Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

lunes, 13 de octubre de 2008
Meu amigo Antón:

Cando chega o venres, ando canso do traballo semanal, e cando chega o luns, ando canso de pensar na semana que entra: teño cansazo crónico. Así me dicías ti hai algúns anos cando aínda tiñas gando que atender. E non se me esqueceu a túa frase, posiblemente porque agora son eu quen a pronuncia con máis frecuencia da que desexaría, aínda que o gando do meu traballo sexa doutra especie ben diferente do teu.
Ti, pola contra, que estás no tempo de andares pola vida xubilado e xubiloso, con boa saúde, humor cachazudo de sempre, estupenda familia, fillos que te miman e unha muller extraordinaria que sabe mandar sen que se note, agora resulta que tamén ti andas canso de teres tango vagar. Así que, como o luns pasado non tiñas outra cousa mellor en que te entreter, fuches dar cos teus osos, alma incluída, na casa do concello para presenciar o pleno municipal onde aguantaches, seica, media hora ou máis.
Supoño que non terás inconveniente en que eu lles conte aos nosos oíntes o talante de cabreo insuperable que traías no espírito cando viñeches pasear un pouco comigo ao saíres daquel lugar. Os teus ollos, sempre pequerrechos, agrandáranse ata mostrar unhas pupilas azuis, coma as de Paul Newman desmelloradas, que aínda conservas: eran ollos grandes de cabreo. Eu ben pensei que viñas ansioso pola baixada das túas accións na Bolsa ou porque te roera un can, que todo podía ser. Pero non, o que te alporizou foi, polo visto, contemplar ao alcalde, no decurso do debate municipal, entregarse placidamente a un sono reparador, con cabezadas incluídas e desculpas irónicas, mentres a oposición falaba e falaba, e o grupo de goberno ría e ría, compracido, as grazas do seu xefe. De tal cabreo que tiñas, meu amigo Antón, case non dabas articulado as verbas, e nos teu beizos, pola présa con que falabas, acumulábase unha saliva viscosa da que eu disimuladamente tiña que me defender levando a man á miña meixela. E ti, veña insistir na descrición, e eu, veña sorrir polo teu cabreo. Pero a ver, oh, dixéchesme, ollándome de fite, non me digas que che fai graza. Os teus ollos botaban lume e os teus beizos máis saliva. Home, respondinche, ao mellor non era o que ti pensas: poida que tomaras a mal o que, por parte da nosa autoridade, non era máis cun ataque de sono que lle pode pasar a calquera, sobre todo cando un anda desbordado de traballo, aínda que sexa ben pagado, se cadra, de máis, como ti me repites a miúdo. Paréceme que é desculpable, ou non?. E ti, dálle que dálle, que non, que non era cansazo, que ía ser, senón que era total e absoluto desprezo para os corporativos e para o público. Que non, home, insistín eu, non te decatas de que, se tratara de desprezar a alguén, tamén estaría a menosprezar, cando menos, aos concelleiros da súa camada, e, polo que ti me contas, eles non facían máis ca rir das súas grazas e tamén das súas saídas chusqueiras, como cando respondeu a unha proposta do Irimia, relativa ao cambio de nome das rúas, facendo unha comparanza, moi axeitada por certo, coas denominacións que os neoiorquinos lles apoñen ás súas nesa cidade, símbolo do mundo mundial. A min, rematei, paréceme que estás a esaxerar as cousas. O caso é que xa levabamos un bo anaco co tema e eu ben comprendía que as miñas benévolas explicacións non te convencían nadiña nin era quen de aplacar con elas o teu cabreo; pero entón ocorréuseme un argumento inapelable: non cres, meu Antón, que se as cousas fosen coma ti as pensas, non habían de destacalas os xornalistas na reportaxe que elaboren dese pleno municipal? Pois ben, xa verás que, cando mañá leamos a prensa ou escoitemos a radio, de todo iso non imos atopar absolutamente nada. Se eles, os transmisores das novidades, non consideran noticia ese feito que tanto te alporiza, é sinal clara de que fuches ti quen o percibiu con malos ollos. E foi curioso, porque ante tal razoamento ti quedaches mudo, fúcheste rosmando, e eu quedei moi rufo por ter defendido, como cómpre, ao alcalde do noso municipio. Quedei satisfeito, xaora.
E xa vai por hoxe. Espero que teñamos máis venres de acollida nesta emisora para seguirmos parolando das nosas cousas. E seguro que ti andarás máis tranquilo.
Unha aperta
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES