Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Páramo: A Don Jesús Méndez

martes, 14 de junio de 2022
O Pramo: A Don Jess Mndez Benquerido Sr. Méndez, D. JESÚS:
Atópome na data, con moita ledicia, aquí para pór de manifesto, ante a xeneralidade das xentes, o meu recoñecemento á súa dedicación ao mesmo dende a chegada a este municipio de O Páramo, alá polo amencer da década dos anos setenta derradeiros, para exercer segundo é ben sabido como Secretario de Administración Local.

Moito teño que loar, e moito se me esquecerá, o labor e a entrega en corpo e alma que puxo á disposición dos parameses.

Chegou paseniño, vagariño e silandeiro coma a miñoca ao facer camiño; mais en nada que se mesturou con nós, comezaron a agromarlle as arelas, coa creación dos "Amigos do Campo da Feira", e outras boas andainas, que acabarían arreando ó Páramo, grazas ao seu tesón, a un conxunto de realidades e logros que semellan unha exemplaridade, coa máxima visibilidade nas Feiras de Primavera, o Centro de Saúde, o Grupo Escolar, a Casa do Médico, o proxecto de rehabilitación dos pendellos e a posta en valor e goce da contorna.

Ouvín a alguén consideralo coma "O Salvador do Campo da Feira", non podendo estar máis de acordo, e engadindo tamén promulgador, pois foi quen de acadar que algún colexio de Lugo festexara nel o fin de curso, dándoo deste xeito a coñecer e incitar á hipotéticos visitantes.

Sei da teima con que empeñou os seus esforzos para o logro e a mellor situación da Casa Consistorial, e outras moitas iniciativas para as que, sen dúbida, tivo que contar coa boa disposición, aceptación e recoñecible bo actuar dos dirixentes en cada momento, en especial do que exerceu durante trinta e seis anos, Sr. Rodríguez Liz, con quen a conivencia e sincronía resultou certamente eficaz, logrando o consenso, a implicación e o financiamento de estamentos decisorios a canto se pretendía, botándolle sacrificio, moitas ganas e astucia dabondo.

Tamén acadou, Señor Méndez, a práctica da solidariedade entre a veciñanza coa súa oratoria, prudencia, seriedade, respecto, humanidade, exemplaridade e corrección, amosando o xenio que hai que pór para o logro do que se idea.

Ademais de colaborar, en primeira fila, na consecución de servizos e benestar para todo O Páramo, foi quen de propiciar cultura aos seus moradores, non escatimando en amosar a propia e fomentando, a maiores, que outros nos deixaran pousos do seu saber, logrando que, persoas relevantes da cultura, da política, das finanzas, e de profesións pioneiras, viñeran pregoar, durante corenta anos longos, As Feiras de Primavera.

A meu pai, como D. Xesús, cónstame que se decatou, que as vía vir de lonxe e penou coa falta de eficacia e interese dos devanceiros no cargo, escoiteille dicir por vostede:

-Albisco, no xeito do novo secretario, uns procederes que, non o esquezades, van ser beneficiosos para O Páramo, a nada que non lle poñan cambeladas e o deixen desenrolar as ideas, que deberán apoiar as máximas autoridades políticas locais co seu imprescindible e definitivo pronunciamento.

E, abofé! Señor Méndez que non errou.

Dixen que chegara discreto coma unha sombra, pero non tardou en refulxir igual que o Sol nun día raso.

Na miña mente sigue a ametencia do seu comezar e, no corazón, o agradecemento e a posta en valor de todo canto fixo polo Páramo con estimación infinda.

"A alma está no corpo sen ollala e
as obras están nos pobos sen teren
alma.
Vostede D. Xesús puxo toda a súa
alma nas obras deste concello con
teima"·.

Grazas e longos anos.
Un paramés, sempre ó seu dispor.
O PÁRAMO, a dez de xuño do 2022.
Taboada López, Raúl
Taboada López, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES