Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Epistolario de José Ángel Valente: Punto de encontro

lunes, 06 de junio de 2022
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela publicou unha vintena de libros arredor da figura, da obra e do legado do poeta galego. Ó longo dos anos, distintos autores, entre eles Claudio Rodríguez Fer -director da Cátedra-, abordaron a poesía, o ensaio e incluso a biblioteca de José Ángel Valente, que pode visitarse na Facultade de Filoloxía da USC. O primeiro número da serie Punto Cero foi "Ensayos sobre José Ángel Valente" (2009) de Juan Goytisolo. Dende entón publicáronse seis números máis. O último, "Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades)", editado en 2021 por Claudio Rodríguez Fer, conta coa colaboración de catorce especialistas de distintos ámbitos.
Epistolario de José Ángel Valente: Punto de encontro
Este libro nace, como indica Claudio Rodríguez Fer na "Carta de presentación", do encontro levado a cabo pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que tivo lugar en novembro do ano pasado. Neste coloquio expuxéronse catorce relacións epistolares de José Ángel Valente con distintos intelectuais, escritores e tradutores, que influíron na súa produción e incluso na súa traxectoria vital, como poderá comprobarse.

No primeiro capítulo, Claudio Rodríguez Fer revela o achado dunha postal inédita que Luis Cernuda lle enviou a Valente e que foi descuberta polo director da Cátedra nun dos libros da biblioteca de Valente. Por esta razón, non consta, até agora, nos epistolarios cernudianos existentes. Nesta postal é de vital importancia a imaxe, nada azarosa, que acompaña o texto: uns laranxeiros e, tras eles, unha paisaxe nevada. Esta mesma estampa ilustra a portada do libro. As laranxas e a neve son, pois, dous elementos e recursos que aparecen con frecuencia tanto nas obras destes autores como nas súas propias vidas. Ademais, neste capítulo afóndase na admiración mutua entre os poetas, patente nas súas cartas. Estas non están exentas de mencións de amizades importantes para Cernuda, como Sebastian Kerr e Carlos-Peregrín Otero. Nas últimas cartas de Cernuda a Valente reflíctese o seu cansado estado anímico antes de morrer. Tras o seu falecemento, Valente seguiu sendo leal ó autor, do que se conservan máis de 35 libros na súa biblioteca e ó que levou unhas semprevivas á súa tumba, motivo do poema "A Luis Cernuda, con unas siemprevivas".

Dolors Perarnau Vidal trata a relación entre Valente e Ramon Xirau, cuxas cartas se conservan inéditas. A autora constata as similitudes existentes entre os escritores. En primeiro lugar, ambos escribiron, ademais de en español, en catalán (Xirau) e en galego (Valente). Ó longo da súa vida, ambos fixeron referencia á creación nas súas propias linguas como algo espontáneo. En segundo lugar e no ámbito máis familiar, os dous sufriron a perda dun fillo. En terceiro lugar, as súas tradicións autóctonas inspiráronos en numerosas ocasións. En cuarto e último lugar, compartiron referentes literarios e filosóficos e, en especial, a concepción da poesía como forma de coñecemento. Nas súas cartas tratan, sobre todo, temas literarios e de publicación. Finalmente, déixase constancia dos dous encontros que tiveron Valente e Xirau, o que propiciou un ton máis amistoso, reflectido epistolarmente. O capítulo cérrase co diálogo entre os poemas "Cerámica con figuras sobre fondo blanco" de Valente e "Natura morta" de Xirau.
Epistolario de José Ángel Valente: Punto de encontro
Manuel Fernández Rodríguez debuxa unha aproximación ó intercambio epistolar entre Valente e Rafael Gutiérrez Girardot, onde se aprecia unha amizade que os uniu por 40 anos. Ela puido deberse á comprensión mutua por vivir situacións semellantes, como o autoexilio, tema recorrente nas súas obras. Así mesmo, Girardot apoiou a Valente no seu proceso por "El uniforme del general". Esta é unha proba máis da expresividade que mostraba Girardot nas súas cartas a Valente, ó que chegou a confesar valoracións críticas de obras de autores como Mario Vargas Llosa e Gabriel García Márquez. Ademais, as súas cartas reflicten o mundo literario e cultural compartido. Ofrecéronse a colaborar mutuamente en distintas revistas e Girardot incluso enviou algunhas traducións levadas a cabo por el mesmo a Valente, confiando na súa experiencia como tradutor para organismos internacionais.

Olga Novo trata non só o epistolario entre Valente e Vicente Risco, senón que tamén aborda o influxo deste naquel. O propio Valente recoñeceu a Vicente Risco como mestre, sobre o que escribiu artigos e ó que adicou "Cántigas de alén". Entre estes autores non só existiu admiración, como mostran as 16 obras de Risco que se conservan na biblioteca de Valente, senón que tamén tivo cabida unha relación máis familiar, como apuntan as tres postais de Valente a Risco, cuxas imaxes, como sucedía coa enviada por Cernuda a Valente, non son aleatorias.

Carmen Blanco traza a conexión entre Valente e Rafael Dieste, quen, se ben non chegaron a coñecerse en persoa, estiveron conectados grazas a María Zambrano e Carmen Muñoz. Neste capítulo achamos unha importante exposición da vida e do compromiso social de Rafael Dieste e Carmen Muñoz, a súa esposa, así como a valentía de ambos ante o estralo da Guerra Civil e o arduo traballo literario e cultural que exerceron no exilio. Unha vez iniciada a relación epistolar entre Valente e Dieste apréciase a confianza que o primeiro deposita no segundo, ó que pide axuda coa revisión das súas "Sete cántigas de alén". Tras a súa supervisión, Valente acepta 18 cambios de entre os propostos por Dieste.

Armando Requeixo expón a relación de amizade que uniu a Valente e Antón Risco, fillo de Vicente Risco, dende a xuventude até a morte do segundo. Non obstante, nas súas cartas tamén tratan temas máis profesionais, como as conferencias de Antón Risco sobre a obra de Valente e os distintos congresos nos que participou. Outras cartas permiten acceder a un panorama de intercambio de libros entre os autores. De especial interese son as cartas que recollen proxectos que finalmente endexamais viron a luz, como unha nova edición de "Poemas a Lázaro" prologada por Antón, unha edición de "La lámpara maravillosa" de Valle-Inclán por parte de Valente e, neste caso da man de Antón, un poemario galego. En ningún dos tres casos se sabe por que estes proxectos non chegaron a efectuarse. Por outro lado, as cartas son un espazo no que ambos autores mostraron as súas dotes crítico-literarias. O exemplo máis sobresaínte a este respecto é o autocomentario que escribe Antón sobre a súa monografía de Valle-Inclán e que pode ser de gran interese para valentistas, risquianos e valleinclanistas, como apunta Requeixo. En último lugar, nalgunhas cartas abórdase a actitude de Antón como defensor da postura posbélica de seu pai tras a súa morte, posición ben comprendida por Valente.

Arantxa Fuentes Ríos formula a relación especialmente literaria e editorial entre Valente e Cela, como director de "Papeles de Son Armadans". Como poeta, a Valente interesáballe ter difusión na revista de Cela e a este acoller a un dos grandes escritores do momento. Nas súas cartas, Valente escribe dende a figura do poeta, mentres que Cela faino como editor. Cela eloxiou en numerosas ocasións a poesía de Valente, a quen lle pediu que prologase a súa "Poesía completa". Nas súas epístolas están presentes tamén os nomes doutros autores, de entre os que destaca Caballero Bonald, quen actuou de nexo entre eles.

María Lopo explica a conexión entre Edmond Jabès e Valente, quen se coñeceron grazas a José-Miguel Ullán no exilio en París. A partir de aí, os autores comezan a escribirse, inda que a súa comunicación foi maiormente telefónica. Ambos influíronse mutuamente, como proba a presencia dunha trintena de libros de Jabès na biblioteca de Valente e incluso a existencia dun dossier sobre Jabès no arquivo do mesmo poeta, tamén conservado na Cátedra. Non obstante, non foi Valente o único preocupado en que a obra de Jabès se difundira, concretamente en España, pois, reciprocamente, Jabès preocupouse por dar a coñecer a Valente en Francia.

Juan Manuel do Río Surribas estudia a correspondencia entre Valente e Emilio Adolfo Westphalen. Esta comeza cunha profesión mutua de respecto e vai evolucionando cara a unha amizade profunda. Valente foi o promotor editorial de Westphalen en España. En primeiro lugar, tratou de que a obra do peruano se publicase en La Gaya Ciencia, porque outra edición prevista en Alfaguara non chegaba ó seu termo. Non obstante, este proxecto tampouco se puido materializar. Tras isto, a editorial Cátedra ofreceuse como novo espazo para editar a súa obra, pero o proxecto tampouco se levou a cabo. En todos estes casos descoñecemos os motivos que impediron a publicación da súa produción tal e como prevía o autor. Finalmente, a súa obra foi publicada por Alianza Editorial, con prólogo de Valente. Así mesmo, nas cartas intercambiadas entre os autores déixase constancia do interese e a preocupación de Westphalen por detalles editoriais non só de índole textual, senón tamén estilística.

Cristina Fiaño mostra a converxencia entre Valente e Juan Gelman. Inicialmente, Valente axudou no ámbito laboral a Gelman e, xunto con Xoán Anllo, formaron un grupo intelectual e amistoso. A mística xudía foi o punto de unión entre ambos autores, que se relacionaron epistolarmente, pero tamén deixaron mostra da súa relación amistosa nas cariñosas dedicatorias dos seus libros. Ambos mostráronse preocupados polo contexto histórico que lles tocou vivir e compartiron a dor pola perda dos seus fillos. Como amantes da diversidade lingüística, escribiron nas súas respectivas linguas; da galega, Gelman escribe: «Qué hermoso el gallego». En adición, interesáronse mutuamente polas creacións do outro, xa que nalgunhas cartas falan dos períodos de tempo nos que non se sentían inspirados e, ademais, Gelman pediu a Valente opinión literaria acerca dalgunhas das súas creacións.

Adina Ioana Vladu presenta a J. M. Cohen como un dos tradutores máis importantes e interesados en traducir a Valente ó inglés. Non obstante, a súa relación non foi meramente literaria, senón que tamén as súa familias estableceron unha boa amizade. As cartas entre eles intercambiadas mostran o interese de Cohen por coñecer a opinión de Valente sobre algunhas das composicións que el traduciu, como "El moribundo", "John Cornford" e "A don Francisco de Quevedo, en piedra". Outras deixan constancia de proxectos que finalmente non se levaron a cabo, como a tradución de "El visitante".
Rosa Marta Gómez Pato ofrece un listado das obras de Valente que foron traducidas ó alemán por tradutores como Joachim Sartorius, Petra Strien, Federico Bermúdez-Cañete Fernández, Johannes Kabatek e Manfred Gruhler. Non obstante, o interese dos tradutores alemáns por Valente é similar ó mostrado polo propio Valente por traducir a Celan ó español.

Cristina Marchisio emprende o primeiro estudo sobre a relación epistolar entre Enrique de Rivas e Valente. Esta comezou grazas a María Zambrano e a revista "Settanta", dirixida por Rivas. Debido a ese contacto, a tradución que fixo Valente de Montale viuse acompañada dun ensaio de Rivas na revista "Plural" de Octavio Paz.

No derradeiro capítulo, Saturnino Valladares aborda a correspondencia entre José Bento e Valente. Bento foi o tradutor portugués dos clásicos españois e dos grandes poetas contemporáneos, entre eles, Valente. Nas súas cartas reflíctese o interese de ambos pola tradución e Bento expón as dificultades que padeceu para publicar a súa "Antologia de Poesia Espanhola Contemporânea". Así mesmo, o intercambio de libros entre os autores mostra o interese mutuo polas súas creacións.

Como puidemos comprobar, "Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades)" recolle algunhas das relacións máis importantes na vida e na obra do galego. O carácter inédito dalgunhas comunicacións, como a postal de Cernuda, as cartas intercambiadas con Xirau ou a súa relación con Enrique de Rivas, confiren ó libro certo carácter de antesala a estudios que poderán desenvolverse no futuro. Outros capítulos permiten coñecer a face menos visíbel do mundo editorial e literario da época, como o adicado a Cela e, especialmente, os que tratan a relación tradutor-traducido, sen obviar la subxacente relación tradutor-tradutor do propio Valente con outros. Así, son os capítulos finais os que amosan que non só Valente, como tradutor, se preocupou por traducir a Celan ou a Montale, senón que grandes personalidades como Cohen e Bento tamén se interesaron por axudar a expandir a obra do galego noutras moitas linguas. Como apuntan algúns dos colaboradores do libro, coñecer o epistolario dos autores non nos permite unicamente acceder ás súas relacións máis persoais, senón que tamén nos axuda a entender os procesos de creación, colaboración e difusión que moitas veces non se poden apreciar tan facilmente ou que incluso non chegarían a revelarse de non ser por este medio.
Paz Fentanes, Laura
Paz Fentanes, Laura


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES