Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eloxio do lápis en tempo pasado

lunes, 13 de octubre de 2008
¡Coa que está caendo!

O lapis pódese borrar.
O lapis supón pois un talante, un estilo de vida. O usuario sabe xa que, irremediablemente, terá que rectificar; que, co tempo, calquera cousa que escriba estará mal. Pero o lapis tamén supón unha arrogancia: o seu usuario atrévese xa de antemán co formidable contrincante que pode ser el mesmo, cun arriscado salto sobre a sombra da súa propia mediocridade. O usuario do lapis, en certo modo, precédese.

Por outra parte o lapis alivia así a opresión das conviccións, a obriga de acertar. Ten bo oído -retén e restaura palabras ferruxentas, a penas comprendidas, ecos, ruídos-. Permite a marquetería da idea.

Porque borrar non é tachar. Borrar é coma esculpir: fora de certos perfeccionismos, non deixa rastro. Novas ideas poden nacer xa nidia e rotundamente neste espacio liberado; sen balbuceos, enteiramente acabadas na súa nova provisionalidade.

As posibilidades destas emendas non son infindas. Hai un límite. Por eso o lapis pode ser tamén, o cabo, un mestre razoable.

Só a “jota” ten a petulante seguridade da tinta. -os seus berros, guapos e indelebles, poden ser xa en ámbolos casos unha grosería-. Baixo delas soamente hai unha única teses posible.

As tintas reprimen, subscriben severos contratos y obrigacións, atraen saduceos e alguacís, perpetúan “vistos-buenos”, certificos e considerandos; configuran en suma o esqueleto íntegro da desconfianza e a raposería.

[Aquela mañá, o impecábel executivo en voo a Londres revisaba un escrito cun feroz rotulador domesticado. Con displicentes tachaduras, trivializaba a grácil arquería doutras intelixencias subalternas -ou, quizais, emporcaba máis ben a delicada ofrenda, inda palpitante, da súa mecanógrafa-. Mimetismo, seguridade de manual e rotulador: Velaquí a coherencia mesma].

Pero as ideas aínda poden metrallarse mellor confiándoas, por exemplo, ós indelebles mecanismos dunha Remintong (apelido este dun enxeñeiro que, según o Larousse, ademais da súa máquina de escribir inventou un fusil moi eficiente -xa dicía eu-).

Nada comparábel ó brando e silandeiro paso do lapis sobre o mol céspede do papel. Seu camiñar é sedante, humilde, algo intricado, case lúdico. Irmán das cousas, coma a roda e o leito, levantouse un bo día directamente da terra. Ben se merece pois a acuñación dalgún adxectivo nominativo, a dedicación dalgunha praciña mínima no noso municipio da lingua.
Porque o lapis nos suma, nos acrece.

Todo isto dígoo eu despois de moito borrar cun procesador de textos -que por certo borra mellor-.
Así de desleais podemos chegar a ser coa nostalxia.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES