Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desnorte por irresponsabilidade?

viernes, 17 de junio de 2022
Obrígannos a ser reiterativos certos acontecementos que experimentamos a nivel individual, local, estatal e mundial. Sabido é que a exposición de razóns cando proceden de fontes de matiz pasional esixen certas precaucións, e isto non é malo, porque advírtennos de que deben pasar o filtro dunha crítica desapaixonada e sensata antes de concederlles aceptabilidade. Pero tamén ocorre que cando se utilizan para enderezar os hábitos adquiridos no seo dunha sociedade caótica, o rexeitamento irreflexivo delas pode traer consecuencias irreparables, que só se perciben moitos anos máis tarde, nun recordo que nos acusa da nosa insensatez. Por iso, sempre convén ter presente que nin todo o caótico abre camiño á perversidade nin todo o ordenado facilita o acerto. En ambos supostos as razóns deben contextualizarse: No ordenado poden fallar os criterios, e no caótico hai espazo para descubrir as chamadas dos vectores que compiten na atracción á orde.

Este parágrafo introdutorio espero que serva para que os lectores me acompañen con obxectividade na exposición que me propoño facer acerca do que se designa como GRAN RENUNCIA OU GRAN DIMISIÓN (GREAT RESIGNATION), que utilizou o filósofo norteamericano, Dr. Anthony Klotz, para designar o fenómeno que estaba empezando a sacudir o mercado laboral estadounidense: MILLÓNS DE PERSOAS SE DESPEDIRON DO SEU TRABALLO NO MOMENTO NO QUE A PANDEMIA DO COVID-19 PARECÍA CAMBIAR A REGRAS DO XOGO, é dicir, cambiar os criterios de ordenación. Así, máis ou menos, o explica a antropóloga Dra. Prieto Santana nun excelente artigo, en FronterasCTR, no que articula oito causas xustificativas deste anómalo comportamento, sobre as que farei unha modestísima análises, aducindo razóns que vostedes valorarán.

A primeira causa que nos ofrece a Dra. Prieto é a dificultade de coordinar, especialmente no caso das mulleres, o panorama laboral coas responsabilidades familiares. Aquí creo que sería necesario puntualizar o alcance destas responsabilidades nunha institución familiar tan transformada e inestable, na que se debilitou a súa función educativa e a socialización de matiz doméstico fundamentalmente dos nenos, que permite a súa substitución por outros medios que máis ben se utilizan para aliviar as responsabilidades familiares. Polo tanto, creo que, antes de trasladar, implícita ou explicitamente, este problema á empresa, talvez se debería de resolver o da institución familiar, que tamén arrastra noutros ámbitos importantes consecuencias.

Por suposto, as empresas tampouco están sen puntos fracos, e deben facer esforzos para adaptarse ás circunstancias; pero non hai que esperar que sirvan de escusa cando elas non xeran os problemas. As irresponsabilidades veñen por outros costados e xeralmente radican nos que pretenden introducir peregrinos cambios sen advertir as incoherencias como ecos noutros ámbitos fora do familiar.

Parece tamén que as axudas dos Estados aos parados deveñen, en máis casos que os que serían normais, en baixas alegadas por razóns de saúde mental. Evidentemente, nestes casos a causa hai que buscala noutro lugar, porque é frecuente a simulación con todo descaro. Penso que nos encontramos con un sector da poboación que non aprendeu a valorar o traballo e a dotalo da dignidade que lle aporta á persoa: O home/a muller traballan porque son animais que viven nun mundo de realidades e poden libremente “autorrealizarse”actuando, selectiva e opcionalmente, e superando dignamente os condicionamentos da situación instintiva dos animais de inferior categoría na escala biolóxica.

E isto apréndese nas relacións familiares e na exemplaridade social, reconducindo as queixas da inflexibilidade insuficiente nos horarios de traballo a niveis razoables, para evitar, precisamente, esa "desafección e abulia a produtividade", citada pola antropóloga como causa, que seguramente está máis nese estraño fomento dunha viciada pedagoxía da flexibilidade no mesmo ensino e na concesión ilimitada da liberdade, por motivos estritamente de intereses políticos, que levan a verdadeiros descontroles, inadmisibles nunha sociedade de progreso que tanto se predica.

E este proceder transfire a outros lugares, nos comportamentos futuros, os estragos dos efectos de pintorescas reformas no ensino. Así, pois é mester introducir correccións críticas no funcionamento estrutural de toda clase de institucións sociais e, primordialmente, nas estatais con importantes atribucións de lexítimo poder, empregado con extrema lixeireza. Polo tanto, é ilóxico converter os efectos, máis ou menos directos, en causas, eludindo responsabilidades que corresponden a quen cambia a necesaria reflexión nas decisións de rigor político polas frívolas componendas partidistas.

Creo, pois, que non deberíamos esquecer que todas as dinámicas socias integran un "macrosistema" de comportamentos e actividades, que carecen de sentido illadas das esixencias constitutivas desa complexa sistemática, xa que calquera distorsión que se faga nun dos seus elementos constitutivos comporta singulares resonancias nos outros. Xustamente por isto a causa atribuída a inflexibilidade nos horarios laborais, na problemática da saúde mental -que arrastra ansiedade, incerteza, frustración, etc.-, nos baixos salarios, no impacto das axudas públicas, etc., etc., ben pode estar emprazada noutros lugares, nos que imperou unha certa irresponsabilidade.

Talvez sexa apropiado reflexionar así mesmo sobre algunhas sendas que se albiscan na competición dos vectores que apuntan as direccións do caos á orde. É evidente a existencia crecida dunha certa avaricia desenfreada de bens e servizos materiais, que, sen dúbida, está acusando a carencia dunha educación humanística, tan pouco propiciada oficialmente, que pode abrir canles a cambios insensatos na xerarquía dos valores. Así, nas sociedades actuais intúese a existencia dun desmedido exceso de benestar económico, que esperta a percepción de que se están realizando gastos moi por encima do que se necesita, incluso incluíndo os de razoable diversión e ocio: INTERÉSANOS MOITO MÁIS POÑER A NOSA EXISTENCIA AO SERVIZO DO TER PARA VIVIR O PRESENTE QUE POTENCIAR A DIGNIDADE DO SER CUNHA VISIÓN DE FUTURO.

E nesta situación existencial, con un liberalismo e individualismo esaxerados, máis fomentados como indicativos dun progreso mal entendido, que para evitar os excesos das ofertas, en estudada variedade, que aprema á propia natureza persoal, estamos abocados a un consumismo insoportable. Certamente, todos aspiramos a ser, cando menos, iguales; pero só o somos na dignidade persoal, de entrada, se a mantemos, no mundo dos valores, da liberdade, non do da natureza causal; aquí todos somos distintos, e se ignoramos isto, acabamos loitando contra limitacións naturais, realizando gastos desproporcionados e innecesarios, porque o consumidor de bens naturais sempre se encontra con un teito físico que non pode vencer, expoñéndose a comportamentos patolóxicos e perigosos, pola súa actitude teimosa de buscar satisfacción aos despropósitos. Velaquí un factor compoñente do desnorte, sen prexuízo doutros moi interesantes cuxa exposición excede os límites deste espazo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES