fonte de promesas e de soños ou como unha ameaza de maldicións e de castigos.

Porque as pedras, aparentemente frías e ríxidas, fixas e indestrutibles, poden volverse lume, poden moverse e poden cambalearse e rodar pola pendente, esnaquizándose en forma de explosión, de luz ou de vida. As Penas de Rodas, como ben podemos ver, seguen, porén, máis ou menos quietiñas e fixas no medio da súa misteriosa inestabilidade.

As Penas de Rodas, estudadas, descritas e explicadas por moitos, preséntannos tres vertentes de significado que é preciso sinalar e comprender.

En primeiro lugar, son un capricho natural. A natureza, que é sabia, que é intelixente e ve máis aló da corta distancia que abarca a nosa mirada, soubo construír obras e edificios fermosos e inexplicables. O labor conxunto das augas correntes, do vento recio e da erosión longa e constante ao longo dos anos, foron quen de crear equilibrios imposibles, de moldear esculturas admirables, dignas dos mellores artistas, e de deter o tempo nun único punto, balanceándose entre a quietude e o derrubamento. Sobre todo a auga, fonte indiscutible de vida, indispensable ingrediente da existencia, que sabe refrescar, arrastrar, disolver, lavar e purificar as cousas, foi a que converteu a pedra amorfa, informe, en grandes esferas con vida propia, con movemento, tendentes a rodar e viaxar, como os homes. Auga e pedra, os dous ingredientes naturais que configuran esta inimitable paisaxe de beleza e creatividade.

En segundo lugar, as Penas de Rodas foron creadas por lendas e historias máxicas, promotoras do mundo onírico e mítico dos seres con poderes, dos tesouros infinitos e, ao mesmo tempo, das temibles maldicións dos encantamentos, dos sacrificios cruentos e da morte. É moito máis fermoso adornar estas dúas esferas pétreas que nos presiden co envoltorio do incomprensible, asocialas a meigas e diaños que, inquedos e ambiciosos, decidiron ofrecer aos humanos atractivas tentacións de riqueza e prosperidade, que deixalas baleiras de significado, como unha simple casualidade da natureza, sen valor nin transcendencia. É preciso que tralas dúas penas se agoche algo, que oculten unha esperanza, un soño, unha meta atractiva; é necesario que, abaneándoas, descubran segredos agochados, perigos latentes, ameazas perturbadoras. Se non fose así, que aburrido!, que insípido!, que intranscendente! As penas teñen que ser como unha metáfora da vida, que tan pronto nos alegra con abondosos agasallos como nos castiga con terribles pandemias. As Penas de Rodas son unha metáfora esférica e granítica do yin e o yang, do ben e o mal, da felicidade e a desgraza, do grande e do pequeno... igual que a vida, que se desenrola apoiada no inestable e cortante fío dun coitelo, a medio camiño entre a luz e as tebras. Igual que o yin e o yang, as Penas de Rodas son dúas, igual que os homes e as mulleres, igual que os brazos que abrazan, que as pernas que camiñan, que os ollos que observan ou que as mans que crean: forman parte do imperio do número 2 na maxia e nos encantos.
Romaxe de Penas de Rodas (Outeiro de Rei)
Non esquezamos a maior das lendas arredor das nosas Penas de Rodas, aquela que nos conta que unha das penas agocha ouro e a outra alcatrán, unha dános a riqueza e a outra a miseria. Outra lenda máis que se basea na vida mesma, coas súas luces e as súas sombras. Aínda que conviredes comigo en que, se observamos con atención o que ocorre no mundo nos últimos tempos, deducimos que alguén, algún imprudente ou desaprehensivo, moveu un día unha das pedras e, por desgraza, destapou o almacén de alcatrán, posto que o mundo, non mo negaredes, se atopa ultimamente bastante negro.

E por último, en terceiro lugar, as nosas Penas son unha porta aberta ao sagrado, ao divino, aos milagres sobrenaturais. Situadas en plena natureza, en medio dos campos de Outeiro de Rei, ambas esferas pétreas presiden e representan en silencio os ciclos vitais da natureza, os vaivéns do ano agrícola, coa morte dos cultivos no inverno e o seu renacer na primavera, as idas e voltas da vida e dos seres vivos. Lugar sagrado, altar cerimonial, representación do matrimonio entre o Sol e a Lúa, calendario en pedra das estacións do ano, as Penas de Rodas son moito máis que dúas pedras esféricas, colocadas pola casualidade nunha posición indiferente. Baixo elas, ao seu arredor, no seu interior incluso, agóchanse historias de crenzas pasadas e presentes, apóiase a ancestral fe celtibérica no poder da Lúa e do Sol, así como a información recollida por mil xeracións de antigos galaicos sobre a evolución natural da vida e do ano solar. Non queda outro santuario coma este en todo o Mediterráneo. As Penas de Rodas, xunto á maxia do número 2, agochan un fragmento de arquivos akáshicos, un pequeno tesouro de segredos antigos que poderiamos e deberiamos recuperar. Estamos no lugar e no momento oportuno: fronte ás dúas penas que debuxan o devir da vida e na época máxica que inicia o solsticio de verán, que vén de producirse hai só cinco días. Aproveitemos o tempo, amigos, para respirar a maxia que nos envolve, para impregnarnos nela, para sentila, vivila e voar con ela. Agarrémonos con forza á maxia que emana das Penas de Rodas.

E aquí estamos agora, romeiros ansiosos de algo máis que vivir, buscadores de sentido e do destino, seres cheos de interrogantes e ávidos de respostas. Que a romaxe nos abrigue, nos ilumine e nos alegre, que con ela volvamos á nosa orixe, ao momento en que comezamos a entender, ao punto de partida da humanidade. Aquí, en contacto directo coa natureza, pegados ás súas pedras, á súa terra, á súa auga, ao seu ceo azul e ao seu misterio, recuperemos as bases da nosa alegría. Penetremos nas profundidades da alma nas celebracións relixiosas; unámonos nun xantar comunitario, escusa insubstituíble para a intimidade e o cariño; escoitemos a música e bailemos con ela, que é a través da música como nos entendemos, como chegamos a falar a linguaxe universal da alma; fagamos festa, que as festas, en medio do yin e o yang que é a vida, decántana cara á alegría, encamíñana cara á felicidade.

Busquemos o noso acubillo á sombra das penas, que son as columnas que sosteñen o mundo. Sentemos a carón das augas creativas, que transmiten vida. Busquemos o noso equilibrio interior a carón do equilibrio das penas, conquistadoras da verdade, porque o único certo nesta vida é que, para vivila, debemos buscar un apoio seguro que, a pesar dos vaivéns do destino, nos manteña firmes, estables, vivos. Necesitamos conservar isto, necesitamos recuperalo, facelo outra vez noso, de novo o sostén da nosa existencia. As melloras técnicas son efémeras, non son profundas; a natureza, pola contra, libre e espontánea, pode facerse eterna. Hoxe máis que nunca debemos loitar por conservala, facer o posible por habitala con respecto. Hoxe máis que nunca debemos apreciar a fermosa singularidade do único, a admirable orixinalidade do estraño. As Penas de Rodas son estrañas, son admirables, son únicas, son naturais... Téñeno todo para xerar a nosa admiración, o noso respecto e o noso coidado. Coidémolas, venerémolas, acompañémolas e fagamos festa ao seu arredor, a ver se, contaxiadas pola nosa alegría, espertan do seu soño eterno e se animan a botar un pé como unha parella máis na nosa festa.

QUE VIVAN AS PENAS DE RODAS!!

(Texto do pregón que o escritor e profesor Josér Vázquez Peinó pronunciou n XL Romaxe das Penas de Rodas, o 26 de xuño de 2022)
Vázquez Peinó, José
Vázquez Peinó, José


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES