Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Loubanza para Sonia, que de cativa ficou impresionada pola ciencia coma se estivese diante dun conto de fadas

lunes, 20 de junio de 2022
En Vilalba a 11 de xuño de 2022, teñan bos días, miñas donas e meus señores. Antes de nada quero agradecer esta oportunidade de compartir a homenaxe que hoxe se dispensa a Sonia Villapol. Cando me convidou a participar pregunteime a razón, mais aceptei decontado. Agora podo confesarlle a emoción que me produce desfrutar deste momento ao seu carón, filla da Bretoña que é, terra onde quixo rematar os seus días o meu pai hai agora un ano e medio, vítima da Covid.

Entro en materia, logo, para salientar que estamos hoxe a compartir un fito fundacional co que facemos, desde Vilalba, unha recriminación ás camisas de forza disciplinares Loubanza para Sonia, que de cativa ficou impresionada pola ciencia coma se estivese diante dun conto de fadasque sitúan en polos opostos a creación cultural e a investigación científica, incorporando a figura universal da científica Sonia Villapol, a este Paseo dos Soños que naceu para lembrar e homenaxear a xentes do mundo da cultura.

A miña primeira reflexión vai sobre a idoneidade desta decisión.

Son notorias as diferencias entre a Arte e a Ciencia en relación co estudo e a difusión do saber, pois que nunha vén marcada pola subxectividade e, na outra, pola obxectividade. Porque utilizan cada unha, abofé, métodos que lles son de seu. Mais tamén compre lembrar que ambas as dúas teñen notables coincidencias coma, por exemplo, precisaren dunha mente creativa, dun aquel de intuición, dun moito de disciplina, da motivación de procurar cambios, innovacións ou melloras sobre o que xa se coñece. Que en ambas poden utilizarse modelos abstractos para comprender o mundo. Que ambas, ambos, artistas e científicas, adoitan ser persoas visionarias e cun innegable alento humanístico por compartiren o interese en coñecer máis e mellor as creacións da cultura da Humanidade, onde a ciencia é unha parte incuestionable. E na coincidencia de que ambas, arte e ciencia, pourquoi pas, aspiran a crear obras de relevancia universal.

A dobremente premiada co Nobel, Marie Curie, dixera que "a ciencia ten unha gran beleza. Un científico no seu laboratorio non é só un técnico: tamén é un cativo colocado ante fenómenos naturais que o impresionan coma un conto de fadas". Estou certa, xa que logo, de que vemos en Sonia todas estas condicións o que nos axuda a comprender e compartir a intelixencia e oportunidade deste recoñecemento.

A miña segunda reflexión ten a ver coa ollada inclusiva cara as mulleres.

Falo desde unha perspectiva feminista, en primeiro termo desde a necesidade ética e social de darmos valor e visibilidade aos aportes cada vez máis frecuentes, e cada vez máis importantes, das científicas mesmo que sexan aínda minoría no recoñecemento e nos galardóns, pero cada vez máis numerosas nestas disciplinas. É un fenómeno mundial. "Os homes gañaron o 97% dos Nobel de ciencia desde 1901. Existe una discriminación a las mujeres que es sistémica, universal, que permea toda la estructura social y que ni siquiera se contempla como un problema", e isto non o digo eu, son palabras da presidenta da Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT), una organización que o ano pasado denunciou que en España as mulleres somentes reciben o 7% dos premios científicos con dotación económica maior de 100.000 euros.

Logo, está a visibilidade das propias científicas e cumpre recoñecer que aquí, nesta nosa terra, non se ignora a Sonia Villapol. Xa figuraba na Axenda Feminista anual que fai o Observatorio da Mariña pola Igualdade, cando dedicaron a publicación de 2016 a unha ducia de mulleres científicas porque "se os avances en ciencia e tecnoloxía non adoitan ter o recoñecemento social que se merecen, a falla de visibilidade é moito maior cando se trata de mulleres". Quixeron -e lograron- homenaxear "a todas esas mulleres, tanto ás pioneiras que abriron o camiño como como ás que seguiron". Maio foi o mes dedicado a Sonia Villapol. Xa escoitara algún tempo atrás falar dela con admiración á súa profesora no instituto de Meira, e grande amiga miña, Pilar Pin.

Ambas as dúas advertencias, contribuíron a esta focalización miña na súa figura e foron o detonante definitivo para estimular o meu interese nela.

A ollada feminista fainos reparar en que o teito neste sector si que se ve -e xa non serve a metáfora do cristal-. É un teito de pedra -parafraseando a Celso Emilio- que non permite ignorar a anomalía destas diferenzas, e máis co paradoxo de que as mulleres sexan maioría nas aulas, as que máis len, as que máis visitan museos e van as exposicións, as que utilizan máis as bibliotecas, e, ademais, as galegas estamos por riba da media española.

Unha rápida ollada á visibilidade das científicas confirma o grande descoñecemento da maioría da poboación, mesmo agora, cando o acceso á educación está garantido e cando teñen cada vez maior presenza neste eido tan masculino e masculinizado. Nunha enquisa na rúa para propoñer nomes de científicas galegas actuais o «non sei» gañaría por goleada.

Porén, xa hai moitas e moi boas. Haberá que facer acopio de lentes violetas e seguir o exemplo do Observatorio da Mariña pola Igualdade, e agora da Asociación Xermolos, da Irmandade Manuel María e do Concello de Vilalba (GRAZAS, PARABÉNS!) porque outro xeito de observar e contar o mundo que estamos a construír entre todas e todos, é posible, por máis que as Academias teimen en declarar «incorrecta» a diferenciación lingüística, mesmo cando se sabe que o que non se nomea, non existe.

Por iso hai que lle poñer luz a tanto talento feminino con capacidade máis que sobrada e demostrada, pois que cando se chega a interiorizar e fixar ese recoñecemento no inconsciente colectivo, agroman mecanismos simbólicos como a linguaxe, para consolidar a expresión da ideoloxía misóxina que discapacita a metade do mundo para intervir na súa construción, ata o punto de facernos crer que “caladiñas estamos máis guapas”.

Un dos grandes méritos de Sonia é que contribúe a facer o camiño inverso -se cadra porque a ciencia asegura que a función crea o órgano- e da pé a parafrasear a fórmula que levou a Clinton á Casa Branca. Daquela, sentenciara o balance de goberno de Bush pai co slogan It’s economy, stupid!. Transformémolo en: «É a misoxinia, machiño!».

Recuperando un ton máis formal, regreso ao compromiso vital de Sonia Villapol coa Loubanza para Sonia, que de cativa ficou impresionada pola ciencia coma se estivese diante dun conto de fadasigualdade que me resulta fascinante por pioneiro. Os dereitos das mulleres (esa "novidade" do século XX) semella unha idea demasiado recente como para transformar de cheo o paradigma masculino que define ao home como principio e fin de todas as cousas. Por iso quero salientar a oportunidade e conveniencia do empeño de Sonia en introducir a igualdade de xénero nos estudos clínicos, advertindo que a presencia maioritaria de homes nos ensaios dos novos medicamentos lles resta eficacia para esa outra metade do mundo que somos as mulleres. Ela participa en paneis de revisión destas propostas, que utiliza nas súas investigacións, porque considera imprescindible xa introducir o estudo das diferenzas de xénero.

Sonia, querida, debes saber que estás xa na senda das irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega, da matemática María Wonenburger, da oceanógrafa Ángeles Alvariño, e deixo dito aquí que o tempo nos dará a satisfacción de verte recoller, algún día, o Premio Nobel. Soñar non nos está negado e o teu percorrido ata aquí faime albiscar este desexo como unha profecía que se cumprirá.

Unha reflexión derradeira sobre o paradigma da glocalización e a realidade da deslocalización.

Xa sabedes. Trátase de pensar en global e actuar en local, neste caso no sentido de recoñecer en Sonia, científica cosmopolita e de alento universal, a súa pertenza, compromiso e raizame coa súa terra, acó, neste recanto da fin do continente europeo. Poucas condicións son máis representativas ca esta nesta xeira e neste momento de cambio -confiamos que tamén avance- civilizatorio, e velaquí temos un exemplo luminoso.

Máis quero poñer o acento na outra cara da moeda, a deslocalización forzosa dunha Diáspora interminable para o noso pobo, camiñante atlántico e teimudo que atopa en Sonia, e na súa xeración de trasterrados, a continuidade dun remorso colectivo, probablemente identificable na nosa secuencia xenómica (e isto non é ciencia, é puro pensamento máxico, coa venia deste cultivado, amoroso e comprensivo público).

Sonia non descuida a súa capacidade para liderar e asume unha visibilidade plena no espazo público facendo peña coa comunidade de científicos españoles no exterior, preocupada pola recuperación do talento que emigrou, principalmente tras a última crise económica. Ela ten dito que "unha captación de talento desde España ten que ofrecer oportunidades a curto e, sobre todo, a longo prazo, onde tamén se estea avaliando a excelencia de maneira continua". E eu non podo por máis ca compartir esta súa intención porque precisamos fixar as enerxías e os talentos para que non fuxa o capital humano necesario e capaz de proxectar estratexias de futuro para un territorio cunha poboación en declive.

Esta derradeira reflexión ten a ver coa excelencia e a clarividencia da nosa querida e admirada Sonia Villapol, galega e exemplo paradigmático do importante papel do que se está a xogar na loita contra a pandemia da Covid-19. Non me vou estender na súa traxectoria formativa e de desempeño profesional que é abondo coñecida para quen estamos aquí: Santiago Barcelona, París, Nova York, Texas, nin insistir en que traballa nos EE.UU. desde 2010.

O que si quero lembrar é a súa participación no Equipo de Investigación Internacional da COVID-19, COV-irt.org, desde onde coordina o equipo de neurocientíficos que analiza como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso. Daquela, non podo máis ca pensar na falla de sentidiño deste noso país se non remediamos a fuga de tanto talento porque nada será posible se non se dan as condicións para frear a fuxida dos que marchan. Logo, talvez, virán os que están a nacer fóra.

Remato lembrando a vindicación dun colectivo de xoves investigadores emigrados nun recente Manifesto Galego pola Ciencia. Falaban da necesidade dunha estratexia a longo prazo para crear un sistema científico sólido e para xerar riqueza e benestar económico e social, porque «é imposible desligar o desenvolvemento socioeconómico e cultural dun país, dos seus avances en ciencia e tecnoloxía».

¡Pois niso anda a nosa Sonia Villapol! Obrigadísima, miña señora.

Palabras de María Xosé Porteiro, escritora, xornalista e política, no acto celebrado no Muíño do Rañego de Vilalba, o 11 de xuño de 2022, en Homenaxe á neurocientífica Sonia Villapol, ao erguer na sua honra o XVI Hectómetro do Paseo dos Soños.

Enlace ao currículum de Sonia Villapol Salgado
Porteiro García, María Xosé
Porteiro García, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES