Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rituais ancestrais do Entroido (6)

miércoles, 15 de junio de 2022
Achegas históricas á corrida do Galo en Galicia e nos Concellos Chairegos de Castro de Rei e Cospeito.

Algunhas pezas teatrais no Concello de Castro de Rei.
Na actualidade, na Terra Chá, podemos sinalar que no "Val de Francos" hai tres parroquias: Ansemar, Balmonte e Goberno, que realizan o Entroido conxuntamente dende o ano 1992 no "Campo de Carril" (Ansemar). E esta iniciativa levada a cabo por Xosé Luís García Cupeiro de Goberno; Xoán Carlos Rodríguez Folgueira de Balmonte e Xoán Xosé Pita Iravedra de Ansemar, quedou reflectica na seguinte estrofa: "Xa que tres pobos se uniron,/ con unha grande ilusión,/ nunha tarde de harmonía / fan esta celebración". E a este grupo uniuse pouco despois o crego Xosé Manuel Carballo Ferreiro, párroco de varias freguesías do concello de Castro de Rei. Este home foi o que realizou todos os textos dos xuizos, que se celebraron dende o comezo desta nova andadura ata o ano 2017, cando finou.
Rituais ancestrais do Entroido (6)
Público asistente ao entroido de "Val de Francos". 2013. Foto: Blanco Prado.

Este novo Entroido distinguíase dun xeito esencial por tres actos, que se celebraban o Martes de Entroido, a saber, "o Sermón do Entroido"; logo, "o Xuizo ao Entroido"; e, finalmente a "queima do Entroido". Hoxe, segue celebrándose "o Sermón do Entroido" e, a continuación a queima do mesmo. Por outra banda, ao longo da historia deste Entroido cómpre sinalar a unha serie de sermoeiros, que merecen o noso eloxio e recoñecemento polo labor, que realizaron no decurso da súa vida. Estes foron: Laxe de Loentia, Elías de Concha de Ansemar, Salvador de Aguiar de Goberno, Serafín de Tito de Quintela, Eleuto e Hipólito de Ansemar, e finalmente, Edelmiro de Goberno. Este elaborou os quince últimos sermóns ata o ano 2017, no que colleu as rendas o seu fillo José Luis Cupeiro, realizando os tres últimos.

Tamén na parroquia de Bazar recuperouse o Entroido a finais da primeira década do século XXI mais so se celebrou durante catro anos, nos que houbo o "Sermón do Entroido" e a súa queima. Nesta parroquia todos os veciños lembran os entroidos, que se realizaron noutrora, e aos seus relevantes sermoeiros como Severino das Fontes, quen comezou a organizar este evento a principios do século XX no "Campo de Carravilar". Logo, viñeron Avelino de Marcos, Ramón do Cura, José Benito de Carravilar, e Rafael de Xusto. A recuperación foi levada a cabo por xente nova, como as netas de Avelino de Toño e o neto de Mingas, mais non sabemos que motivos puido haber para non continuar coa organización do evento.

Os sermóns nestas comunidades parroquiais constituían un importante evento social. Estes adoitaban levar unha importante carga de burla, sarcasmo, e crítica sobre unha serie de acontecementos acaecidos durante o ano anterior e o que estaba en curso. No obstante, tamén eran un instrumento moi válido para recoñecer as tarefas positivas levadas a cabo nas mesmas. Ademaís, xuntamente coa queima do Entroido constituían un importante signo de identidade parroquial. O sermón -segundo Federico Cocho- "tiña un sentido e unha forza particulares no marco dunha vida parroquial rixidamente marcada pola tradición e cun profundo sentido de unidade colectiva entre os propios veciños" (1).

Ao remataren o Sermón, levábase a cabo o Xuizo ao Entroido en "Val de Francos", e a queima do Entroido en Bazas.

NOTA:
1. COCHO, Federico. O Carnaval en Galicia, Vigo: Xerais, 1990, páx. 282.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES