Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Miña amiga Brenda

lunes, 27 de junio de 2022
Mia amiga Brenda Miña amiga Brenda ten dez anos. Sempre terá dez anos aínda que agora mesmo ande polos vintesete. Pero na miña mente, nas miñas querencias, na mellor das memorias é unha nena de dez anos que acaba de gañar o premio poético da Biblioteca Provincial de Lugo no Certame das Letras Galegas.

Aos membros do xurado alucinounos o poema dunha nena de dez anos sobre O Nadal. Agardabamos que subise a recollelo para coñecela... Alta, delgada, uns ollos que abarcaban o mundo dunha ollada... Seria, calada, como corresponde a unha intelectual que escribe un poema maxistral.

Soubemos logo que aínda que nacera no Seixo, en Pedrafita do Cebreiro, querendo aproveitar as oportunidades educativas, vivía cos seus avós en Lugo, e tiña a sorte de ter por profesora de lingua galega a Tareixa Rodríguez Pol, monxa culta e galeguista da Orde que o bispo Ona de Echave situou na Casa de Exercicios e no Colexio Santísimo Sacramento.

Ao ser da montaña lucense onde Xesús Mato exercía o especial curato achegado ao pobo, seus pais eran feligreses deste crego amigo-irmán, pechando así un círculo de referencias que non facían máis que engrandecer a que desde entón foi a miña amiga, como amiga é de todos os membros do Xurado e, xa que logo, das directoras da Biblioteca. A actual, Sabela Pérez Fórneas, xa era membro daqueles xurados.

Miña amiga Brenda, que para min segue tendo dez anos, presenta este martes, 28 de xuño, ás sete da tarde, na librería lucense TRAMA. Eu invito a todos os que poidan a acudir á presentación... porque se xa era unha poeta cando aquel primeiro flechazo, agora medrou en todos os aspectos, e sorpréndenos cun seu primeiro poemario que dará que falar.

Que gusto produce saber que o que unha monxa mestra provocou, que o que sorprendeu a un xurado e a outros despois, tivo un futuro (agora, presente) que demostra que quen sementa en terra xeitosa chegará a ver froitos abondosos que lle confirmen que ese é o Camiño.

Brenda, hoxe, é xornalista e traballa en Lugo. Xa sei que non ten dez anos. Pero un non pode evitar que determinadas persoas, determinados momentos, determinados feitos, queden impresos no disco duro da memoria afectiva e o paso do tempo non fai máis que reafirmalos.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES