Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Todo vai ben

lunes, 20 de junio de 2022
Todo vai ben Debido a que sempre pertencín ó organismo de Muface, pois a verdade era que pouco sabía da Seguridade Social, máis alá das típicas novas xornalísticas ou, iso si, das continuas queixas dos pacientes, principalmente co tema das listas de espera ou co tempo que botabas esperando no propio día da consulta médica. A min parecíame unha esaxeración as queixas da xente, influenciado quizais pola rapidez de Muface.

E foi nesta última semana cando descubrín que a Sanidade en Galicia vai ben. Vai tan ben que vai marabillosamente ben. Por exemplo, o martes pasado, no hospital, un familiar entrou á consulta logo dunha hora e media de espera. Non quedando contento, o xoves, no centro de saúde da Valenzá, outro familiar botou unha hora e cuarto. Polo menos xa ganamos un cuarto de hora. Ou sexa, moi ben. E levo desde o mes de setembro indo todas as semanas (empecei con tres días á semana, despois dous e agora un tan só) ó centro de saúde de Castrelo de Miño a que lle realicen a outro familiar unhas curas. Vale, é algo normal, xa que unhas curas poden durar incluso eternamente. Pero a anormalidade está en que desde o mes de setembro perdín a conta das A.T.S. que atenderon a ese familiar.

Creo que, sen esaxerar, andarán aí polas seis ou sete. Cando unha A.T.S. empezaba a collerlle o tranganillo, o truco, o xeito ás feridas do paciente, ale, na seguinte visita xa había outra A.T.S. e xa sabemos aquilo de "cada mestriño co seu libriño".

Todo vai ben Neste noso país todo vai ben. Como segue ben o esperpento do viaduto da A-6. Non lle chegou con que caera un anaco, senón que xa empeza a caer a cachos. O outro luns comentaba que Galicia era o cu do mundo polas comunicacións e, precisamente, por ese derrubamento. Agora toca rematar a ladaíña esa do abandono no que estamos e dicir que se Galicia é o cu do mundo, Ourense é o ollo do cu. Porque este mesmo periódico acaba de informar que os viadutos de A Valenzá e de Allariz construíronse co mesmo sistema que o derrubado en León. O que nos facía falta. Eramos poucos e pariu a avoa. Aínda que, iso si, os técnicos non esperan máis accidentes. Como para confiar nos técnicos! Para máis aquel, eu cruzo bastantes veces por debaixo do da Valenzá. Haberá que empezar a rezar uns metros antes e que sexa o que Deus queira.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES